Denúncianos pola pretensa comisión de catro delitos durante a acción simbólica desenvolvida a 30 de agosto de 2017 no Pazo de Meirás. As persoas demandas son un grupo de 19 militantes do BNG, entre eles tres integrantes da súa executiva nacional, Bieito Lobeira, Rubén Cela e Néstor Rego; o secretario xeral de Galiza Nova, Alberte Fernández, e o ex secretario xeral da CIG, Suso Seixo. Os nacionalistas limitáronse a despregar dúas faixas -unha xigante co lema ‘Franquismo nunca máis” a cubrir unha das torres do pazo- un día en que o edificio estaba aberto ao público.
A denuncia -apresentada no xulgado de Betanzos– é pola suposta comisión de catro delitos, que -no caso de ser apreciados como tal polo tribunal- acarretarían penas de entre os 3,5 e os 13 anos de prisión para cada un dos 19 militantes do Bloque. Os ilícitos penais que os denunciantes atribúen ás persoas demandadas son Violación de Morada, coa agravante de violencia ou intimidación, castigado no Código Penal con prisión de 1 a 4 anos; Delito contra o Honor, de 6 meses a 2 anos con multa de 12 a 24 meses; Danos, na modalidade agravada, penas de 1 a 3 anos de prisión e multa de 12 a 24 meses; e Delito de Odio, de 1 a 4 anos e multa de 6 a 12 meses.
Apresentan a denuncia a Fundación Francisco Franco, ben como Carmen Polo Franco -falecida en decembro pasado- e José Cristóbal Martínez-Bordiu Franco, filla e neto do ditador, respectivamente.
As penas no seu conxunto poderían ascender a 247 anos de prisión e, de acordo co colectivo denunciado, as multas económicas poderían ter un importe próximo ao medio millón de euros.
Declaración pública
A reacción das 19 persoas denunciadas concretizouse nunha comparecencia esta quinta feira en Compostela, na Nave de Vidán, para daren leitura a unha declaración de avaliación da demanda interposta contra elas. No texto orgúllanse da acción realizada a 30 de agosto -por considerar que o motivo da toma simbólica do pazo “é partillado por unha inmensa maioría da sociedade galega”-, achan que a demanda formulada pola familia do ditador e a Fundación Francisco Franco é “unha verdadeira barbaridade do ponto de vista tanto político canto xurídico”, exixen do novo goberno español “a inmediata derrogación da lexislación que coarta dereitos e liberdades” -en directa alusión á Lei Mordaza-, e piden “o apoio de todas as persoas, colectivos e institucións que, como nós, achen esta acusación inxusta e inadmisíbel”. “E non xa como mostra de solidariedade ás 19 persoas acusadas, senón como un acto necesario en defensa da democracia”, esclarecen.
Pode un acto consistente no despregamento de dúas faixas -“O pazo é do pobo galego” e “Que nos devolvan o roubado. Franquismo, Nunca Máis!” resultar nunha denuncia con peticións de penas tan desorbitadas? Para as persoas denunciadas estaríamos perante unha aberración xurídica. Primeiro, argumentan, porque a acción do 30 de agosto foi “pacífica e simbólica”, co obxectivo de “reclamar a intervención dos poderes públicos para recuperar un patrimonio que cremos que debe ser do pobo galego, de todas as galegas e galegos”. Segundo, porque a acción se realizou nun día de abertura do edificio ao público, o que evidentemente deixa sen efeito a acusación de violación de morada. Terceiro, porque non se produciu “nengún tipo de incidente nen de dano ao patrimonio” e os militantes nacionalistas abandonaron o pazo “en presenza de axentes da Garda Civil” e “da mesma maneira pacífica”.
As acusacións, pois, “carecen de fundamento”, estiman as persoas denunciadas, que agardan que “finalmente a acción realizada sexa considerada [durante a súa tramitación xudicial] como o que realmente foi: un acto pacífico e democrático para expresar e defender unha posición que sabemos que é compartida por todas as persoas demócratas deste país”. “Un acto, en definitiva, que debe ser entendido dentro do exercicio democrático da liberdade de expresión”.
A acción foi coroada con suceso, entende o colectivo denunciado, até o ponto de atinxir “repercusión internacional” e producir como efeito a reactivación do “debate social e político sobre a recuperación do pazo”. O éxito mídeno tamén en función de que até o PP se tería visto obrigado a “asumir -sequera formalmente- no Parlamento da Galiza o obxectivo de recuperar Meirás para o pobo galego”
A Fundación Franco “non debería existir”
A denuncia apreséntaa, alén dos familiares do ditador, unha entidade, a fundación que leva o nome do tirano, que “polos seus obxectivos” [a apoloxía do fascismo e da ditadura] “non debería existir -non podería existir legalmente en ningún outro estado europeu”. Nese sentido, entenden “preocupante” que existan as condicións para que os parentes do sátrapa -“que se aproveitan e benefician do botín de guerra”- realicen “acusacións tan graves e infundadas”.
E isto é así, subliñan, porque “a elite política e económica se sabe amparada e protexida por unha administración de xustiza que non foi democratizada no fin da ditadura e que tivo plena liberdade para se reproducir nas mesmas chaves ideolóxicas”. Para o colectivo denunciado, e tal e como mostrarían “moitas decisións xudiciais e sentenzas que levamos vivindo nos últimos tempos”, a xustiza no estado español “nen é ‘igual para todos’ -como sempre predican- nen é independente”.
Franquismo nominal e sociolóxico
A denuncia non atemoriza os demandados, que afirman manter “o noso compromiso cunha loita que continúa sendo xusta e necesaria e que só finalizará cando todo o patrimonio espoliado sexa rescatado para o conxunto do pobo galego”. Ao seu xuízo, “os slogans que ese día despregamos en Meirás seguen a ter plena vixencia: ‘O pazo é do pobo galego’ ‘Que nos devolvan o roubado. Franquismo, Nunca Máis!”.
Os 19 militantes nacionalistas denunciados polos franquistas conclúen a súa declaración pondo en destaque o carácter simbólico do confronto que terán de librar nos tribunais: “É claro que a acción xudicial que teremos que enfrontar e o seu resultado dirá moito da saúde democrática deste País. Nós esperamos que, fronte ao franquismo nominal e sociolóxico que se acha detrás da denuncia contra nós, acabe triunfando a xustiza e a democracia”.
RELACIÓN DE PERSOAS DENUNCIADAS
1.- Mario Maceiras Dosil.
2.- Manuel da Cal Vázquez.
3.- Xesús Seixo Fernández.
4.- Óscar Calvo Varela.
5.- Armando Carril Casanova.
6. Alberte Ansede Estraviz.
7.- Manuel Polo Guntín.
8.- Marta da Costa Alonso.
9.- Alfredo López Fernández.
10.- Silvia María Seixas Naia.
11.- Álvaro García Freire.
12.- Xosé Manuel Magariños Rodríguez.
13.- Néstor Rego Candamil.
14.- Rubén Cela Díaz.
15.- Anxo Louzao Rodríguez.
16.- Ramiro Oubiña Parracho.
17.- Bieito Lobeira Domínguez.
18.- Lucía López Sobrado.
19.- Alberte Fernández Silva.
Ocupación do Pazo de Meirás
Néstor Rego, membro da Executiva Nacional do BNG, tomou parte a cuarta feira 30 de agosto na “toma simbólica” do Pazo de Meirás para reclamar a súa devolución ao pobo.
(FOTO PORTADA POR LAURA R. CUBA)