• Músicas Esquecidas
  • Contacto

Login form protected by Login LockDown.


Somos Siniestro Total!
No comezo houbo un accidente, unha colisión que esnaquizou un Renault 12 Familiar na avenida de Beiramar. Os rapaces aínda adolescentes riron ao escoitar o veredicto da aseguradora: Siniestro Total. Velaí o nome, perfecto, como un obús, como unha tonelada de wolframio, un nome contundente naquel tempo de nomes rimbombantemente absurdos. Así que os que antes se facían chamar Mari Cruz Soriano y los que afinan su piano e que antes de antes atendían ao nome de Coco y el de los Mil Quinientos, mentres curaban das feridas no hospital Xeral de Vigo, tivérono claro. A partir daquela revelación epifánica, Julián Hernández, Germán Coppini, Miguel Costas e Alberto Torrado botaron a andar un artefacto que se converteu na bandeira, no estandarte dunha xeración e mais dunha cidade: Somos siniestro total! berraban desde o escenario, e nós, choutando entolecidas desde abaixo, repetiámolo con toda a forza das nosas gorxas novas.
Os oitenta estoupaban en Vigo cheos de alegría salvaxe, de rollo canalla, de lumpen proletariat con ínfulas e formación de Colexio Alemán, unha maneira distinta de estar no mundo, unha maneira orgullosa e gamberra, cosmopolita e paleta, sucia e prepotente. Eramos fillos daquela cidade portuaria vida a máis, daquel barullo que fervía e que tiña conciencia de clase. Vigo era si, o centro do mundo, o cerne da deboura, unha cidade divertidísima. E alí estaba Siniestro, alma mater, centro nutricio, eles eran os reis, os monarcas dun lugar que nos enchía de orgullo. Lembro ben a primeira vez que fun soa de excursión a Madrid, véxome entrando no templo da movida madrileña, pop pop pop diario pop, esto no es hawai qué guai, alí no medio do RockOla, escoitando en primeira fila a Miña terra galega e chorando emocionada de puro patriotismo. “Son de Vigo, coidado, chaval!”, dicía eu, como unha parviña adolescente encantada da cidade e da terra onde nacera. Ese viguismo que andando o tempo destingiu foi si, unha realidade nos oitenta, un siniestro total que facía da escuridade diáfana luz. “Galicia gran carallo de sal, a lingua debe vibrar, o himno é un berro de pracer”
Matamos hipis nas cíes, e nos picou un huevo e metímonos no armario con Mario e bailamos sobre a túa tumba e fomos cuantas putas e ti eras moi vello, aquelas letras delirantes e punkarras que hoxe serían un absoluto sacrilexio. Toda aquela risa liberadora, aquel impulso irreverente era un foguete que nos propulsaba cara un futuro soleado. Onde está aquel viguismo que se escarallaba mentres contemplaba con amor os costuróns da súa fealdade? O emblemático scalextric cara a ningures, o piso esvaradío do Kremlin no que a xuventude bebe, a xuventude se droga nunha festa comunal da modernidade?
Sempre pensei que Siniestro Total morrería enriba do escenario, como os grandes monstros da música dos países grandes. Resistiron moito, moito máis que a maioría, tiveron o acerto, a madureza de ir evolucionando, de transitar do rock cara ao blues sen deixar a alma punkarra, e as letras foron medrando en complexidade, cortantes e incisivas como un poema gracianesco. Pasaron a súa travesía do deserto, rexurdiron e volveron a sumirse, pero agora xa non haberá máis oportunidades para a resurrección. Este mes de maio a súa voz cala para sempre nunha final apoteósica no WiZink Center de Madrid, que xa ten miles de entradas vendidas. Malditos sexades, esquizo roqueiros celtas!, por que marchades? Como habitar agora o neoviguismo de dinoseto de buxo e noria de luces? U-la poesía? U-la chusma, u-lo lumpen proletariat?
“Nosotros no somos vosotros, nosotros no somos ni siquiera nosotros, se trata sólo de dar la lata y ya hace tiempo que faltamos de casa…”
Luz de gas, Tempos Novos abril.
Ilustración: Andrea López Toba