SEN INFORMACIÓN SOBRE O CONCURSO
O cárcere da Coruña: autoxestión ou nada
Unha semana despois de rematado o prazo para a presentación de propostas para a xestión do cárcere da Coruña, o Concello continúa sen informar do número de solicitudes presentadas. Só Proxecto Cárcere fala abertamente do seu plan, que se basea nunha autoxestión inspirada na man común e recea da inxerencia municipal.
“Eles apostaron por outra vía, a vía electoral, a máis directa, e aí están, conseguírono”, di Tono Galán, un dos veteranos do Proxecto Cárcere, unha plataforma de colectivos cidadáns da que fixeron parte Rocío Fraga e Xiao Varela, concelleiros de Marea Atlántica, o goberno municipal da Coruña. En xuño de 2011, o mesmo día que se fechaban unhas xornadas de portas abertas no cárcere auspiciadas por María Xosé Bravo (BNG) desde o departamento de Cultura, no Concello recibía o bastón de mando Carlos Negreira (PP). “As xornadas, tres días, foran un éxito. Non houbo ningún tipo de axudas, cada colectivo achegou os seus recursos. Dixéronnos aí está a porta e… Cada vez que abrías, viña alguén e propuña algo. Aí empezou a idea da autoxestión”, conta Tono. “Pero chegou Negreira e eliminou uns obradoiros de gaitas que o goberno anterior tiña programados para agosto. Houbo xente que pensou que aquilo non daba para máis, viuse que ía para moi longo e moitísima xente foise. Optaron por outras vías, pero ninguén dixera que isto ía ser fácil e rápido”.
Seis anos despois, en maio deste ano, Xiao Varela, á fronte da Concellaría de Rexeneración Urbana, xunto con outros responsábeis municipais, entre eles á de Participación Cidadá, Claudia Delso, convocaron unha reunión con movementos sociais interesados na recuperación do cárcere. Explicaron que o convenio asinado en xaneiro polo Concello co SEIP (Sociedade de Infraestruturas e Equipamentos Penitenciarios), dependente do Ministerio do Interior –unha cesión por dous anos–, e un investimento municipal de 300.000 euros para rehabilitar cubertas e parte da estrutura do edificio, permitíalles abrir un proceso de concorrencia para “contribuír á recuperación para o uso cidadán dun edificio de características singulares e importante valor simbólico, promover a posta en marcha de modelos innovadores de xestión independente e colaborativa e incrementar a oferta de programas de dinamización e sociocultural da cidade”.
A idea do Proxecto Cárcere encaixaba coma unha luva na oferta do Concello. Para o goberno municipal, necesitado de dotar dunha política pública de efectos prácticos palpábeis o departamento de Participación Cidadá, a idea do Proxecto Cárcere axustábase á perfección nas bases teóricas do empoderamento da cidadanía que iniciativas como o Dillo Ti ou o CoLab parecen lonxe de concretar.
Porén, o tempo, a perspectiva dos actores e as distorsións que impón a realidade política –hai una Comisión Aberta en Defensa do Común, máis dun cento de entidades, que reclaman a devolución sen custe algún de espazos e terreos en mans do Estado, entre eles o cárcere, mentres a Xustiza dirime a última fase do litixio da cidade co Estado por un convenio asinado nos días de Paco Vázquez polo que o Concello pagaría para recuperar o cárcere cando ficase sen uso– fai que as luvas non sexan fáciles de vestir.
O Concello dubida. En xaneiro, días despois de asinar co SEIP, apresouse a abrir o cárcere, fechado desde 2011. Nunha mañá gris, a porta abriuna Celsa Díaz, unha presa política dos anos da Transición. Xiao Varela guiou a visita entre cascallos explicando os proxectos do Concello e o alcalde comprometeu o inicio das obras de rehabilitación para a primavera. Alleos, veteranos da cadea contaban como naqueles tempos de chumbo, cando xa non estaba ben visto matar, alí dentro se organizaban eles, os políticos e os comúns, mesmo se facían a comida que querían. O réxime podrecera e non estaba ben visto matar nin sequera os roxos. Alí dentro usárase o garrote. Así mataron, por exemplo, Manolito Bello, un mozo comunista ao que cada 11 de xullo se honra no cemiterio de Oza. E a outros. A José María Saavedra, socialista, que caera en Ourense co grupo de Camilo de Dios; e en medio das bombas, ferido, pedíralle a Camilo que o rematara alí. Camilo, o último guerrilleiro vivo, conta que non foi quen, que lle deu o revólver e díxolle que se matara el. “Caeu outra granada, véxolle o ollo colgando, sen moas, cuspindo sangue… e dixen ‘bueno, pois está morto’”, conta sempre Camilo. Volvéronse encontrar no cárcere da Coruña. “Déronlle garrote vil. O día que o mataron pasei a noite máis amarga da miña vida. Deixoume un reloxo de herdanza”. Foucellas e Gomes Gaioso foron asasinados polo mesmo procedemento. Daquela, nos anos corenta e cincuenta, estaba ben visto matar. A finais dos setenta, contou Celsa este xaneiro, mandaban “que arrincásemos a herba do patio porque querían que todo fose gris”.
As obras inda non comezaron. O Concello recibiu críticas por asumir gastos de rehabilitación. A memoria histórica dilúese nas condicións municipais para conceder a xestión do cárcere. Fica incluída nun paquete preferente de programas de dinamización xunto á “posta en valor dos novos creadores locais e a promoción de actividades que non teñen lugar noutros espazos da cidade con carácter regular”. E, mentres, desde o Proxecto Cárcere, desconfían da determinación do goberno municipal para deixar a xestión en mans da xente. Onte mesmo, na quinta feira, tres técnicos dos departamentos de Rexeneración, Participación e Culturas mantiveron unha reunión con membros da plataforma para pedir máis información sobre a proposta presentada hai xa dúas semanas. O Concello non informa se hai máis propostas do que a do Proxecto Cárcere. A semana pasada, a xustificación foi que inda que xa rematara o prazo de presentación, podían terse rexistrado documentos que non se recibiran. En agosto, segundo as bases da oferta pública, debería ficar resolvida a concesión.
“Na convocatoria o que se pide é unha proposta de dinamización socio cultural do espazo, e, ademais, que nesa dinamización puidesen xuntarse colectivos diversos. Na nosa proposta iso está aberto, calquera colectivo que queira unirse, estaríamos encantados de que o fixese”, explica Alberto Fortes, outro dos membros do Proxecto. “Hai exemplos no Estado de cesións municipais de lugares para a autoxestión, como LaFábrika detodalavida en Estremadura, ou Tabacalera en Madrid no que unha parte está cedida aos colectivos, ou o Campo de la Cebada que se xestiona desde a asociación de veciñas da Latina”.
“É unha especie de convenio de dinamización en que, neste caso polo menos, non hai cartos. Porque o Concello non porá cartos para que haxa persoal ou para outras cousas”, engade Laura Sánchez, quen como Alberto chegou ao Proxecto Cárcere após daquel verán de 2011. O Concello pagará a luz, a auga e a conexión a internet. “Trátase de crear unha asemblea que organice, decida e coordine. Decidirán aqueles que participen do espazo, dalgunha forma iso fai que te responsabilices e compartas esa responsabilidade. O exemplo é o das mancomunidades de montes. A longo prazo, gustaríanos chegar aí, cunha forma xurídica recoñecida. Nin público nin privado, senón mancomunado”.
Na reunión de maio alguén preguntou a Claudia Delso se habería un garda de seguridade na porta do cárcere. “Non imos recuperar a seguridade privada que había nin a destinar a esas tarefas a ningún funcionario público”, dixo a concelleira, que insistiu en que a entidade concesionaria debería garantir a apertura ao público durante un mínimo de 104 días o ano e 4 horas o día. Os criterios de avaliación das propostas, que premian a incidencia na gobernanza, suxiren unha aposta desde o goberno pola autoxestión. “Eu creo que queren ser observadores de primeira fila dun experimento social e poder aproveitar a experiencia para mellorar cousas na xestión municipal. É unha investigación empírica, e eles teñen esa vontade indagatoria. Están interesados nestas posibilidades de alternativas á xestión pública”, di Tono Galán.
Haberá unha comisión de seguimento cada tres meses integrada por representantes do Concello e da entidade concesionaria. “Todo isto entra dentro desa liña de participación cidadá que o Concello quere explorar. Está por ver até que punto deixan que esa participación sexa non guiada. Non sabemos cal é o seu eixo político. Se o seu ánimo é intervencionista”, anota Laura Sánchez.
A memoria e o financiamento
O cárcere inaugurárase en 1927, fora prisión até 1999, reconvertida ese ano en centro de inserción social até o seu fechamento en 2009. O Proxecto Cárcere naceu a finais do ano seguinte. Ao principio a urxencia era salvar o edificio da derruba. Despois María Xosé Bravo pensou nel para un aproveitamento para usos culturais e memorialísticos. O goberno bipartito perdeu as eleccións do 2011. O impulso da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica, que fai parte da plataforma, decaeu. Os colectivos máis atentos a novas fórmulas de xestión mantiveron a aposta. “É lei”, asegura Galán, “os colectivos acaban sendo de sete u oito persoas, mais nos últimos meses entrou xente moza e recuperamos vitalidade”.
En menos dun mes debería coñecerse a elección do Concello. Antes de final de ano deberían executarse as obras de recuperación dunha parte, aproximadamente un quinto, do vello cárcere. No Proxecto Cárcere contan con botar andar a asemblea e o programa de actividades a finais de ano. As propostas incluídas no seu plan van desde unha Oficina de Atención ás Vítimas do franquismo até un taller para bicicletas. Pero iso non é o importante agora. “En canto abras as portas aparecerán novas posibilidades”, confía Galán. Comezando polo financiamento. “A sociedade está afeita a ter un proxecto, un financiamento, unha persoa que dirixa, un ente detrás… Aquí non. Aquí é un caos, entre aspas, poden suceder cousas inesperadas. Cando dúas persoas casan a xente fai agasallos. E aquí hai xente preocupada e que no momento en que se abra cunha estabilidade mínima vai mirar para o cárcere doutro modo. Esa pode ser unha base”.
“En calquera caso, somos cautelosos”, insiste Fortes, “sabemos que as cousas non saen de hoxe para mañá”. E recoñece que se foron habituando aos avatares políticos. A cesión do SEIP ao Concello rematará antes de 2019, antes das próximas municipais. “Desde o principio optamos pola fórmula da negociación directa coas institucións, e volveremos a negociar con quen sexa”. Fortes non contempla a posibilidade de que o concurso fique deserto malia as dúbidas do Concello que se revelan na falta de información pública a respecto do proceso. “Sería un pouco raro, está asinada a rehabilitación, sería investir para telo fechado”.
Nota: As fotos inseridas no meio do texto, todas da autoría de E.D., son (1).-Celsa Díaz, ex presa, abriu as portas en 2017. Imaxe da visita ao cárcere en xaneiro; (2).- Corredor exterior. Imaxe da visita ao cárcere en xaneiro deste ano; (3).- Panóptico, área que entrará dentro da rehabilitación na primeira fase; (4).-Celas. Imaxe da visita ao cárcere en xaneiro deste ano.