Oleiros, 18 de agosto de 2018.
– O BNG de Oleiros e Galiza Nova, organización xuvenil do BNG, conmemoran un ano máis o Día da Galiza Mártir, cabodano do fusilamento do economista e político galeguista Alexandre Bóveda en Poio (Pontevedra), cun acto cívico co que se quere, como en anos anteriores, rescatar da desmemoria e do silencio capítulos da represión franquista directamente asociados á historia local oleirense.
Mañá domingo 19 de agosto ás 8 horas o adro da igrexa parroquial de Santaia de Liáns acollerá un acto cidadán de homenaxe á memoria de catro cesteiros xitanos, todos da mesma familia, asasinados entre setembro e outubro de 1936 a mans dun comando falanxista cuxos corpos apareceron na estrada que vai de Perillo a Oleiros, á altura do km.2, na zona do antigo Colexio Videlba, zona moi próxima tamén a “Villa Galicia”, a quinta de verán da familia Casares Quiroga.
Antonio Montoya Camacho, Antonio Camacho Lovato, Antonio Montoya Camacho e Manuel Jiménez Montoya están soterrados na parte esquerda do adro da igrexa de Liáns. Un crime pouco documentado e nunca suficientemente investigado. Dous dos asasinados tiñan 16 e 14 anos. As motivacións xenófobas dos asasinos -matáronos, antes que por calquera outra razón, por seren xitanos -son tan evidentes como arrepiantes.
Familiares dos cesteiros asasinados e outros representantes do pobo xitano en Galiza acompañarannos mañá no acto, que será conducido pola actriz Isabel Risco. Participará tamén no mesmo o escritor Manuel Rivas, autor dun fermoso poema dedicado a esta familia de cesteiros incluído no seu l¡bro A boca da terra (2015), e o deputado do BNG no Parlamento de Galiza Xosé Luís Rivas Cruz “Mini”. Tamén haberá unha pequena actuación musical a cargo do grupo Maraxe.