Reflexión dun militante de base do BNG
Son un militante do BNG desde hai bastantes anos. Son unha persoa militante de base; nada máis; nada menos. O meu traballo de base desenvólvoo na miña localidade, ao carón da xente e dos seus problemas, que non son poucos, especialmente motivados pola obrigada dependencia do pobo galego a respecto de España e das decisións políticas que se toman en Madrid, mais tamén na Unión Europea. Decisións que transformaron, para mal, o país no que eu vivo e traballo, e que empuxan a non poucas mozas e mozos á emigración, como ocorría hai 200 anos.
Son nacionalista e de esquerdas. Son nacionalista, non só porque Galiza é unha nación, senón porque quero que o meu país exista política e culturalmente, e contribúa desde este pequeno recuncho do planeta á diversidade e pluralidade do mundo. E son de esquerdas porque quero un reparto máis xusto da riqueza e que se preserven e se melloren as conquistas sociais da clase traballadora. Tamén son pacifista e antiimperialista; ningún pobo é mellor que outro, dentro da diversidade todos os pobos deben respectarse mutuamente e ningún pobo pode imporlle a súa vontade a ningún outro.
Levo moitos anos militando no BNG, porque penso que é a única forza política que representa as ideas das que falei anteriormente, que di e fai o que eu quero para este país, que fai que Galiza exista politicamente, que quere que os galegos e galegas decidamos por nós mesmas, sen imposicións, sen inxerencias, con respecto para o noso pobo, para a nosa cultura e a nosa lingua. Sen o BNG, sen esta forza nacionalista nacida en 1982, Galiza sería hoxe mais ou menos o mesmo que Murcia, unha rexión cuxa única identidade cultural que ten é a de España.
Como dixen, eu son un militante de base. Fago o que podo, pero sempre arrimo o ombreiro. Sei que a miña contribución é necesaria. Son desas persoas de acción das que falaba Castelao, non son das que se queda na casa durante as campañas electorais, pensando que pagando a cota, -a ordinaria e a extraordinaria- xa cumprín coa forza política na que milito e con Galiza. Non, eu dou o callo, eu son unha persoa de acción.
Durante as décadas que levo militando xa vin de todo na nosa organización; desde portavoces egocéntricos até os que bailaban con vellos, desde alcaldes que reciben premios até alcaldes que van a procesións, desde concelleir@s que traballan arreo polas súas veciñas e veciños, até concelleir@s que levados pola super-mega-ética abandonan a casa común do nacionalismo, levando as actas de concelleir@s, que tanto traballo nos custou conseguir.
Ao longo de todos estes anos tamén lin centos de manifestos críticos coa organización na que milito que prometían pouco menos que un paraíso terreal para a nosa organización. Vin cargos orgánicos que cuestionaron publicamente as decisións democráticas que aproba a militancia para ao final rematar de cabeza de lista do PSOE para as vindeiras eleccións Galegas. Vin militantes históricos que dicían que un día que eran do BNG até as cachas para ao día seguinte acabar indo da man dun partido español, que cun dobre discurso na periferia e no centro conseguiu engaiolar a non pouc@s incaut@s. Alá eles!
Como dixen, vin de todo, pero calei. Son como aquel cativo ou cativa que contempla en silencio a violencia machista no seu fogar, pero cala, non di nada, por medo, pero tamén para preservar unha unidade familiar que causa moita dor a unha das partes, a militancia e simpatizantes desta organización.
Pois xa non calo, de aí esta reflexión que fago pública. O BNG é esa muller que xa non atura máis malleiras. Estamos nun momento crítico, claro que si, pero a solución aos nosos problemas non pasan por escribir o enésimo manifesto para poñer unha vez máis a organización en carne viva, acaparando titulares que se lle furtan á intensa actividade institucional da organización na que milito.
No BNG collemos todas e todos. Para min segue a ser a casa común do nacionalismo. Traballemos para mellorala aproveitando o Proceso Adiante que se puxo en marcha hai uns meses, tendo o consenso como horizonte, pero respectando as decisións democráticas que aprobamos entre todas e todos, só así avanzaremos e melloraremos, o resto son paus nas rodas.
Este non é un manifesto máis. É a reflexión dun militante de base, deses que pegan os cartaces e colgan as faixas. Podería ir asinado e levar detrás unha morea de cargos orgánicos e institucionais detrás, mais non quero protagonismos, nin titulares de prensa. Non hai moitos anos xa houbo quen se arrogou ese papel en nome da base do BNG e os resultados á vista están.
Non é doado ser nacionalista e de esquerdas neste país. Son moitas as forzas que conspiran -si, conspiran- para que Galiza non conte cunha organización nacionalista como o BNG, centrada no país e nos problemas da súa xente. Son moitos os que conspiran -si, conspiran- para que Galiza non rache coas cadeas da dependencia que nos atan a España e á Unión Europea. E non, non falo de independencia – quen me dera – falo de dereito a decidir o noso futuro, falo de soberanía, a palabra máxica para rematar cunha globalización que afoga os pobos do mundo.
O BNG non está esgotado. Que ninguén confunda o seu esgotamento ideolóxico persoal coa da organización na que milita ou simpatiza. Como dixen, non é doado ser nacionalista nun país como o noso que nas pasadas eleccións xerais o 94,55% do electorado votou a forzas políticas de ámbito estatal. Con estes datos tan demoledores o doado é entregarse, no canto de seguir pelexando por unha Galiza mellor e con futuro, que o ten, logo de que o BNG se levante da última malleira recibida, que agardemos sexa a derradeira.
Como dixen, isto non é un manifesto, é a reflexión dun militante de base. Ao mellor non compartes ao 100% todo o que aquí dixen, pero seguramente coma min queres o mellor para o BNG e para Galiza e xa non aturas máis paus nas rodas que nos impiden avanzar. Se es das galegas e galegos que non te resignas, que queres avanzar, podes compartir esta reflexión con quen ti estimes oportuno.
Nota final: a imaxe de cabeceira está sacada do Flickr do BNG; coido que reflicte o que é a base militante e simpatizante do BNG.
https://reflexiondunmilitantedebasedobng.wordpress.com/