lois2

24 de xullo de 1967: Morre LOIS PEÑA NOVO.Por Soqui Cea Vázquez.

Publicado el 2 agosto, 2018 | Noticias, Opinión, Prensa

lois1

(No ano 1995 creáronse os Premios Lois Peña Novo para animar e incentivar a aquelas persoas que traballan arreo polo normalización da nosa lingua, case que sempre sen apoio e sen medios.)

24 de xullo de 1967: Morre LOIS PEÑA NOVO.
Aquece na véspera do 25 de xullo ter unha lembranza para o primeiro concelleiro nacionalista deste País, o primeiro concelleiro que empregou a lingua galega na toma de posesión do seu cargo no Concello da Coruña no ano 1920. Foi el quen nun 25 de xullo mandou que a bandeira galega ondease no Pazo de María Pita.
Lois Peña Novo foi un funcionario exemplar, galeguista, defensor político de Galicia e un loitador incansable a prol da autonomía galega. Como funcionario foi secretario dos Concellos de Vigo, Sada e Lugo no ano 1936, época na que é separado do servizo e obrigado a abandonar o seu cargo con supresión de emprego e soldo por mor da sublevación militar.
Un fillo de labregos que chegou a ser avogado e, seica, o mellor orador político que existiu.
Pertencer ó bando dos perdedores da guerra civil supúxolle ser encarcerado primeiro en Lugo e despois en Baralla. Máis tarde, foi deportado a Zaragoza para retornar como confinado á súa Vilalba natal ao remate da guerra.
En 1962, cando xa se achegaba aos setenta anos, marcha vivir a Madrid á casa do seu fillo, o médico Lois Peña López.
Volve a Vilalba todos os veráns ata que, o 24 de xullo de 1967, nunha desas viaxes, un accidente de coche rematou coa súa vida e a da súa dona en Robra (Outeiro de Rei).
“O nacionalismo é unha afirmación: a afirmación da existencia propia; é unha creación: a creación do pensamento propio; é unha acción: a acción complementaria do pensamento; é, pois, sempre un amor expansivo e creador como todos os amores”.
(Lois Peña Novo)

lois2

Mitin en Pontevedra, dúas semanas antes do plebiscito do Estatuto do 28 de xuño de 1936.
“Galicia non quere favores de ministros nin de deputados, quere un goberno propio que faga as cousas porque son necesarias para o benestar do país galego” (Lois Peña Novo)

FACEBOOK SOQUI CEA VÁZQUEZ.

https://www.facebook.com/soqui.ceavazquez

¿Te gusta este artículo? ¡Compártelo!

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos necesarios están marcados *