Luns, 23 de abril de 2018, ás 19 horas
Salón de actos da ONCE no Cantón Grande da Coruña
Participantes (todos eles estudantes da USC en 1968):
Francisco Cerviño González, estudante de Medicina
Mari Luz Canal Paz, estudante de Dereito
Francisco Álvarez Fontenla, estudante de Ciencias
Camiño Noia Campos, estudante de Filosofía e Letras
Actuación musical de Miro Casabella
Presentación:
Manuel Monge, secretario do Foro Cívico
Hai que recuperar a memoria histórica e o contexto represivo, cunha Lei de Prensa de Manuel Fraga que multaba aos xornais, simplemente por informar.
Contaremos con persoas que estaban alí como estudantes e que hoxe pasan dos 70 anos, significados profesionais, profesoras/es de universidade.
Miro Casabella, tamén protagonista, cantará o “Venceremos nós” e outras cancións moi coñecidas naquela época.
Un acto importante, organizado polo club de opinión Foro Cívico, para rexuvenecer 50 anos; para aprender do pasado e conquistar o futuro.
E recuperaremos algunhas daquelas frase que aparecían pintadas nas paredes: Cambiar a vida, transformar a sociedade. O deber de todo revolucionario é facer a revolución. Sexan realistas, pidan o imposíbel.
Na Universidade de Santiago de Compostela (USC) –tiña, daquela, só seis facultades– o “Maio do 68” de París foi realmente en marzo dese ano. En París a universidade da Sorbona foi pechada e a policía tomou a cidade. Traballadoras e traballadores presentaban tamén as súa reivindicacións e Francia quedou paralizada por unha folga xeral. As eleccións de representantes do estudantado na USC o 10 de novembro de 1967 fortaleceu o Sindicato Democrático de Estudantes. A actuación do decano de Ciencias, Joaquín Ocón, suspendendo actos culturais e declarando ilegal un boletín desa facultade, provocou o inicio dunha loita con 110 días de folga, manifestacións que deixaron 13 detidos; folga xeral en marzo e peche de tres días no edificio central da USC con asembleas de máis de 2.000 persoas, como resposta á expulsión de sete estudantes da universidade e perda de matrícula para outros seis.
Esta represión non era un caso illado porque o 28 de marzo de 1968 o goberno franquista pechaba a Universidade Complutense de Madrid por tempo indefinido; o 31 de maio secuestraba o diario Madrid; o 3 de agosto declaraba o Estado de Excepción en Guipúscoa; o 17 de xaneiro de 1969 é asasinado en Madrid en dependencias policiais o estudante Enrique Ruano, e o 25 de xaneiro de 1969 o Goberno declaraba o Estado de Excepción en todo o Estado, que se prolonga até o 25 de marzo, con detencións masivas e confinamento de moitos intelectuais.
A loita do estudantado da USC polas súas reivindicacións foi tamén unha loita contra a represión da ditadura franquista. Represión da xustiza a través do Tribunal de Orde Pública (TOP); represión das chamadas Forzas e Corpos de Seguridade do Estado con decenas de feridos polas cargas policiais; represión contra os medios de comunicación, en aplicación da Lei de Prensa e Imprenta (LPI) de Manuel Fraga, que entraba en vigor en marzo de 1966. Só de abril de 1968 até abril de 1969, Fraga abriu 201 expedientes administrativos e 118 acabaron en sanción. La Voz de Galicia foi un dos xornais que recibiu máis sancións por informacións relacionadas coa folga de estudantes: multa de 12.500 pesetas o 17 de xaneiro de 1968; 10.000 o 27 de xaneiro; 12.500 o 9 de marzo; 10.000 o 10 de marzo e 10.000 pesetas o 12 de marzo. Pouco despois, o 26 de xullo de 1968 Fraga multaba con 50.000 pesetas ao subdirector de La Voz de Galicia, Francisco Pillado Rivadulla, que exercía de director por ausencia do titular. O “delito” foi a publicación do artigo de Augusto Assía “Sobre el idioma gallego”. Cinco meses despois Fraga era nomeado “Fillo Adoptivo” da Coruña.
(Foto portada cortesía de escolar.net)