Formulario de acceso protexido por Login Lockdown

ana1Lois Dieguez e Ana Pontón. 

WWW.EMPUJE.NET. ANA PONTÓN NA CRUNHA. MÉRCORES 25 DE OUTUBRO 20 H. CIRCO DE ARTESANS

ana2b

VERBAS DE ANA PONTÓN:

Hoxe na Coruña fermoso acto no que falamos de nación, democracia, autodeterminación, dereitos e progreso. Obrigadísima a todos por vir e un especial afecto a Lois Diéguez pola dedicatoria tan cargada de afecto e pola súa participación.

ana4

AGASALLO DE LOIS DIEGUEZ PRA ANA PONTÓN. 

(Fotos cortesía do facebook de Ana Pontón)

https://www.facebook.com/ana.pontonmondelo

https://www.facebook.com/lois.dieguez

UN PASO ADIANTE Bases democráticas para unha nova Galiza

O pobo galego ten dereito a tomar conta do seu futuro e a se responsabilizar colectivamente na construción dunha Galiza mellor, libre, xusta, próspera e que garanta maiores e mellores cota de benestar para o conxunto de galegas e galegos. Como todos os pobos e nacións, aspiramos a contribuír desde nós ao progreso da humanidade e á conformación dun mundo mellor. E queremos facelo comezando polo propio País e desenvolvendo relacións de colaboración, no ámbito político, económico e social, en pé de igualdade e en beneficio mutuo, con todas as nacións do mundo, a comezar por aquelas coas que partillamos espazos xeográficos e políticos próximos.

Temos dereito, pois así o estabelece o máis elemental sentido da dignidade colectiva dun País que ten tras de si un longo percurso histórico que nos conformou como pobo diferenciado, como nación. Témolo tamén porque así o recoñece o dereito internacional, a Carta fundacional da ONU e pactos e acordos posteriores que deixaron estabelecido que todos os pobos do mundo teñen dereito a exercer a súa autodeterminación e, en consecuencia, a se tornaren nacións libres e soberanas. Mais, para alén de ser un dereito, no caso da Galiza, tomar as rédeas do noso futuro nas nosas mans é unha verdadeira necesidade se quixermos comezar a resolver cuestións materiais e os principais problemas sociais, económicos, lingüísticos ou culturais que a sociedade galega ten hoxe formulados.

En máis de 35 anos de autonomía Galiza non avanzou en termos relativos, isto é, en comparanza cos países da nosa contorna e á hora de encarar os grandes desafíos de futuro que temos como país. Neste período acentuouse o desmantelamento do noso tecido produtivo, até o punto de que a Galiza corre o risco de ficar sen base económica propia; acentuouse tamén o noso devalo demográfico e o avellentamento da poboación, agravado nos últimos anos pola sangría da emigración xuvenil; sumemos o devalo da nosa lingua, da nosa cultura, a destrución do territorio… a propia supervivencia de Galiza como país está ameazada se non invertermos esta tendencia.

A causa fundamental está no marco xurídico e político instaurado desde 1978, que consolidou un exercicio do poder centralista. A Constitución española recoñece un único suxeito de soberanía (o pobo español) negando na práctica a existencia de distintos pobos e nacións. Non é, por tanto, o pobo galego quen decide libremente o marco e en exercicio da súa liberdade decide tamén a forma de relación cos demais pobos. A autonomía foi unha carta outorgada, unha autonomía limitada e tutelada. O deseño institucional impediu o exercicio dun autogoberno real por parte da Galiza, ficando a capacidade política constrinxida a unha mera descentralización administrativa. Deste modo, as institucións galegas, co rango competencial atribuído no marco actual, non decidiron directamente en asuntos que foron determinantes para o futuro do noso país. Unha ollada retrospectiva sobre os principais fitos políticos e económicos acontecidos ao longo destes anos constatan que a Galiza tivo unha capacidade residual de acordo cos mecanismos estabelecidos no marco político institucional vixente

A integración na Unión Europea, cos efectos prexudiciais para sectores produtivos do país, a planificación das grandes infraestruturas, a ‘reorganización’ do mapa financeiro galego, o deseño e aplicación do modelo tributario e de financiamento dos servizos básicos, o mantemento dunha administración territorial decimonónica baseada na división provincial, por citar os máis ilustrativos, confirman que baixo o modelo autonómico a Galiza non puido realmente exercitar opcións políticas e socioeconómicas propias e estivo supeditada sempre á planificación e ao deseño realizado polos sucesivos gobernos centrais, que se caracterizaron por marxinar o noso país.

Mesmo, co pretexto da crise, o sistema político español desenvolveu un proceso para concentrar aínda máis o poder e para dar lexitimidade e apoio legal a todas as iniciativas e medidas impostas dun modo xerárquico e vertical polo Goberno central. A denominada “recentralización” é, ademais, a plasmación da vontade de manter un modelo político ferreamente controlado, que negue calquera aspiración para avanzar democraticamente e permitir que cada nación poida determinar libremente o o marco institucional que máis lle interesar e continúa a reforzar un deseño económico e social centralista contrario aos intereses das maiorías sociais da Galiza.

Mais, para alén da análise socioeconómica, este modelo constitucional e autonómico implicou, por medio dun sistema educativo e cultural dirixido desde as instancias centrais do Estado, a asimilación lingüística e cultural, desprazando os usos sociais da nosa lingua e impedindo o proceso de normalización, relegando a cultura galega e, en xeral, todos os elementos que nos identifican como nación.

Aínda, superar definitivamente o marco xurídico-político español, constitucional e estatutario, é tamén unha exixencia do punto de vista democrático. O sistema actual fica cuestionado polas enormes limitacións evidentes que estabelece no exercicio dos dereitos civís -quer individuais, quer colectivos-, da democracia e das liberdades públicas. Precisamos avanzar para unha sociedade galega cunha democracia real, baseada na participación permanente dos cidadáns e cidadás nas decisións públicas e con dereitos sociais e humanos avanzados. Tamén para garantir democracia precisamos de soberanía.

Hoxe, a superación do modelo político vixente, dimanante da Constitución de 1978, acapara todo o protagonismo. O debate máis determinante no actual escenario político xira arredor da vontade de as nacións exerceren a súa soberanía para determinaren libremente o marco institucional que entenderen máis beneficioso para os seus intereses. Iso implica capacidade de autogoberno real e leva aparellado a toma de decisións propias de forma absolutamente soberana, no noso caso vinculadas exclusivamente aos intereses de Galiza.

E sabemos que o noso País está hoxe confrontado á resolución de grandes problemas e ten por diante enormes desafíos a que debemos dar resposta como país. A crise demográfica, o despoboamento e desequilibrio territorial, o agravamento das desigualdades, a garantía de podermos desenvolver a nosa capacidade produtiva, o dereito ao emprego e a vivenda, a precariedade laboral e a marxinación da mocidade, a igualdade de xénero ou a normalización social da nosa lingua… Para os afrontar, resulta condición imprescindíbel unha acción política de fondo alcance, que actúe na superación do marco político e institucional vixente, non simplemente en reformas superficiais ou parciais que manteñan unha estrutura política e económica que subordina e relega os poderes galegos a seren executores de decisións consumadas.

É pois claro que neste momento só caben dúas opcións: que o noso pobo asista como mero espectador ao que acontece ou ben actuarmos como protagonistas para tomar as rédeas do noso futuro, facermos que a Galiza se constrúa colectivamente desde o propio país sen agardar a que outros decidan por nós.

Non se pode negar lexitimidade ás aspiracións de mudanza e superación do marco político que teña como horizonte construír un país mellor, avanzar na prosperidade para a maioría de galegas e de galegos. Porque precisamente ambos obxectivos só poden atinxirse baixo un novo marco institucional construído sobre os dereitos das nacións e o exercicio da soberanía, para actuar con plena capacidade nos asuntos fulcrais para o noso pobo. Un novo marco que ademais sexa unha panca para o progreso das galegas e galegos, pois non se trata simplemente de aspirar a decidir sobre o noso, senón que o necesitamos porque tamén aspiramos a mellorar realmente as condicións de vida de toda a poboación, a manter con orgullo os nosos sinais de identidade, e porque sabemos que só partindo da plena soberanía e decisión desde a Galiza poderemos avanzar decididamente na mellora do país.

É por isto que o BNG, forza que ten lexitimamente como horizonte estratéxico un Estado Galego soberano, a República da Galiza, apela hoxe ao conxunto da sociedade galega para asumir compartidamente que a nación galega pode e debe exercer os dereitos que colectivamente lle corresponden e, en consecuencia, iniciar xa o camiño para acceder a un novo marco político-institucional que garanta o dereito a decidir sobre o noso e sente as bases para o progreso e benestar do pobo galego. Con este obxectivo presentamos as seguintes

BASES DEMOCRÁTICAS

BASES POLÍTICAS

1.- Galiza é unha nación e, por tanto, ten dereito á autodeterminación, seguindo o estabelecido para todos os pobos na Carta das Nacións Unidas en 1945 e en pactos e acordos posteriores asinados, todos eles, polo Estado español.

2.- Conforme ao principio de autodeterminación nacional, a soberanía política na Galiza corresponde ao pobo galego.

3.- En aplicación do dereito de autodeterminación, a nación galega ten lexitimidade para estabelecer libremente o marco xurídico-político que máis lle interesar, que garanta a plena capacidade de decidir sobre os seus asuntos en función dos intereses do pobo galego e para poder articular políticas de desenvolvemento económico, social e cultural que garantan o progreso e o benestar do conxunto da poboación.

4.- A nación galega estabelecerá relacións de colaboración con todos os pobos do mundo, baseadas no beneficio mutuo. Nese sentido, privilexiará as relacións políticas e económicas en pé de igualdade coas nacións veciñas que conforman a península ibérica. En calquera caso, os marcos de relación que se puideren estabelecer non poderán reducir as facultades de autoorganización e autogoberno da nación galega e garantirán sempre a capacidade da Galiza de decidir de forma libre e soberana.

5.- A lingua propia da Galiza é o galego, que será oficial no noso País. Os poderes públicos garantirán a plena normalización social da nosa lingua, atenderán á súa dimensión internacional e preservarán os dereitos lingüísticos de toda a poboación.

6.- As institución galegas funcionarán baixo os principios dunha democracia participativa avanzada, que garantirá o dereito do pobo á participación nos asuntos públicos para a defensa do interese xeral e ao acceso a cargos e a función públicas, recoñecendo o dereito de sufraxio activo e pasivo para todas as persoas maiores de 16 anos en todos os procesos electorais e consultas populares.

7.- Os poderes públicos galegos estabelecerán os mecanismos oportunos para erradicar as discriminacións e desigualdades de xénero na participación pública, económica, social e cultural, desenvolvendo un marco legal que garanta unha participación e representatividade paritaria. Ficará recoñecido para todas as mulleres e homes o dereito ao goce e o exercicio dos dereitos sexuais e reproductivos, singularmente o dereito das mulleres a decidir libremente sobre o seu propio corpo. Os poderes públicos galegos recoñen o dereito das mulleres a unha vida sen violencia, tanto no ámbito público como no privado, adoptando as medidas necesarias para previr, eliminar e sancionar a violencia de xénero.

8.- O poder galego asumirá plenamente os dereitos e garantías recoñecidas na Declaración Universal dos dereitos humanos, no pacto internacional de deritos civís e políticos, no Pacto internacional de dereitos económicos, sociais e culturais e nos demais instrumentos internacionais en materia de dereitos humanos

9.- O pobo galego articulará un modelo de democracia participativa, garantindo a participación cidadá nos asuntos públicos, a través da iniciativa lexislativa popular, en todos os ámbitos de actuación dos poderes públicos e estabelecendo a obrigatoriedade de referéndums vinculantes en materias chave para garantir os dereitos humanos e os dereitos sociais e políticos. O pobo poderá promover a convocatoria de referéndums vinculantes se reunir 3% do censo electoral galego así como a revocación de cargos públicos electos que se viren incursos en situacións de corrupción.

10.- O poder público galego despregará relacións internacionais propias en función dos intereses políticos, económicos e comerciais da Galiza. Ficará garantida a capacidade de intervención e decisión última en todas as institucións supranacionais en que a nación galega participe e que traten de asuntos que nos afecten.

BASES ECONÓMICAS E FINANCEIRAS

11.- Galiza terá capacidade plena para implantar unha política fiscal propia, desde a regulación até a recadación de impostos, para o que será creada a Facenda Galega. A política fiscal galega responderá a criterios de xustiza e redistribución social, facendo que pague máis quen máis ten; garantirá que todas as empresas que operan no noso País e todas as persoas que nel teñan veciñanza paguen aquí os tributos que corresponder e permitirá facer uso pleno dos nosos recursos económicos para os colocar ao servizo do pobo galego.

12.- Galiza terá capacidade de decisión plena na base produtiva e económica para implementar unha política de desenvolvemento económico adecuada ás nosas potencialidades e capacidades e que teña como horizonte a creación de emprego e o benestar da sociedade galega. A Administración Galega fará do impulso á cultura, o deporte, a educación e a innovación, factor estratéxico de cohesión e desenvolvemento social e económico.

13.- Os poderes públicos galegos terán plena capacidade normativa sobre o sector financeiro que opera no noso País. Será creada unha Banca Pública Galega para garantir crédito e apoio financeiro ao tecido económico galego, ás pemes e persoas autónomas e ás familias.

14- O poder galego exercerá o control público dos nosos recursos, dos sectores estratéxicos da economía e da produción de enerxía. Será estabelecido un modelo tarifario que abarate o prezo da electricidade e permita que este ben público reverta no desenvolvemento do país e na eliminación da exclusión enerxética.

15.- O Goberno Galego terá capacidade plena para emitir débeda pública e para estabelecer acordos económicos e comerciais con terceiros países ou con organismos e entidades internacionais.

BASES SOCIAIS E CULTURAIS

16.- Galiza terá plena capacidade para lexislar, organizar e desenvolver o sistema educativo en todos os niveis co obxectivo de alcanzar un ensino galego público de calidade, laico, coeducativo e gratuíto. A lingua vehicular do ensino será o galego, sen menoscabo da capacitación do alumnado noutras linguas ou a súa incorporación complementaria na docencia, particularmente no ámbito universitario.

17.- Galiza terá plena capacidade para exercer a planificación, dirección e xestión da saúde e dos servizos públicos ligados ao benestar, para dar adecuada cobertura ás nosas especificidades e para garantir o seu funcionamento ao servizo do pobo galego, con criterios de universalidade e calidade

18.- Galiza terá capacidade plena de xestión directa da Seguranza Social e das pensións de xubilación, que serán garantidas polos poderes públicos galegos para todas as persoas con independencia de onde teñan vivido ou traballado ao longo da súa vida.

19.- Galiza terá plena capacidade lexislativa e normativa para estabelecer un marco galego de relacións laborais, co obxectivo de blindar a negociación colectiva e garantir traballo digno e con dereitos para toda a poboación. Recoñécese o dereito a unha renda social básica que permita desfrutar de condicións de vida dignas e participación social plena a toda a poboación galega, sen exclusións de ningún tipo.

20.- Os poderes públicos galegos estabelecerán unha Carta de dereitos sociais avanzados para o conxunto da poboación e desenvolverán medidas e programas para aseguralos na práctica, especialmente para aqueles colectivos que teñen máis dificultades para os veren efectivizados.

21.- A administración pública galega asumirá como prioridade o impulso á cultura nacional galega, desde a divulgación e valorización do conxunto de manifestacións e expresións culturais creadas polo pobo galego ao longo da súa historia, até o apoio á creatividade presente e futura e ás novas producións culturais.

22.- Galiza participará con pleno dereito, en todas as disciplinas, nas competicións deportivas internacionais oficiais

23.- Os poderes públicos galegos garantirán por lei, e sob control parlamentar, medios de comunicación públicos plurais e democráticos, ao servizo do pobo galego, dunha información veraz e plural, e realmente comprometidos coa normalización da lingua e o fomento e divulgación da cultura galega así como a súa internacionalización.

24.- Galiza exercerá a soberanía sobre o dominio público que constitúe o espazo radioeléctrico e, por tanto, terá plena capacidade para regular e xestionar as licenzas de telecomunicacións de todo tipo.

25.- Os poderes públicos galegos estabelecerán como prioridade política o coidado do medio e do territorio e aplicarán de forma permanente criterios de sustentabilidade social e ambiental.

BASES ADMINISTRATIVAS E XUDICIAIS

26.- Será organizada unha nova Administración Galega, a partir do deseño e articulación dun modelo administrativo propio e adaptado á realidade galega na ordenación territorial e na estrutura administrativa e institucional da Galiza.

27.- Serán eliminadas as provincias e a súa referencialidade como circunscrición electoral e, por tanto, tamén as Deputacións provinciais. O territorio galego será estruturado a partir dos concellos e as comarcas.

28.- O pobo galego terá plena capacidade para articular un poder xudicial propio que será a última instancia xudicial na Galiza, sen menoscabo do recoñecemento, se for o caso, de tribunais internacionais.

29.- Os poderes públicos galegos terán plena capacidade en materia de cidadanía, rexistro civil, notariado e sistema electoral galego.

30.- Galiza terá plena capacidade en materia de lexislación civil, penal, mercantil, laboral e para estabelecer o réxime xurídico de dereitos e liberdades públicas.

31.- A Administración Galega estabelecerá un sistema de financiamento local xusto e equitativo, que responda ás características e necesidade de cada concello e de cada comarca e que garanta a universalidade e a calidade dos servizos dependentes da administración local.

32.- Galiza terá plena capacidade para estabelecer as políticas urbanísticas, de ordenación do territorio e de seguranza viaria, así como a xestión de todas as infraestruturas públicas de transporte: viarias, camiños de ferro, portos e aeroportos. Exercerá a soberanía sobre o seu espazo aéreo e sobre as augas interiores, territoriais e o mar patrimonial (Zona Económica Exclusiva).

33.- Galiza terá plena capacidade en materia de seguranza pública, policía xudicial e fiscal, así como garda de tránsito, para o que será despregado o corpo da Policía Galega