hesperia-finisterre

Comisión Aberta en Defensa do Común Nota de prensa DEFENSA DO COMÚN CONVOCA PARA SÁBADO, 26 DE MAIO, A II MARCHA CÍVICA CONTRA A SUBASTA DO HOTEL FINISTERRE E DOS TERREOS DE DEFENSA NO CAMPO DA ESTRADA

Publicado el 23 abril, 2018 | Prensa

Na reunión celebrada o 5 de abril a Comisión Aberta en Defensa do Común acordou celebrar o sábado, 26 de maio, a II Marcha Cívica, que saíra ás 12 horas do Hotel Finisterre até os terreos de Defensa no Campo da Estrada.

Terá como obxectivo reivindicar a paralización indefinida das poxas do Hotel Finisterre, anunciada pola Autoridade Portuaria, e de dous parcelas no Campo da Estrada, reactivada recentemente polo Ministerio de Defensa.

Defensa do Común lembra que o pleno municipal de 11 de abril aprobou, tamén cos votos do goberno municipal, unha moción a iniciativa da nosa Comisión que na exposición de motivos dicía que “Grazas ao convenio asinado co concello o 30 de xuño de 1984, Defensa actúa como unha auténtica inmobiliaria dedicada á especulación urbanística”. Entres os acordos dese pleno estaba: “Pedir ao ministerio de Defensa a devolución gratuíta ao concello da Coruña dos terreos do Campo da Estrada para uso público porque son espazos comunais, bens propios, pertencentes á cidade desde a súa fundación”.

Consideramos que está nas mans do goberno municipal evitar esa anunciada poxa, cumprindo outro dos acordos dese pleno: “Modificación puntual do Plan Xeral de Urbanismo” nesa zona.

O fin de semana anterior, 19 e 20 de maio, Defensa do Común realizará unha consulta con urna á veciñanza da Cidade Vella para recoller a súa opinión sobre o uso deses terreos, en cumprimento doutro dos acordos do citado pleno: “Ter en conta a participación e opinión da cidadanía e da Asociación de Veciños da Cidade Vella sobre o futuro uso deses terreos”.

Como en ocasións anteriores, Defensa do Común intentará que esta II Marcha Cívica teña o maior apoio de entidades da cidade. Por outra parte, presentará unha moción a todos os grupos municipais para que no pleno de maio se reafirmen no acordo de 11 de abril de 2016: “Manifestar o apoio da corporación municipal ás iniciativas e mobilizacións cívicas que convoque a Comisión Aberta en Defensa do Común”.

Moitas grazas pola vosa atención.

A Coruña, 7 de abril de 2018

¿Te gusta este artículo? ¡Compártelo!

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos necesarios están marcados *