Ataque Escampe estrea novo vídeo clip “Fuck the Police”
Ataque Escampe – F**k the Police
O clip, dirixido por David Silva, presenta a Miguel Mosqueira como un arribista do hip hop que fantasía con el mesmo como un rapeiro negro
“Fuck the Police” convértese no quinto (e último) sinxelo de Cabalgata, un álbum marcado pola exploración de estilos, que neste caso se achega ao rap old school
A elegante fotografía en branco e negro, o humor ou o xogo cos ritmos na montaxe destacan nun vídeo que conta tamén coa interpretación de Papa Aliouene Sagna
O lanzamento coincide co debut de Ataque Escampe en Madrid, o sábado 25 na Sala El Sol xunto con Familia Caamagno.
No que é quizais o momento central da letra do seu novo sinxelo, Ataque Escampe relatan un encontro coa policía. “Control de drogas, ¿tiene algún inconveniente?”. Cunha camisola na que se pode ler “Fuck the Police”, o narrador explica o medo sentido diante das pistolas dos axentes, nunha canción que se distancia dos estereótipos dos rapeiros presentando un protagonista tenro e patético a un tempo, contrastando a dureza asociada habitualmente ao hip hop coas imaxes dunha vida cotiá apacible.
Un ano despois da aparición do LP Cabalgata, o grupo galego lanza o que será o seu último videoclip con “Fuck the Police”, unha das cancións máis celebradas polo seu público. Faino afondando na tenrura e o patetismo que se atopan na letra, pero tamén reflexionando sobre o seu propio achegamento ao hip hop a través do clásico tema do dobre. “O protagonista é un arribista do rap de máis de 40 anos que, na súa fantasía, se percibe a si mesmo como un home negro”, apunta Miguel Mosqueira, vocalista no tema e actor no vídeo. “Isto deriva na comedia, mais tamén no drama, ao contemplarmos o ascenso e caída dun varón branco occidental vido arriba”
O drama e a comedia déixanse ver no ambiguo xogo de espellos entre as accións de Mosqueira e as do seu posible dopplegänger, interpretado por Papa Aliouene Sagna. Nunha serie de viñetas que oscilan entre a melancolía, a ironía e a paranoia, o director David Silva constrúe unha sorte de broche que pecha dous anos de traballo arredor do universo de Cabalgata, nos que se inclúen traballos como o espectáculo audiovisual Na noite brillan e vídeos como “Lamborghini” ou “A cociña práctica”. “É o clip, para min, máis divertido, máis cinematográfico e máis referencial da relación de amizade que teño con Miguel”, destaca Silva sobre un traballo no que buscou efectos de iluminación próximos ao cinema do Hollywood clásico, co uso dun só foco que resalta diferentes elementos na imaxe en branco e negro.
