Formulario de acceso protexido por Login Lockdown

Midori Takada, Loraine James,

Croatian Amor, Malibu y DjRUM, entre

os primeiros nomes confirmados para

WOS Festival x SON Estrella Galicia 2023

 

A vangarda da electrónica volve a Santiago de Compostela os días 14, 15, 16 e 17 de setembro da man do sétimo WOS Festival x Estrella Galicia. Como é habitual, o festival desenvolverase en diversos puntos da capital galega, Patrimonio Cultural da Humanidade desde 1985.

Desde o Xapón da era Meiji á inmensidade do océano, a diáspora africana ou a nova onda escandinava

O formato directo traerá ata as diferentes sedes do festival artistas como a aclamada Midori Takada. A nipona estrea espectáculo con “Japan On Film”, un proxecto comisionado pola Japan Foundation e o British Film Institute no que a compositora musicará as imaxes captadas a principios do século XX, restauradas para a ocasión pola institución británica. A francesa Malibu e as súas ensoñacións oceánicas ambient; o serraleonés Lamin Fofana e a súa particular materialización sonora dos movementos humanos ou a dinamarquesa Puce Mary e o seu compatriota Croatian Amor, ambos presentando os seus novos temas, completan -de momento- o elenco de directos do WOS Festival 2023.

Proxectos audiovisuais únicos, como VOID de Slikback e Weirdcore ou Rhizomes de Aho Ssan e Sevi Iko Dømochevsky

Un ano máis, o festival acollerá algunhas das propostas máis innovadoras no campo da música electrónica e as artes visuais. Como é o caso de VOID, proxecto comisariado por Unsound Festival e comisionado por Rewire, donaufestival e Unsound, onde colisionan os ritmos frenéticos do keniano Slikback e as excentricidades animadas do artista multimedia Weirdcore. Ou Rhizomes, o novo proxecto de Aho Ssan, que levará ao escenario por primeira vez en España acompañado do impactante imaxinario dixital de Sevi Iko Dømochevsky. Outro talento habitual no mundo visual, Pedro Maia, acompañará a un trío tan exótico como excitante: Shackleton, Zimpel e o vocalista indio Siddhartha Belmmanu. Os tres concibiron In The Cell Of Dreams, traballo que verá a luz moi pronto. Quen tamén estarán estreando novos traballos no festival serán a británica Loraine James, co seu último álbum Gentle Confrontation, e a australiana de raíces filipinas CORIN, que presentará o seu novo disco Lux Aeterna.

Hardcore continuum e fluctuacións no ritmo

Dous dos mellores selectores da escena británica estarán invocando o baile coas súas sesións nesta edición de WOS. Eles son Lee Gamble e DjRUM. Acompañaralles Akazie, un dos nomes máis interesantes do panorama galego capaz de entremesturar os ritmos desfeitos da música de club global co seu particular e académico achegamento ao folclore. Completa a aliñación o hiperactivo e hiperconectado enxeñeiro de son e produtor santiagués JUAIT, que estreará directo no WOS Festival.

Fundación Laboral da Construción para desfrutar do sábado noite

Como novidade, o festival estrea en exclusiva para esta edición un novo espazo no que se desenvolverá toda a programación nocturna do sábado 16 de setembro. Trátase das naves da Fundación Laboral da Construción, un complexo arquitectónico con historia recuperado e reconvertido recentemente que, nesta ocasión e durante unha noite, servirá de pista de baile para o WOS Festival.

Agardámosvos!

Co apoio de: SON Estrella Galicia, Xunta de Galicia (Axencia de Turismo de Galicia e AGADIC), Concello de Santiago de Compostela, Deputación Provincial da Coruña, Japan Foundation e British Film Institute

Facebook  Instagram  Twitter  Youtube

 

FOTO CABECEIRA DA MAN DE https://www.elespanol.com/