A Comisión Aberta en Defensa do Común da Coruña leva un ano denunciando o roubo de espazos públicos e reclamando a súa devolución gratuíta. Esixe ao ministerio de Defensa a devolución gratuíta ao concello da Coruña para uso público dos terreos do Campo da Estrada-Maestranza porque son espazos comunais, bens propios, pertencentes á cidade desde a súa fundación. Esixe tamén a devolución gratuíta das instalacións deportivas da Solana e do Hotel Finisterre, despois de que a Autoridade Portuaria, é dicir, o ministerio de Fomento, anunciase unha poxa para “facer caixa” e pagar unha débeda de 300 millóns pola construción do porto exterior de Punta Langosteira. As reivindicacións da citada Comisión coinciden coas da Asociación de Veciños da Cidade Vella.
O goberno municipal de Marea Atlántica manifestou a súa disposición para pagar 1,4 millóns de euros pola recuperación da Solana para uso público. Por que temos que pagar para recuperar un espazo que sempre foi público e que remata a súa concesión dentro de dez anos? Alí estivo a praia do Parrote e o vello cárcere. Despois dun recheo construíron unha piscina, despois o hotel en 1948 e o complexo deportiva en 1970, sobre 25.000 metros cadrados de titularidade pública ou gañados ao mar. Por que A Coruña debe contribuír para que Fomento rescate con 5.000 millóns de euros as ruinosas autoestradas radiais de Madrid?
As orixes destas instalacións explícanse a través da propaganda oficial, profusamente difundida, como unha iniciativa de Armando Casteleiro Varela. O conto comezaba así: había unha vez un deportista que practicaba a natación e, como non había piscinas, tivo a feliz idea de promover un complexo deportivo con piscina, ximnasio e sala de festas; e remataba así: como era unha persoa moi dilixente, o nadador fixo todo nun tempo record, recibindo a autorización do Goberno o 4 de febreiro de 1941, once días despois o goberno municipal aprobaba o proxecto e ao día seguinte comezaban as obras. A páxina oficial do Club Natación Coruña sinala que “En 1941, Armando Casteleiro logró que en solar de la antigua cárcel de La Coruña se construyese el Hotel Finisterre, un complejo deportivo con piscina de treinta y tres metros con trampolín al que llamó La Solana”.
Esa propaganda oficial non explica como un nadador se converte en empresario-promotor, consegue tan rapidamente as licencias e o financiamento necesario, así que vou dar algúns datos para descifrar ese misterio.
Os irmáns Casteleiro, Armando e José, eran militantes de Renovación Española e formaban parte de organizacións fascistas que apoiaron a sublevación de 1936 contra a República. Despois do triunfo do fascismo formaban parte dos chamados Caballeros de La Coruña e participaron activamente na represión e “paseos”. Armando Casteleiro participou tamén como sarxento en expedicións ao fronte de batalla en apoio dos sublevados. Como recolle Aurora Artiga, profesora da USC, no seu traballo “Todo por España y España para Dios”. La Bandera Legionaria Gallega de Falange Española en la Guerra Civil: “Na cidade da Coruña, a primeira milicia organizada polos sublevados foi a bautizada co nome de ´Caballeros de La Coruña´. Nacida o día 23 de xullo [1936] e integrada por numerosos mozos da Falanxe e doutras organizacións dereitistas, tiña como obxectivo […] coadyuvar con la tropa en la represión y pacificación de las zonas de la provincia de La Coruña atacadas por los elementos subversivos”.
Ademais dun amplo expediente de servizos ao fascismo, Armando Casteleiro tiña moi boas relacións coas autoridades locais, que facilitaron tanto a concesión de espazos públicos para os seus negocios, como a rapidez na concesión das licencias. Para axudar estaba o seu irmán José, concelleiro da Coruña desde o 18 de agosto de 1938 no goberno municipal presidido polo alcalde Fernando Álvarez de Sotomayor, e un dos asinantes da entrega do pazo de Meirás ao Caudillo Franco. Non é casualidade que o complexo deportivo se inaugurase o 17 de xullo e 1942, é dicir, a véspera do “Glorioso Alzamiento Nacional”.
Os auténticos promotores, é dicir, os que puxeron o diñeiro, foron importantes empresarios da Coruña. María Teresa Burés Miguéns, Directora do Arquivo Histórico do Banco Pastor, sinala no seu traballo Pedro Barrié de la Maza 1880-1971, Un banqueiro ao servizo da industria, (publicado en Empresarios de Galicia, editado pola Fundación Galicia-Empresa coa colaboración da Fundación Caixagalicia): “… entraría nalgunhas actividades relacionadas coa hostalaría e coa construción. Dentro da primeira destaca a creación de Finisterre, S.A., unha empresa constituída na Coruña en agosto de 1945, na que Industrias Gallegas entraría da man dos promotores Emilio Rey Romero (SAINGA) e Armando Casteleiro Varela, que eran concesionarios de autorizacións para edificar os hoteis Embajador e Finisterre, así coma La Solana”.
Non só ocuparon a parcela do vello cárcere e o recheo da praia do Parrote, senón que coñecidos empresarios e persoas próximas ás novas autoridades fascistas, conseguiron outras concesións como o solar que quedaba libre despois do traslado da Aduana. Así é recollido por Manuel Fiaño Sánchez no Anuario Brigantino 2013, nº 36, referíndose a actual sede da Deputación Provincial da Coruña, despois Hotel Embajador e Teatro Colón: “En 1944 Emilio Rey Romero consigue autorización para ocupar una parcela en la zona de servicio del puerto de A Coruña, lindante con la Avenida de La Marina, entre el edificio de Correos y el paseo del Relleno, con una superficie de 1.482 metros cuadrados. La parcela sería destinada a la construcción de un gran hotel con teatro accesorio. Por dicha concesión, el Sr. Rey Romero debía abonar la cantidad de 25 pesetas por metro cuadrado de superficie ocupada y año. Con el fin de llevar a cabo la empresa, Emilio Rey se asocia con Pedro Barrié de la Maza, creando la sociedad SAINGA aportaría como activo dicha concesión. Posteriormente dicha concesión se transformaría en propiedad, capitalizando su valor en 1.600.000 pesetas. El presupuesto de dicha obra se cifró en ocho millones de pesetas, de los cuales el Crédito Hotelero proporcionaría el sesenta y cinco por ciento del coste. Según el acuerdo adoptado entre Emilio Rey y el Banco Pastor, la mitad del hotel pertenecería al banco junto con las dos plantas superiores al teatro destinadas a oficinas. En ese mismo año, el arquitecto Santiago Rey Pedreira diseña el otro gran hotel de la ciudad: el Finisterre. Ambas edificaciones son proyectos de la empresa Finisterre S.A., de la que forma parte Emilio Rey Romero. La citada Sociedad era dueña de la sala de fiestas y piscina La Solana y llevaba la dirección de los hoteles y balnearios de La Toja, el Hotel Emperador en Madrid, entre otros negocios”.
Este espolio explica que o escrito promovido pola Comisión Aberta en Defensa do Común (está apoiado por máis de sesenta entidades da Coruña e reivindica a devolución gratuíta da Solana, Hotel Finisterre e terreos dos peiraos), sinale que “a ocupación destes terreos públicos foi un auténtico ´botín de guerra dos vencedores´, daqueles que protagonizaron en 1936 unha sublevación militar e fascista contra o goberno lexítimo e democrático da República”.
Artigo de Manuel Monge publicado en Praza.com. O autor o remite a Empuje.net para que teña máis difusión.
Manuel Monge
Manuel Monge González é mestre e sociólogo. Foi concelleiro do BNG na Coruña de 2003 a 2007. Promotor e presidente da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña de 2007 a 2001.