Formulario de acceso protexido por Login Lockdown

 

Evaristo, Rebeliom do Inframundo e Kumbia Queers, entre as primeiras confirmacións do Revenidas 2026

O festival, que se celebrará en Vilaxoán do 10 ao 13 de setembro, tamén contará no seu cartel con Ilan Amores, Arrhythmia, Süne e Nadie González

Os abonos están á venda na web revenidas.com a un prezo de 63 euros (+gastos de xestión)

GUEB REVENIDAS 2026

PREME INICIO/COMEZO

Inicio

A xira extraordinaria de Evaristo, na que interpreta as cancións máis míticas do repertorio das súas bandas, desde La Polla Récords ata Tropa do Carallo, fará unha escala no festival Revenidas. O cantante vasco -aínda que nacido en Tui- é unha das primeiras confirmacións da edición de 2026 do festival de Vilaxoán. Que tamén contará coa presenza de Rebeliom do Inframundo, unha das bandas máis sólidas e respectadas da escena galega actual, que presentará en directo Orgulho, o seu novo disco que se editará a finais deste mes.

As dúas primeiras presenzas internacionais confirmadas do Revenidas 2026 chegan dende Arxentina e coa cumbia como son vertebrador. A primeira delas é a de Kumbia Queers, banda feminina que mestura a cumbia, o queer e o espírito punk coa diversión e a política, co seu propio e cativador estilo. A segunda é a de Ilan Amores, músico bonaerense que desafía as etiquetas, fusionando cumbia, rock e punk con bases electrónicas.

O primeiro avance do cartel do Revenidas 2026 tamén acolle a presenza de Süne, artista guipuscoana que presentará en directo un proxecto no que mestura a trikitrixa coa electrónica, e que con só un disco está removendo notablemente a escena musical vasca.

Outras dúas bandas galegas pechan este primeiro avance do Revenidas: Arrhythmia, que volven tras un ano de silencio para estrear en vivo o seu novo traballo, e a rapeira viguesa Nadie González, tamén con novo disco e chamada a actualizar os códigos da nova escena urbana galega.

Os abonos para Revenidas 2026 están á venda na páxina web www.revenidas.com a un prezo de 63€ (+gastos de xestión). As persoas que merquen o abono tamén poderán reservar na web o acceso á acampada por un importe de 15 euros.

EVARISTO
Conta Evaristo Páramos que despois de darlle unhas contas voltas, decidiu que había cancións que que moitos dos seus seguidores non alcanzaron a ver e gozar en directo e que non podían quedar no esquecemento. Así que tomou a determinación de organizar unha xira de concertos nos que facer un repaso por toda a súa traxectoria: La Polla Récords, Gatillazo, Tropa do Carallo… Concertos cheo de emocións, onde soasen os himnos que marcaron a xeracións, e con clásicos que seguen estando vixentes despois de máis de 40 ano. E o Revenidas era o escenario ideal para demostralo.

REBELIOM DO INFRAMUNDO
Despois de acadar con Amor ou Barbarie o punto máis alto da súa traxectoria, Rebeliom do Inframundo chegan a 2026 con novo disco, Orgulho, e nova xira. O seu directo é un estoupido de enerxía, mestura de rap, electrónica e tradición galega que converte cada concerto nunha experiencia colectiva. Son un grupo de xente para a xente, cun discurso propio e unha ética de traballo que fala de verdade, comunidade e resistencia. Non seguen a moda, créana.

KUMBIA QUEERS
Este quinteto arxentino non binario e lésbico fusiona o subxénero electrónico da cumbia villera cun rock de guitarras potente para lograr unha fusión única e dinámica de sons tradicionais e vangardistas. A banda describe o seu estilo como punk tropical: cunha mestura salvaxe de influencias de cumbia afrocubana e latinoamericana, o queer e o espírito punk, unindo diversión e política co seu propio e cativador estilo. Gozar de Kumbia Queers é máis que un simple concerto; é unha celebración da inclusividade e a liberdade onde todo o público está convidados a soltarse e unirse á festa.

ILAN AMORES
O músicos bonaerense é un dos grandes referentes da nova cumbia latinoamericana. Cun estilo ecléctico que lembra ao espírito de Manu Chao (a quen teloneou na súa xira por Europa), Ilan Amores desafía as etiquetas, mesturando xéneros nun matrimonio improbable entre cumbia, rock e punk, atrevéndose a cruzar os límites do establecido. O resultado? Unha cumbia moi densa e emocional, que fusiona letras sensibles e crúas con bases electrónicas e ritmos alternativos, logrando un son propio.

SÜNE
É o proxecto de Josune Arakistain, trala súa traxectoria como vocalista da banda Huntza. No seu primeiro disco en solitario conta con colaboracións como as de Antía Muíño ou a banda Ventiuno. Un disco no que une a trikitrixa e a electrónica, con referencias á tradición, o empoderamento das mulleres ou a vida cotiá.

ARRHYTHMIA
Durante o 2025 Arrhythmia estiveron afastados dos escenarios pero iso non significa que a banda estivera parada. Arrhythmia pasou o último ano pechada no estudo, construíndo un novo capítulo con calma, forza e claridade de ideas. Lonxe de desaparecer, decidiron parar o ruído exterior para escoitarse a si mesmos. O resultado é unha nova etapa que mantén a enerxía e o discurso que sempre os definiu, pero cun son máis afinado e unha identidade aínda máis sólida. Arrhythmia non volven, porque en realidade nunca marcharon. Simplemente estaban collendo aire para volver golpear con máis forza.

NADIE GONZÁLEZ
Moitísimas expectativas hai postas no novo traballo desta rapeira viguesa, que chegará de novo coa produción de Peter Petrowski. Nadie González é un sopro de aire fresco, e comprometido, na nova escena da música urbana feita en galego. Cun universo íntimo, poético e de profunda raíz galega no que teñen cabida electrónica e palabra, tradición e vangarda, nun equilibrio que converte cada concerto nun espazo de encontro e resistencia.