Formulario de acceso protexido por Login Lockdown
Unha iniciativa de David Soto para o #plenonovembro deste xoves 9N.
David Soto xa denunciou no seu día o abuso das comisións de servizo no Concello
Cinco meses despois de se constituír a Corporación aínda non foi publicada a Declaración de Bens dos seus membros.

Esta irregularidade leva o concelleiro do BNG David Soto a trasladar a cuestión ao Pleno ordinario de novembro que se vai realizar este xoves a partir das 10 horas, a través dunha moción que inclúe medidas para garantir a necesaria transparencia da institución municipal.

“O Goberno Local ten que dar cumprimento a dúas obrigas. A primeira, a publicación da Declaración de Bens dos membros da Corporación. Cinco meses despois de se constituír, é unha tarefa aínda por facer, cando concellos como Santiago de Compostela ou Carballo xa o teñen feito”, refire Soto.

A segunda obriga é desenvolver no Concello a Lei Reguladora da Protección das Persoas que informen sobre infraccións normativas e de loita contra a corrupción -publicada no BOE o 21 de febreiro de 2023-, unha norma que traspón unha directiva comunitaria.

Ese texto legal contempla a creación nas administracións públicas dun Sistema Interno de Información que dea garantías de protección a aquelas traballadoras/es que teñan coñecemento de feitos que podan ser constitutivos de delito ou de infracción administrativa e que, por tanto, podan comunicalos a unha “autoridade independente” sen temor a represalias e co propósito de que se poda abrir a “pertinente investigación”.

“Son medidas que sen dúbida resultarían nunha maior hixiene democrática no Concello”, salienta Soto, quen agarda que obteñan o apoio maioritario do Pleno.

A lei establecía un período de 5 meses para que o Concello crease o Sistema Interno de Información. O prazo concluíu o pasado 13 de xuño sen que se dese cumprimento a esta disposición legal, polo que David Soto insta o Goberno Local a que poña fin a esta irregularidade.

O procedemento para a constitución do SIF, tal e como dispón a lei, debe ser negociada coa representación das traballadoras e traballadores do Concello.