IMPERDIBEL: “Aínda que conseguiu a fama polas cancións de Mecano coas que atormentou a minha mocidade e a de moitos dos meus amigos, a auténtica especialidade de Nacho Cano consiste en facer a pelota, unha arte no que poucos poden competir con il e co escaravello pelotero. A outra noite, na función número 400 de Malinche, o servilismo fóiselle das mans e fíxolle a Isabel Díaz Ayuso unha pelota tan gorda que por pouco non rebenta o teatro…O relato da Conquista de América que fixo Nacho Cano en presenza da presidenta da Comunidad de Madrid, do elenco da obra e dun público enfervorizado, podíao facer un locutor do NODO en 1949, un cura bébedo en 1835 ou un analfabeto en calquera momento.”Deulle os cartos a Colón pra que descubrise América e, amais, ordenou que se cristianizase a xente pra que non se cometesen abusos” dixo, o mesmo que podía dicir que Isabel a Católica bailaba o tango e cantaba reggaetón ou que Colón inventou o deterxente en po. Con todo, debemos reconhecer que ámbolos investimentos tenhen moreas en común, xa que a outra Isabel, Ayuso, tamén lle deu unha chea de cartos a Nacho Cano pra que descubra América a base de pachangas, charramangadas e ripios. Está tan agradecido a Ayuso que quizais debería dedicarlle unha ópera e chamala Matavellos…Madrid ten unha longa tradición de intelectuais, músicos e escritores apesebrados, artistas ronroneantes que se sentan aos pés dos seus mecenas e lles lamben os pés igual que un micho…Do mesmo xeito que Alaska, Loquillo e outros representantes insignes da Movida, Nacho Cano axunta a xordeira musical a cegueira política onda unha formidabel falla de talento. Non se trata dun despregamento propio do folclore hispánico, xa que istes días puidemos ouvir a Andrés Calamaro dicindo ledicias do Javier Milei polo seu espectacular triunfo nas eleccións arxentinas. Sempre fun partidario de separar ao artista da obra: Borges encomiou a ditadura arxentina, por non falar das parvadas que dixo sobor os negros ou os vascos, mais os seus contos son unha dos cumes da literatura universal…Con Alaska, con Loquillo, con Calamaro e con Nacho Cano tamén hai que respeitar isa barreira de seguridade infranqueabel: as súas opinións políticas poden ser noxentas mais a súa música é unha merda picada nun pau.
Frank Astro.
https://www.facebook.com/fran.castro.3994
MÁIS INFO: