noroeste-628x356

Carta aberta a Xoán Abeleira (a conta de John Berger) por María Pilar García Negro / cortesía de https://www.laopinioncoruna.es/

Publicado el 14 noviembre, 2019 | Literatura, Noticias, Prensa

noroeste-628x356

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Xoán Abeleira.

https://www.facebook.com/xoan.abeleira.7

Hai xa meses que quería falar dun libro que lin dunha sentada e do que me admirou tanto o contido canto a tradución. O da sentada é absolutamente literal, pois foi unha das leituras que prevín para unha longa viaxe en avión e tanto gostei del que non o abandonei nen sequer cando o sono me quería vencer. Trátase de Porca terra, de John Berger, traducido ao idioma de noso por Xoán Abeleira. O noso amigo, facendo honra ao seu apelido, oferécenos sempre, no seu labor de tradutor, froitos maduros, moito ben matizados, cun dominio literario do idioma de orixe e do idioma receptor que non é frecuente atopar nas traducións. Se estas, por exemplo, son do galego ao español, a porcentaxe de risco e de erro aumenta exponencialmente. Lembramos a tradución do verso rosaliano onde miña nai foi nada (o Pazo d´Arretén) por donde mi madre fue nada (no canto de donde mi madre nació), o que provoca que a benintencionada autora atribúa a angustia de Rosalía a unha orixe conxénita, ante-intra-uterina, como dicía coa exactitude e a ironía nel proverbiais D. Ricardo Carvalho Calero. Aínda recentemente comprobamos como o tradutor, do francés ao español, de María Casares, ignora que o alalá que ela cita nos seus recordos de infancia é unha peza musical galega e fica convertida nun alalala de significado descoñecido. Antítese destes dislates é o labor de tradutor de Xoán Abeleira, porque nel estamos a ler, co máximo rigor do profisional, o cuidado, o meiró, con que un escritor acariña un texto amigo, co que non hai que pelexar senón reproducilo amorosamente na lingua de destino.
Esta é a primeira virtude do libro que comentamos, incorporado magnificamente á literatura na lingua galega da man de Xoán Abeleira, que, aliás, tivo o acerto de non desprezar moitas formas lexicais proprias do galego oriental e moi vinculadas mesmamente á valorización da agricultura e da terra que Berger preconiza. Mais dáse a circunstancia de que o volume é tamén galego por outras razóns. O que o autor inglés exhibe e defende é un mundo que nos é moi próximo, o da economía agrícola, o das labregas e labregos, o dunha alimentación non contaminada nen contaminante e, asemade, un mundo cunha cultura peculiar que, á maneira en que Rosalía de Castro demostra de forma maxistral en Cantares gallegos, ten a súa propria épica e a súa propria lóxica. Acaille este libro, como luva á man, ao noso territorio, á nosa sociedade e a todo un repertorio de usos e de costumes que mal se acomodan aos adxectivos ruralista ou costumista que a crítica literaria cómoda e rotineira continúa a usar para descreber pezas fundamentais da literatura galega. ¡Que familiares resultan palabras coma estas: O conservadorismo do labrego, dentro do contexto da súa experiencia, non ten nada en común co conservadorismo da clase dirixente acomodada nin co conservadorismo servil da pequena burguesía! Cantas veces non se terá repetido, nos textos clásicos e modernos do pensamento nacionalista galego, que agricultura e economía moderna non son incompatíbeis (que falen Franza ou Dinamarca), que o sector primario, no campo e no mar, é fundamental para unha nación como a Galiza que aspire a centrar a súa economía, a facela produtiva, a tirar proveito dos seus recursos e a explorar todas as súas avantaxes comparativas.
Parabéns, Xoán Abeleira, por achegarnos autor e obra tan próximos e tan ratificantes de vellas teses galegas. Noraboa por esta tradución e por toda a túa obra como escritor. Xa sabes, vémonos en Castelao e mais en Blanco Amor, para non esquecermos débedas contraídas no verán. Unha forte aperta dunha neta de labregos de terras do Ulla e do Deza.

14066355_1375501932463291_8222245677762223695_o

 

 

 

 

 

 

 

 

María Pilar García Negro.

https://www.facebook.com/mariapilar.garcianegro

¿Te gusta este artículo? ¡Compártelo!

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos necesarios están marcados *