Se queres que cale dáme unha resposta que farte dunha vez a fame das miñas palabras. Do contrario, construirei frases incoherentes, anacolutos nacidos de min ata afogar a voz da túa omnisciencia.
As tres. Hai debuxada unha calma no ceo, unha claridade que rouba tristeza á paisaxe da rúa, tecendo sobre o chan unha alfombra de luz para recibir os seus pasos que non se escoitan, porque trae o seu corpo levitando coma unha pomba de beleza e soños. E chega. Aí está de novo, con esa puntualidade que me abraia, outra tarde máis e son xa innumerables durante este verán que atafega as ansias. Na mesma parada de bus, agardando para que a carrete deica a estación de ferrocarril, e monte nese tren que a afasta de min; ao contrario de cando nos coñecemos naquel sinxelo vagón, que se vía sublimado pola súa presenza. Amosa o mesmo xesto grácil desa primeira vez, coma se devecese ser observada, malia que a esta hora a rúa parece un teatro deserto. Dá igual, ela soa coa súa sublime presenza enche ese escenario urbano, non precisa de ninguén máis para que lle dea a réplica. Ben, se cadra eu aceptaría facelo acotío, porque adoezo con este afastamento de catro andares. Deus, véxoa espléndida! Diso decátome cada día que pasea dende o salón de estética deica a parada do bus. Unha marabillosa rutina! Camiña amodo co bolso marrón colgado do ombro esquerdo, a cabeza erguida, contando mentalmente os pasos deica a caseta do bus. Detense diante dela e mira o reloxo: faltan uns minutos, pensa; os brazos reláxanse e en consonancia con eles o resto do corpo; arreo, levanta a perspectiva dos ollos coma se establecese un diálogo cos pensamentos. Canto daría por adiviñar se eles lle falan algo de min! Mais, para qué sabelo, se me instiga o aguillón desta desconfianza a permanecer ignorante… Lémbrome dese bolso, foi o que mercou naquela tenda de Santiago durante a viaxe que fixemos xuntos. A nosa primeira viaxe de parella. Namentres o tren avanzaba pola vía, os nosos ollos fundíanse nas cores da paisaxe, que adquirían unha tonalidade cálida, talvez causada pola paixón que xermolaba do nó que estableceran os dedos das nosas mans. Dende aquel día decateime de que só conseguiría saciar a miña sede coa suorenta quentura do seu corpo. De que precisaría cada día o afago tenro da súa voz recitándome aloumiños que atravesen as paredes do tempo e acudan a min, co gallo de falarme.
Ola, cariño! Que tal foi a mañá? A miña pesarosa e monótona. Agardando en silencio, rente á ventá, a que ti te presentases a iluminar a penumbra do desexo. Reparo que tes un rastro de cansazo na faciana. Non te agoniará o traballo, non llo permitas, estragaría a túa delicada fisionomía. Escóitasme? Non llo permitas! Aínda que nos atopemos afastados, sei que dalgún xeito percibes o roce da miña voz interior, porque eu tamén noto o teu. Os dous existimos nunha especie de círculo de telepatía amorosa, coa que brincamos os valos das distancias que se interpoñen entre nós. Porque estamos constituídos de materia recíproca. O sacrílego matrimonio de entes indisolubles, que se arredan dos atávicos convencionalismos que non axudan a nutrir o entusiasmo por prevalecer nunha fase de degradación persoal.
Agora senta, cruza as pernas e comeza a debuxar círculos cos dedos sobre o xeonllo dereito. Incluso son quen de sentir o paseo das súas xemas sobre min, escribindo o abecedario de pracer na fronte, baixando polo contorno dos ollos ata os beizos, e deles, en caída vertixinosa á garganta. E o bafexo sedutor da súa voz acosando a peregrinación deleitosa dos dedos. Gústache este paseo dixital? Non, máis ca iso: estreméceme! Iso é o que pretendo, que te estremezas comigo. Daquela continúa, que aínda che resta un longo traxecto.
Como unha sílfide autista manterá este xogo de caricias, ata a chegada do bus. Nin sequera sospeita que levo días asexándoa, pensa que estou traballando. Se cadra se o soubese sentiríase incómoda e a min privaríame de gozar da virxinal naturalidade que impregna a cada un dos seus acenos. E non quero, e tampouco podo, evitar esta mirada indiscreta, dende a atalaia deste refuxio secreto, onde tantas horas nos agochamos, como dous amantes que somos, doutras miradas inoportunas, para deixar que nos asolaguen as augas do amor carnal que xermolou en nós dende o primeiro encontro e que endexamais coutarán as lindes do tempo.
Pero neste modo meu de vivir o pracer volveuse un froito caduco. Consonte pasan as horas sufro máis co seu momentáneo abandono. Afíxenme tanto a ela que no tránsito polo eido do desterro desángraseme a alma e voume esmorecendo como unha planta sen auga. Por iso, corro a esta fiestra co pretexto de actuar de voyeur adicto á súa hipnótica silueta, buscando o brillo do seu cabelo crecho que lle esvara sobre eses ollos de mirada profunda, ou o sorriso morno inundando de resplandor a miña pel, igual que cando facemos o amor bañados pola luz crepuscular de dúas candeas. Toda a droga do seu corpo inxéctoa de vez nas canles sanguíneas por mor de sobrevivir neste sumidoiro de silencio e ausencia. Emporiso xa non me abondan estas racións de fantasía onanista para queimar o almanaque dos minutos que nos castigan ó afastamento. Con todo, decátome de que a toleada indecente de mirón debe rematar. Necesito o xute definitivo, que ladee a cabeza alzando as súas meniñas de cor esperanza ata min e que me mire, inda que sexa a penúltima vez. Ou, se cadra, podería saír deste recanto de vixía, precipitarme escaleiras abaixo, presentarme xunto dela e rosmarlle ó oído, ¡quérote!, ¡deséxote!, esquece o bus, as obrigas profesionais, todo, e fuxe comigo desta maldita rutina que nos abesulla coma se fosemos criminais en proceso de reinserción. Pero, abofé que a súa voz suave, obedecendo a orde dun espírito tímido, dirame: non!, as cousas non son tan doadas nin se resolven cunha fuxida. Entón, sentireime aínda máis desgraciado e triste, coa conciencia nubrada, e, sumido no recuncho dos meus sentimentos escuros, chamarei de novo pola morte, para que me alivie do peso desta coita. Aínda que, coma de costume, a sádica dama non escoitará o meu berro íntimo e deixará que navegue neste mar de suspiros e soterradas lembranzas. Na alxabeira do aire alguén desconta as doas do meu rosario de ladaíñas. Namentres voume degrañando no recuncho de foula, metáfora da miña vida.
Deus! Ansío a chegada do serán, o de hoxe e máis o de mañá, fundidos nun eterno atardecer. As mans aformigan coma se xa sentisen a presión tenra das súas, facéndome cóxegas nos longos paseos que damos polo parque, cando o sol deixa de castigar a vila co seu alento caloroso. Sentamos no noso banco, as miradas córtanse nunha encrucillada de paixón e incitan ós beizos a casaren na cobiza da éxtase. E unha caterva de paxaros rosma enriba de nós, no leito das árbores. É todo tan bucólico, e ás veces distante! Pero a escena segue aí, impertérrita no pano de cada tarde.
Imaxínaste que un día viñésemos e xa non existise este banco, no que sentamos acotío.
Teriamos que buscar descanso noutro.
E que ó día seguinte tivese desaparecido esta árbore vetusta (que adxectivo tan petulante!) que se ergue solemne ás nosas costas e que nos protexe dos raios do sol.
Pois…
E que xornada a xornada fose esvaéndose enigmaticamente o resto da foresta e ficase unha paisaxe desértica.
…pensaría que estamos nun verxel encantado por un trasno maléfico.
E non che entra medo só de cavilalo?
Ó teu carón éme imposible cavilar nesas andrómenas.
E daquela volvemos enmudecer as nosas voces co casamento inmaculado dos labios. Amor adolescente con fervor de consumación ó abeiro dunha árbore ateigada de historias, de amores escuros coma o noso.
Parece absorta, quizais no cerne dun torrente imaxinativo. As mans detidas enriba do xeonllo, tenramente acariñado por elas. Pensa en min, pero non te revires! O brío da súa creatividade desbórdame. Tanto como a súa suxestiva fermosura. Hoxe vai envolta na aureola da beldade. Viste o pantalón vaqueiro azul escuro que a min tanto me gusta, a camiseta branca de tirantes e as sandalias mouras. A camiseta foi un agasallo meu, e sempre a viste para provocar a miña cobiza de dominala con tenrura, e eu sucumbo nese xogo de atracción. Cada vez que a leve posta estarei a publicar que te quero, aínda que nos atopemos distantes, dixo a primeira vez que a vestiu. Eu, fascinado, non souben qué contestar. Os ollos viciosos conduciron o brazo e nun arrebato animal retireilla do corpo para posuíla carnalmente. Nunha ocasión, en dúas, tantas e tantas veces como ela enfundaba o seu torso esvelto no meu agasallo fetiche.
Resulta anormal, pero hoxe, de non querer traspasar o límite da incerteza, dubidaría de se coñece o segredo de mirala e que non lle importa xogar comigo, prestándose de modelo. E se a viste para outro. Deus non aturo esta abominable cisma! Sería capaz de matar antes de pender a vida no fío desa dúbida. A min, a ela, a todos. A ela non. Ámoa tanto que non son capaz de colixir a idea de causarlle dor, e moito menos a morte. Coido que a amei sempre, incluso antes de saber dela. É a partenaire ideal coa que rodar os fotogramas deste filme con final amputado. Ningunha outra podería ocupar o seu rol de primeira intérprete. Incluso a miña actuación é secundaria, hoxe prescindible. Por veces, medra en min o pánico a verme relegado á categoría testemuñal na miña propia historia de amor frenético. Coma sentirse traspasado por un zunido cavernoso e arrepiante, talvez…
O 34 aproxímase, presíntoo no fondo da alma. O seu ruxido grave, fungando desde o ventre da cidade, percorrerá a lingua da alameda e escapara con ela coma un ladrón sen remorsos. Estou canso de que cada día este foraxido de ferro me roube con inhumana violencia o privilexio da contemplación. Canso e farto! E ti non me axudas nada, astro demoníaco. Eu desespero por estar cabo da princesa sibarita, por percibir o ralentí da súa respiración sobre o meu peito. E no canto de tender a túa clemencia, estalicas as horas para retardar a chegada do ocaso. Tes pretensións desleais. Vaite, non fendas máis a regaña desta ferida soidosa! Por que te negas a atender as súplicas dun amante solitario, que se murcha de sede amorosa. Riraste e estenderás polo aire a túa mofa. Só, dentro duns minutos, apenas uns segundos vas ficar perdido, dirás entre risos a esgalla. Aínda que debes saber que se nun relampo provisorio fose dotado de poderes sobrenaturais, loitaría contra ti ata aniquilarte. Emporiso o decurso da miña existencia é inexorable.
A rúa erma e a casa fría. E no medio eu, un ser privado de biografía futura. Como unha cóbrega, esta friaxe achégase reptando ó meu particular santuario de salvación. E con ela carreta o medo, deleitoso compañeiro de agonías inacabadas. Pero que podo resolver. Dille que estás aquí, que levas días atusmando os seus movementos. Porque a necesitas, porque dende que a coñeciches es vítima das túas propias obsesións. Dillo! Abre a fiestra e berra a túa angustia. Veña, faino, pusilánime perverso! Non, non… Nada diso é posible. Estou acadarmado polo pavor á soidade sempiterna. E se ceibo esta furia concupiscente arrastrareina comigo ó pozo da abxección, corromperase sen remedio o significado da súa esencia de muller e non será máis que unha masa de carne e ósos debandando polas esquinas do meu maxín. Xa que logo, ninguén pode concederme a alfaia da felicidade.
Arestora no proxector da mente almacénanse os recordos, coma follas soltas dun outono pasado, e o vidro da fiestra simula a pantalla das confesións. En que poemario se agocha o verso hedonista co que apouvigar nun intre infindo o espírito aquelado? Creo que xa dá igual. É hora de redimir os pecados, antes de rematar a caída no abismo da autodestrución. Soña e lembra…! Non consintas que afoguen as fantasías. Avivece o espírito admirándoa; para que esquivalo, canto máis pelexes, máis axiña te precipitarás á condenación. Si, abofé que estou maldito polo seu encanto, que me imposibilita silenciar este martirizante murmurio que antano me bautizou de iconoclasta sentimental e que perdura na liña do tempo, como un andazo estacionario. O auxiliar de biblioteca, que fun, porque agora non son nada, e que se alimenta de quimeras librescas, camiña preso do delirio da carne. Deixei de executar as miñas tarefas sociais. Carezo de atumes familiares, porque dende épocas paleolíticas os meus pasos non marcan o mesmo renque có daqueles que pregoan que polas nosas veas circula o mesmo sangue. Os amigos, estraña frase, desleixaron calquera trato que os achegase ó meu vieiro. Ou quizabes foi o meu vieiro o que se apartou da convivencia co seu entorno. Des que te relacionas con esa muller practicamente non te comunicas connosco. Mentira! Foron eles os que cortaron os fíos da comunicación comigo. Ademais non é “esa muller”. Soa despectivo, a maledicencia en boca de lobos. A nosa comuñón de parella vai alén dunha posesión formal. Os nosos actos adquiriron unha liturxia de seu, inzada de morbosidade, pero baixo o noso consentimento. Difícil de explicar, e emigraron as ganas de facelo. Se a resposta fose tan reveladora como o fulgor dunhas pupilas chorosas. Mais non sei chorar. Alcanzado este punto, soamente aboio na balsa da divagación, que me empurra tras un ronsel disperso de soños e frustracións. O meu corpo fendido precisa doutro día feiticeiro. O manxar da súa pel morena, orballada polo frescor do mar nun segundo interminable de crepúsculo. A area escorregando pola peneira dos dedos, coma presas de ilusións que escapan ó saquiño das irmás. Os dous pegados, así un par de siluetas inmortalizadas polo hálito da xerfa.
E se quedásemos petrificados neste intre, dixo soterrando a miña man debaixo da súa na area.
Sería unha conxunción electrizante, contestei.
Como estatuas que nin a forza das ondas máis salvaxes puidese derrubarnos, engadiu.
Así, coas mans atadas coma dous espectadores que visualizan a película do solpor infinito.
E se o furor salgado da auga consegue derrubarnos, preguntou cos ollos escintilantes.
Entón os nosos corpos fusionaríanse a feito, sen poder escindir endexamais as nosas substancias.
Daquela, amémonos antes de que o deus mariño nos confunda eternamente.
O seu laio feminino atravesou as miñas tempas e lastroume naquel val de dunas. Ela envorcouse enriba de min e comezou a bicarme con fame pracenteira. Axiña notei na pel a suma de dúas forzas enervantes, que se estendían por todo o meu ser como un cancro de frenesí sexual. O deleite graúdo sobre as miñas costas non era equiparable á exaltación fogosa que me producían os beizos da mesalina no peito, no embigo…
Un caudal de pracer ilimitado!
Podo sentilo, aquí, en presente. Ondas de enerxía explorando cada centímetro do meu corpo. As pernas estremecidas co recendo da brisa buscan o sustento dos pés contra a parede de area. Suma de peles, mestura de suores na dorna do ardor perpetuo. Ó lonxe, o deceso solar no inmenso sartego de sangue. Entre pétalos de bicos e caricias o veo crepuscular inunda os nosos corpos, os nosos suspiros axitados, a praia, todo. A febre gozosa gabeando gradual pola aba da éxtase. As mans ceibes, libertinas nas orografías alleas. E os ollos carentes de luz, vagando por un túnel de imaxes pretéritas. En analepse lasciva o cuarto penumbroso dun hostal en Santiago. A cama desfeita: as sabas, a almofada humilladas no chan de madeira xunto á roupa dos amantes. Eles, espidos de corpo e alma, percorren con lentitude onanista os sendeiros do coñecemento sensual. Dous instantes eróticos urdidos no tear das emocións reprimidas. Os ollos proseguen inmersos na escuridade da luxuria: a brisa do luscofusco atravesando os sexos impúdicos, o silencio sombrizo alzando o ton dos xemidos. A praia, o cuarto; os mesmos seres en súbitas composturas.
Devagar, esfúmase o teatro da rúa baleira, a parada do bus e o maldito 34. Apenas queda a rapaza da camiseta branca, a miña amada, esbozando ondulacións no xeonllo. Aparece como unha nube na praia, como un bramido profundo no dormitorio taciturno do hostal santiagués, como unha musitación no ceo verde da alameda paseando sobre unha alfombra de margaridas albeiras. Comigo, sobre a miña figura, ou dentro de min.
A consciencia emerxe do edén obsceno, abre os ollos e contempla a cerimonia do solpor ensanguentando as augas. O cuarto, en baño de alegoría, anegado pola luz da lámpada cuberta por unha gasa vermella. Dúas paisaxes, dous amantes vinculados pola mesma secuencia carnal. Ela segue aí, descansando nesa nube calma. Os seus ollos aínda continúan cegos. Boca arriba, as mans á procura da suavidade turxescente dos seos, grafando aneis nos seus cumios excitables. Deseguido esvaran cara a concavidade do ventre, marabilloso oasis de luz, o deleite das circunferencias medra en tamaño e intensidade. Malia que devezo por participar nesa caricatura sensorial, non actúo. Temo o meu exceso de impericia e opto por ser público. O mesmo espectador de sempre, aquí no outeiro do desconsolo e a dama abaixo, no cuberto do bus. Os dous á espera dese número fatídico que axiña encherá de estridencias o paseo pintado de álamos silenciosos. Un remuíño pasa veloz e abanea os brazos das árbores que visten de sombra esta inmensa alameda. As súas falacias ascenden ata min convertidas en pingas de sedutora fragrancia. Case podo percibir a intermitencia dos seus latexos, como un elo fónico que propicia exuberante placidez. Son un paxaro tristeiro, reclamado polo rumor musical. O túnel da alameda foxe diante miña, e eu apuro a sacudir con maior afouteza as ás. Pero el escápaseme igual e sigo o voo pola sedela das fantasías…
Estou tan excitado, á beira do orgasmo psíquico, que apenas podo palpar a súa textura voluptuosa. Posúe esa beleza epicúrea que a fai especial, indiferente. Isto foi o que me namorou dela, a súa presenza indiferente. Creou un universo particular no que se refuxia para aprender a cohabitar cos seus sentimentos. Despois entrégase a min para que me disolva na súa substancia, e somos un, e un é o absoluto. Non hai palabras, só miradas penetrantes que atravesan a superficie da materia. Corpos nus no tálamo areoso, debuxando filigranas eróticas sobre lenzos virxinais. Porque o proceso amatorio noso é sempre orixinal: a doncela e o mancebo imberbe sumidos na aprendizaxe da ciencia cósmica do pracer. Mans que se buscan, e que ó encontrarse refugan do contacto, suspiros non exhalados e que nun rauto de desfalecemento se confunden. Desexo sentirte no meu interior. A primeira frase, un mandato que se espalla como o regueiro de esperma no océano que pronto nos cubrirá. Os ollos volven a cegar e o resto do corpo déixase guiar polo arbitrio do instinto animal. Ámame! Ensíname a facelo. É fácil, réndete a min. Amodo, vou capitulando abatido polos impactos húmidos dos seus labios, que son coma samesugas que me zugan o ánimo. A piques de morrer no berce da luxuria, o corpo esvara pola aba da duna. Aproxímase o momento extático do desenlace, pero uns tentáculos poderosos prolongan o deleite. E o sufrimento. Debo resistir, distanciar un pouco más o punto da recompensa final. Maraña de carne en convulsión, silveira de suores e a mente vouga durante cinco segundos, dez… E por fin, no medio da penumbra, cando o mar consuma a súa fornicación da costa, as pupilas dos amantes fítanse e os corpos ténsanse cos lategazos do orgasmo. Despois os sexos flutúan un lapso no relanzo da placidez e o pensamento vai recuperando a memoria das cousas desposuídas de significado. Todo regresa á sórdida normalidade. Ós cuartos escuros cheos de pantasmas, e ás rúas desertas, á espreita do demo de ferro e pneumáticos.
Se de verdade soubeses a miña escura verdade, bastaría con que pintases un sinxelo chisco coa mirada para exorcizar esta penuria da miña alma. Quero que me mires unha vez máis, que describas un dilatado sorriso e despois fálame para adormecer nas acordanzas.
Como te sentes?
Os dous boca arriba, estalicados sobre a parede da duna, relaxando a fame de nós mesmos.
Pletórico! Foi algo marabilloso!
Para min tamén. Non che di nada o día de hoxe?
E iso que significa? Trátase dunha adiviña?
Sorrí con tenrura.
Porque hoxe, hai xusto un mes que os nosos corpos se sumaron para resultar un só, lembras?
Xa, Santiago. O hostal, o cuarto pequeno no que unicamente se percibían os nosos olores.
E os nosos sabores…
Na súa cara o esbozo da ledicia enrédase cos xestos pícaros dunha adolescente que acaba de crebar a autoridade paterna. Estou no punto de experimentar o clímax daquela copulación primeira na que se reflicten todas as demais. Deséxote alén da eternidade!, murmura namentres me orballa a meixela coa frescura arrebatadora dun beixo. As palabras perduran dentro de min, navegando polas miñas canles sanguíneas. Ou no aire, como osíxeno que mantén acesas as faíscas do noso extravagante amor.
Parecerache perverso, mais cada día deberíamos somerxernos nun momento de tanta intensidade coma este.
Remataríamos ardendo no lume da nosa propia paixón, dixo cun halo de picaresca esbozado no seu rostro de ninfa.
E se un día alcanzamos o cénit da satisfacción, ao mellor nos vemos atrapamos polo cárcere da rutina, e o nivel da nosa mutua paixón mingua ata o absurdo. Eu non aturaría iso, e coido que ti tampouco, ou non? Que me respondes? Comeza a amolarme esta indiferenza: esa parada de bus que te secuestra de min, eu aquí neste observatorio do desleixo, perpetuando a descendencia das fantasías senlleiras á falla de vocábulos que o esclarezan todo.
Antes de que marches nesa máquina endiañada e me abandones, tirado, cos argumentos no pozo da boca, debo confesarche algo: endexamais lin nada do que tiñas escrito no diario das tapas azuis, aínda permanece aí, descansando na gabeta da túa mesiña de noite. Por máis que a curiosidade rile as miñas ansias, de sobra sabes que aborrezo vulnerar o espazo de privacidade que todos temos asignado. Que atinase co concepto de fantasía irrefreable que ti lle asignabas ó noso foi mera intuición. Podes crerme, o que sinto por ti imposibilítame para articular o acto aleivoso de furgar no labirinto secreto do ser humano. Hipócrita!, e logo, cómo lle chamas a esta acción planeada de axexala para consolar os teus baixos instintos. Pasatempo pueril, acaso? Non me fodas con esta clase de verborrea fácil… Non se trata diso. A estas alturas, aínda que pareza demasiado tarde, quixera declarar qué me impulsa a cometer esta violación da mutua confianza. E non é que dubide do teu proceder, ou si. Merda, qué pensar! Fágoo e feito queda. Volvinme tolo por mirala, e se transcorre un só día sen plasmar a súa imaxe na miña cámara interior afogo nas augas avoltas do delirio. Non aturo tal dor, prefiro os efectos secundarios deste suicidio lento e cotián.
O murmurio da despedida achégase. Arreo e con sixilo.
Faltan tantas cousas por dicir, baixiño. Tantas promesas por cumprir. A fin de semana vindeira iremos de esmorga, xa lle debo varios sábados. Hai que erradicar a pérfida rutina das escusas. Apetéceche saír, a perdernos polo medio da noite. Perdoa, hoxe estou fatigado, exceso de traballo. O próximo, prometido, vale, cariño? O próximo…! Prometido! Bailaremos ata o abrente para compensar os instantes baleiros de afecto. Incluso se che apetece iremos outra vez á aldea, a bailar na romaría. Para que os festeiros nos espeten a súa envexa, mentres nós danzamos baixo un ceo multicolor, ó compás dalgún pasodobre. Atados pola corda dos nosos brazos, seducidos polo arame escintilante das nosas miradas. E revelaremos o noso mutuo amor, coma se estivésemos encetando a nosa paixón. E tras dos sentimentos insonoros, virá a furia destemida do beixo, que continúa aquí impregnado nos labios. Case consigo rozar o seu relevo coas xemas dos dedos. Incluso oio o remuíño das notas dunha peza musical que non alcanzo a descifrar, pero que me resulta familiar.
Esa cute plácida do rostro dálle a fasquía dunha fada de conto. As súas mans acariñando o cabelo semellan as margaridas que desfilan no medio do bafo do atardecer pola extensa alameda. Unha ninfa da natureza, á que lle confire frescura e vitalidade. A pesar de que soe a presunción, adornada con esa camiseta branca enxalza o seu encanto, pronuncia o erotismo do seu torso, e moito máis se a teño preto de min. Como o domingo, cando regresamos da praia.
O poder dos acontecementos foi superior ó da nosa vontade. Calor. Un formigueiro de faces, sen nome e a estrada ateigada de sensacións ocultas en viaxe de retorno á monotonía. Á súa monotonía, que endexamais quixen que fose a nosa. Non obstante, alguén omnipotente non pensaba o mesmo. O sol, o sino! Ela no asento de copiloto. Parecía un diamante tallado que irradiaba unha cegadora luminosidade. O brillo idéntico ó da xornada anterior, na que xacemos cubertos por unha saba de area e perfume salgado. Embruxárame o recordo da súa pel tensa, aínda rodea agora o meu caletre como un halo de sombras. Anhelaba…, non anhelo tocala, que o seu corpo me transmita voltios somníferos cos que temperar o vigor da cobiza e pender na suspensión da conversa.
Mágoa que haxa que pasar o transo da conclusión!
É a débeda a pagar cando as cousas teñen un principio.
Pero iso non é xusto. Os momentos pracenteiros deberían ser froitos perennes, illados do coitelo temporal. A nosa paixón de onte, na praia, ó abrigo do empardecer celeste, debería carecer de paréntese. Se puidésemos amarnos atados a un fío sen nós nin incisións.
Non me gustan os fíos, danme a impresión de vivir colgado. Detesto ese modo de existencia.
Polo menos non che molestará estar enganchado a min…
A súa voz feminina devece de ton. Pasa a murmurio pausado que me agarima os tímpanos. Polas coxas sinto rubir un comicio tenro que comeza a acalorar os meus instintos. A pesar de que os ollos engolen quilómetros de estrada, o pensamento afástase polo desvío ó reino do epicureísmo. As mans, famentas serpes, fartan a súa gula no perímetro máxico da entreperna. Nel escriben notas de variable excitación, como as que plasma nos seus xeonllos. Á fin, cando estou proído pola tardanza, acadan o núcleo da pirámide sexual. Da estrada extínguese a súa dimensión métrica, a silueta da paisaxe defórmase, camuflada nunha pintura de imaxes corpóreas en xestos obscenos, camiño da fatalidade.
Onde se agocha o sendeiro polo que se desanda o epílogo dos acontecementos? Cómpre recuar no relato dos contos de fadas estragados. Pero non sobra tempo.
Aceleración, secuestro dos sentidos e pracer. E máis aceleración! E máis pracer! E máis…! A mirada estupefacta, en branco. De súpeto, un lóstrego de lume que sega a existencia como gume dunha gadaña. E todo se tingue de tebras. E todo tronzou…
Eu nunca pretendín causarche mal. Foi un poder despótico que me subxugou como a un animal. Perdóame, tes que dar creto á miña baldía penitencia. Estou expiando as culpas do meu afán de ser outro. Merda! Repúgname a narración destes soños mortais. Estas noxentas fantasías non fan senón quitarme azos dunha vida da que xa non son propietario. Un deus infernal condenoume a esta ordalía, na que non existe unha fisura para que se insinúe a conmiseración. Que son eu? Nada. Un ilota en mans dun xuíz impávido. Que estou a facer? Enganarme. A ventura transformoume nun ignominioso monstro, un ser amarrado dende hai tres meses a un estrambótico aparello que me axuda a rexenerar a eiva física. Mais quen me alivia a dor inmensa que atenaza a miña alma, que me atoa as palabras na gorxa, como sacos de lixo, que aspiro cuspir fóra algún día. Mais non dou vencido esta mórbida dislalia que anega os timbres vocálicos e os troca por un tumulto de pensamentos, que cada posta entoo como un rapsodo á súa amada.
Capturado o meu dereito de alegación, perezo no baixel da desidia, á deriva, como un ser carente de bágoas coas que redimir a asfixiante tristeza que cubre este verán eterno.
Mellor me fora ter morto naquel funesto día. É verdade, amor, podes crerme. Cambiaríame por ti. A miña vida por un sentimento imperecedoiro. Porque agora non teño nin sentimentos, nin nada. Só este cárcere, cheo de recordos nefandos, que se van libando como gotas de chuvia en terra árida e un retrato na mesa de noite que tódalas mañás me berra: asasino! Este miradoiro de cristal converteuse no espello transparente que me arreda da realidade que endexamais volverei tocar e que me impele a profanar o cadaleito do desprezable pasado. Pero nel nin sequera habita a dor, agás o cheiro fedorento da soidade que nunca remata.
Morro. Pero a miña aflición dura mil anos. Se cadra debería intentalo dunha vez, despoxarme do vexatorio sobrepeliz da covardía e rexenerarme nun voo, a ver se reclamando a súa atención agasalla o meu tránsito á catarse cunha mirada mansa e alegre. Mellor iso ca dilatar este acoso visual. Xa non podo respirar máis o aire desta tolemia que me sentencia a adoecer na disociación de voces, que se esparexen como follas outonizas polo pensamento. As imaxes, as frases recuperan a súa presenza como fantasmas da bacanal inconclusa. O sacrificio da alma a cambio da eliminación definitiva deste monólogo interior no que se alúa a carne. De vagar calmaranse os impulsos a partir do instante en que ela se atreva a absolverme.
Adeus corazón, semente da miña inconfesable luxuria. Non, adeus non, ata mañá. O adeus concédeselle ós que marchan sen opción de retorno, e nós vivimos de paso. As nosas miradas, os nosos corpos atoparanse outra vez no limbo das fábulas, cando o sátrapa da luz oculte a súa magnificencia trala muralla do confín.
Aí se achega o 34. Temporalmente preciso, na procura da súa escintilante pasaxeira. Toma nunha man o bolso e coa outra axéitase a roupa, avanza dous pasos aboiando sobre o chan da beirarrúa e mergúllase no bus da utopía que a levará polo funil da tarde, que comeza a invadir a cidade. Xa marcha, xa se esvaece da miña contemplación. Comezo a percibir ao lonxe a ansia do tren fregando as vías. Agarda por ela. Devece por acollela no vagón dos namorados, no que xa non vou eu. A súa silueta ocúltase tras o veo da choiva que comeza a lavar os vidros da fiestra. Debería tamén enxaugar as corredoiras do meu pensamento, polas que transita este exército da mentira que non me deixa ser. Arrastrar esta cheirume que se deita sobre a miña inercia, cubríndome coma unha saba de crucificado.
Tampouco esta primavera me concede o privilexio dunha tregua. Se cadra deba cismar noutra historia coa que seguir alimentando esta inexorable covardía, coa que matar definitivamente a túa sabedoría absoluta.
As tres e dez minutos. Ela marcha deica mañá transportada nesa dorna dos soños, arrastrando con ela as raiolas da esperanza. Próxima estación: a nada.