Formulario de acceso protexido por Login Lockdown
A NOSA ALEGRÍA
Quen non estivo onte na Pobra do Caramiñal e ten curiosidade pode repasar imaxes do que alí aconteceu, acontecemos. (https://x.com/NosDiario/status/1903724775643480527 )
O conto é que para saber como foi aquilo as persoas que estivemos alí tamén temos que acudir a esas imaxes porque ocorreunos o mesmo que lle ocorreu a Frabizio del Dongo, personaxe de Stendhal, que estivo no medio da batalla de Waterloo e nin viu nin se enteirou de nada, pois estivemos un bo pedazo de tempo debaixo de paraugas contra unha chuvia inclemente. Mais non choramos e rimos.
Sempre hai quen quere retratarnos como xente triste, aínda hai pouco unha política da corte caracterizaba galeg@s como xente sen graza. Non hai tal. Quen non nos quere ben, ou non se quere ben, escolle retratarnos por eses personaxes que enviamos á corte como servidores dese estado. Eu prefiro vérmonos no noso espello e encontro alí a imaxe dunha xente combativa e alegre. Onte eramos moita xente, quen pretenda negarnos apoñendo a imaxe deses miserabeis que ocupan a Xunta é porque nin nos quere nin nos coñece.
Debaixo dos paraugas había persoas particulares, cada quen coa súa vida e do seu lugar, non esa masa “manipulada” que pretenden a xente máis ruín de entre nós. Nin sequera tantos miles de persoas eran militantes ou simpatizantes do BNG, quen nos dera, eran persoas libres que apañaron un paraugas antes de saír da casa para acudir a un lugar que consideraban que era seu. Porque quen sentimos o mundo que nos rodea como o noso país sabemos que os nosos ríos son nosos, que as nosas rías son nosas e a nosa Terra é nosa. E para iso non é preciso estudar un programa político.
Abonda con saber recoñecer os canallas e os inimigos do mundo. E para iso precisamos saber querer, porque o que fixemos onte cando nos manifestamos foi un acto colectivo de amor, amor compartido entre xente diversa.
E non, non temos eses rostros tristes con que nos queren retratar quen non sabe amar, quen só sabe odiar. Quen odia o país que o rodea.
Baixo os paraugas, mollados como pitos, cantamos contra os que odian. E rimos. E voltamos ás casas rindo, porque é lindo facer o amor, amar o país que amamos.
E amamos a ceo aberto e baixo os paraugas, e choramos cando a vida o demanda e rimos. Rimos contra os tristes que ocupan a Xunta, contra os tristes que odian o noso país, que nos odian. Que lles medre.