• Músicas Esquecidas
  • Contacto

Login form protected by Login LockDown.


Lores no taller de costura da súa nai
Montse Fajardo

Fernández Lores asegura que non ten conciencia de clase por ler a Marx senón pola propia vivencia da infancia na aldea

Cando o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, fala da súa nenez, trae a mente o Balbino. Un rapaz de aldea. Coma quen dis, un ninguén. E ademais, pobre. Naceu en Sanxenxo en pleno franquismo, no 54, nunha familia de labregos con dúas vacas. A súa nai era costureira, dunha familia con posíbeis de Noalla que non vía con bos ollos que a nena casara con aquel rapaz pobre, fillo de solteira, por moi lido que fose.

Ao seu pai encantáballe a lectura e esa, di, “foi a miña maior sorte”. Transmitiulle unha visión aberta do mundo e a claridade das súas ideas. Aínda que o obrigaran a alistarse no bando franquista con 18 anos e estivo de soldado seis, ata 1944, sempre gabou á esquerda: “Estivo moito tempo de vixiante no cárcere e aí había xente de moito nivel. Quedoume gravado o moitísimo que el a valoraba e o seu convencemento de que se cometera un xenocidio con ela. Sempre me transmitiu a idea de que había que acabar co franquismo. Para el era absolutamente irracional que se puidese manter un goberno como aquel no contexto europeo”.

Iso non lle impedía levarse ben co mestre, un franquista de Pontedeume. E coma o Balbino, que se erguía con noite pecha para ir co gando, o seu fillo Miguel tiña que saltar da cama ben cedo para ir levarlle o leite antes de entrar no colexio. A escola marítimo-pesqueira estaba a quilómetro e medio da súa casa, xunto ao taller no que a súa nai ensinaba a bordar as rapazas. Lembra velas mocear cos gardas do cuartel que estaba na mesma estrada. Nunha escola unitaria de corenta nenos, sempre foi o ollo dereito do mestre. Non levaba coa vara nunca… ou moi poucas veces. E era, con dous compañeiros, Manolito e Valladares, o encargado de preparar o leite que mandaban do Plan Marshall para tomar no recreo. Remexíano na ola grande do caldo mentres o profesor ía preguntando os verbos. Se cando pedía a conxugación ao ar ninguén a cantaba á primeira, ía neno por neno, empezando polos de atrás. Era aí cando os tres estudosos remexedores vingábanse dos mangallóns, que batían neles no recreo pero non tiñan idea de verbos: “Nós sabiamos a resposta pero cando lanzaba a pregunta calabamos e entón ía á fila de atrás e preguntaba un por un. Como non llos dicían levaban coa vara. Era o único xeito que tiñamos de devolverlles os paus”.

Xogaban na estrada vella que unía a súa vila natal coa que ía dirixir pasado o tempo. Empezou a fumar con 11 anos. Gastaba no carriño de María, en Pontevedra, as cinco pesetas que o cura lle daba por facer de sancristán. Axiña pasou de acólito a anticlerical “como dicía aquela estampa de Castelao: Que tal os rapaces? Téñoche un tan listo que ten quince anos e xa non cre en Deus. Eu evolucionei cos tempos, estando atento ás cousas, non lía os teóricos pero teño moi claro quen son e de onde veño”.

Ía á misa ás sete da mañá e ás sete e media ía andando ata Vilalonga, coller o Monbus que o levaba, primeiro ao instituto Valle Inclán, e logo ao Sánchez Cantón. Apenas tiña dez anos cando foi á capital examinarse do ingreso. Naquela Galiza gris de 1964 foi o único da escola, dos dez que fixeron a proba, que estudou o Bachiller. Tiña dúas curmás nas Calasancias, pero aquilo xa era outro nivel. Aulas para mozas da vila que falaban castelán. El era un neno labrego, como quen din, un ninguén. E foi nesa cidade á que estaba predestinado onde a súa conciencia política agromou por primeira vez: “Empecei por escoller francés porque todos os señoritos estudaban inglés. Había unha diferenza de clases bestial. Eras galego falante e empezabas a notar a animadversión. É aí onde descubro a importancia de defender a lingua e a cultura”.

O fillo daquel home que non tiña un peso pero que os domingos puña o traxe e non lle baixaba a mirada a ninguén, estudiou sempre con bolsas e chegou a universitario. Mais os cartos non daban e tivo que mesturar os libros de Medicina co traballo. Un tío seu, irmán do pai, tiña unha sala de festas, e pasou as fins de semana da mocidade traballando nela. Os domingos, ás catro da mañá, marchaba para Santiago nun Seat 600 e o mércores tiña que estar de novo de volta no Salnés. Comía con Valiño, o home ao que lle contrataba as orquestras, e logo pasaba a tarde pegando pola contorna os carteis. Aínda lembra cando logrou traer a Fórmula V, todo un éxito na España dos 70. Os días restantes tampouco estaban libres de traballo. Compaxinaba as clases na Facultade coa descarga de camións en Transportes Posadas, unha firma de Compostela. O único asueto que tiña eran as tardes dunha semana ao ano, á última de agosto, a da Virxe da Lanzada, na que ía á praia de dúas a seis, antes de volver ao traballo. E aínda así tivo folgos para rematar a carreira.

Exerceu por primeira vez en Samos “sen ter nin idea”. Había unha bolsa para facer prácticas no Hospital de Pontevedra, pero non lla deron. “Déronlla a uns pijos da Coruña que ían en tren buscar os cartos da bolsa pero xamais pisaron o Hospital. E teoricamente tiña preferencia a xente coma min, pobre, que levaba toda a vida estudando becado. Que traballaba todo o inverno e todo o verán”. Xa licenciado aínda tivo que gañar uns pesos traballando na batea. “Eu mamei a loita de clase. Non era que lese a Marx, é que sempre tiven clara a miña procedencia. Clarísima. Que agora son o alcalde pero de novo traballei moito co arado.” Aínda recorda con estupor que para a bolsa necesitaba a sinatura do cura e do representante da Cámara Agraria: “O sistema obrigábache a tragar, era alucinante”.

De mozo tivo unha apendicite e mandárono ao Hospital “por pobre”, a unha sala con nome de santo. Pero non o atenderon e o seu pai tivo que pedir cinco mil pesetas, que daquela eran un lote de cartos, para que o atendese por privado o doutor Castro Rial. E unha cousa levou á outra. A primeira vez que as súas ideas o mandaron ao cuartelillo –por teimar xa daquela contra ENCE -o seu pai foino buscar e botou da casa a uns familiares que lle acusaron de ter como fillo a un comunista delincuente.

Foi, coma Balbino, un rapaz de aldea, pero síntese privilexiado por ter podido estudar “e sempre quixen devolverlle á sociedade o moito que me ten dado. Sendo médico e sendo alcalde”. Ve a política municipal como unha continuidade do que facía no ambulatorio: “En medicina de familia podes axudar pero no concello podes facelo aínda máis porque gobernando actúas sobre máis poboación”. O modelo de cidade sérvelle de exemplo: “Eu na consulta podo dicirlle a un, ou a catro, que anden, pero se fas peonil Pontevedra pos a andar a toda a cidade”.

Iso si, bota de menos a reciprocidade que dá ser médico: “Na consulta a xente é moi agradecida. Na alcaldía tes protestas por todos os lados: se pos o contedor preto, cheira mal e se o afastas, lle queda moi lonxe”.

Aínda así, asegura sentirse “moi satisfeito” do traballo que fixo, na capital, o equipo encabezado por aquel rapaz de aldea.