Formulario de acceso protexido por Login Lockdown
UNHA DESPEDIDA: 8 ANOS DE LOITA, COMUNIDADE E APRENDIZAXES.
Cando pensamos nun colectivo, nun proxecto, nun centro social, nunha revolta, quédamonos, quizais erroneamente, na imaxe que se proxecta, na listaxe, na cantidade de derrotas e vitorias, do que foi en termos de produtividade, de resultados, de tempo invertido. E poucas veces ollamos máis aló, nas liñas de memoria, no diálogo común, na aprendizaxe, emocións e pensamentos que levas para casa, na vibración daquelas e daqueles que saben ou intúen o que pode agocharse no outro lado, na cara B do que nos contan e impoñen.
Iso é, foi e será A Comuna para todas e todos nós. A aperta amiga e a xenreira necesaria; o anaco de tortilla e a loita pola vida, polas vidas; as alegres e as combativas.
Cando hai 8 anos decidimos comezar este proxecto, viñamos da rúa, da praza, das folgas, de poñer o corpo e o corazón, si, o corazón en defensa doutra forma de existir, resistir e convivir.
A Comuna naceu como herdeira do 15M, máis en concreto do 15M de Monte e as súas asembleas debaixo dun toldo, nun sitio de paso; das liortadas de Stop Desafiuzamentos, da resistencia de Elviña Non se Vende, da autonomía de A Coruña en Loita, do movemento feminista contra a Lei Gallardón, contra o desmantelamento dos CIM, do Boikot Inditex e do Movemento de Loita Popular. Da complicidade con Proxecto Cárcere, o movemento okupa, o antirracismo do colectivo Sen Papeis, o antifascismo e o sindicalismo combativo. Da solidariedade coas Nais contra a Impunidade, cas presas políticas e coa defensa duns servizos públicos de calidade. Do noso compromiso anticapitalista e transfeminista.
Daquela, ao albiscar o inicio do actual repregamento nas rúas creamos este centro social para ser acubillo e impulso, punto de encontro e axitación. Para non pechar a voz común, para non regresar cadaquén á súa casa e rezar, se cadra, pola autosalvación. Queriamos ser ese lugar no que contar conta, no que mirar amplía a ollada. E así, adicamos tempo, enerxía, tenrura e rebeldía a facer daquel e deste lugar o que hoxe con orgullo representa unha auténtica escola de vida.
Por aquí falamos de auga, de enerxía, de memorias históricas, de arte, cinema, soberanía alimentaria, transfeminismo, educación, violencia obstétrica, de loita e memoria carcelaria, do movemento LGBTQI+, de antiespecismo, ecoloxismo, antigordofobia, de traballo sexual e dereitos, de antirracismo e loita contra as fronteiras.
Puxemos películas e falamos e discutimos, tocamos a guitarra, a pandeireta, fixemos xabrón e practicamos ioga xuntas, pegamos cartaces na rúa celebrando as nosas Letras, recitamos poesía, fixemos perolazos de comida para as veciñas, rimos e bailamos… Apostamos por unha desas vidas que merecen ser vividas, para todas, camaradas, compañeiras. Aínda que fose só un anaco que nos lembrase que si, que é posible. Habitamos a posibilidade.
Son tempos complicados para todas no particular e no colectivo. Este sistema, baseado na expropiación e expolio da natureza, da vida e do tempo, está continuamente alonxándonos as unhas das outras, afondando no illamento. Mais, pese a que soster este espazo sexa difícil agora mesmo, sabemos da urxencia de non deixar de prenderse e mudar de pel para seguir ese diálogo permanente co mundo que nos leve a inventar novas realidades, máis xustas, alegres e dignas.
Seguiremos procurando o horizonte da revolución, pero quedamos sen vento nas velas e esgotámonos de tanto remar. Agora temos que darlle un final e, se callar, un novo comezo (ou varios novos comezos). Porque o que aquí aprendimos é que soas non podemos, necesitamos das outras. Despedímonos sentindo que tocará deambular durante un tempo por onde nos leve esta sede de xustiza e liberdade. Aínda sen Comuna, seguiremos a ser comuneiras.
Só podemos dar as grazas a todas aquelas que apoiastes e enchestes de vida A Comuna, na crenza permanente noutros posibles.
Sempre alegres e combativas!