FISTERRA

COMISIÓN ABERTA EN DEFENSA DO COMÚN NOTA DE PRENSA Valoración do protocolo asinado onte pola Xunta e Fomento sobre o futuro dos peiraos

Publicado el 23 abril, 2018 | Noticias, Prensa

Xunta e Fomento (a través da Autoridade Portuaria da Coruña) non pretenden outra cousa que retomar o convenio de 2004, é dicir, vender parte dos terreos dos peiraos desafectados polo traslado ao porto exterior, para pagar a débeda da construción de Punta Langosteira. Xa, daquela, a Autoridade Portuaria esperaba ingresar até 250 millóns de euros pola venda dos peiraos de San Diego, que teñen 377.000 metros cadrados.

No protocolo anunciado non se fala para nada do Hotel Finisterre, que é a auténtica xoia da coroa na zona do Parrote, porque Fomento non renunciou a súa privatización e segue co proxecto especulativo de continuar coa poxa.

Xunta e Fomento invitan a concello da Coruña e Deputación a que se sumen a este proxecto de vender A Coruña a cachos e que poñan tamén diñeiro para participar como compradores desa venda.

Reiteramos o que dicía o manifesto da convocatoria da manifestación do 7 de maio de 2017: “A Coruña non se vende, nin por moito, nin por pouco porque non estamos dispostos a pagar polo que xa é noso. Estamos a favor doutro modelo de xestión dos recursos públicos, non de pagar as débedas coa venda de terreos públicos”.

A Comisión Aberta en Defensa do Común lamenta a deslealdade institucional da Xunta e Fomento, marxinando ao concello da Coruña do debate e toma de decisións sobre o futuro dos peiraos e do litoral da cidade, cando é quen ten competencias urbanísticas sobre os terreos portuarias. (acordo do Pleno de 6-11-2017).

Se o futuro da cidade ten que decidirse na Coruña, o goberno municipal ten nas súas mans os medios para evitar esta venda da cidade, comezando polas modificacións necesarias do Plan Xeral de Ordenación Municipal, e executando os acordos plenarios, xa aprobados (tamén cos votos do goberno municipal), como vén reclamando repetidamente Defensa do Común.

Estes acordos do pleno municipal non son unha política de “soflamas”, como foron cualificados por Feijóo, senón un compromiso coa cidade, cuxa execución corresponde ao goberno municipal:

Pleno de 6 de novembro de 2017. Reiterar a oposición á especulación e venda do hotel Finisterre, mediante poxa, que só beneficia intereses privados, e “esixir á Autoridade Portuaria a devolución gratuíta da Solana e do Hotel Finisterre cando acabe a actual concesión en 2027”, tal e como aprobou o pleno de 9 de xaneiro de 2017. Instar ao goberno municipal para que a modificación do Plan Xeral de Ordenación Municipal-A Solana restableza a característica de público de todo o ámbito concesional dos terreos correspondentes ao Complexo Deportivo A Solana e ao Hotel Finisterre, na súa fronte ao Paseo do Parrote, co obxectivo de impedir a súa privatización.

Pleno de 9 de xaneiro de 2017. Instar ao goberno municipal a que, de procederse á desafectación de terreos da zona de servizo do Porto da Coruña (peiraos de Batería/Calvo Sotelo), así como dos peiraos de San Diego e a dársena de Oza, esixa ao Ministerio de Fomento que sexan cedidos gratuitamente ao concello da Coruña, con destino a actividade produtiva, fins de utilidade pública e interese social de equipamentos dotacionais, espazos libres e zonas verdes, públicos. Elaboración dun novo convenio coa necesaria asunción por fondos estatais e portuarios do financiamento das obras do porto exterior e das súas conexións.

Pleno de 6 de marzo de 2017. Someter ao Pleno Ordinario na súa parte resolutiva un punto separado na súa Orde do día co obxecto de que se debata e aprobe, se procede, esta Consulta Popular que incluirá, cando menos, esta pregunta: Está vostede de acordo coa devolución gratuíta ao concello da Coruña para uso público de La Solana e Hotel Finisterre, cando acaba e concesión en 2027, e todos os terreos portuarios a desafectar, do cárcere e dos terreos do Campo da Estrada, e que o Estado asuma o custo íntegro e as débedas da construción do porto exterior de Punta Langosteira  e as súas conexións. O goberno municipal terá en conta o resultado desta Consulta Popular nas súas relacións, acordos ou convenios coas distintas administracións públicas.

Un cordial saúdo

A Coruña, 19 de abril de 2018.

¿Te gusta este artículo? ¡Compártelo!

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos necesarios están marcados *