Formulario de acceso protexido por Login Lockdown

Perseguindo a calma

Naceu xuño na soleira da Chaira. O sol coa súa potente luz inunda o manto verde da paisaxe. O vento que tampouco descansa abanea cunha delicada violencia os mestos brazos das árbores. Unha sensación de acougo afastada dese mundo claustrofóbico e ruidoso da cidade. Aquí a vida progresa máis amodo, ou iso semella… A xente non vive de xeito tan acelerado. Todo recende a calma que se impregna no espírito das persoas, que camiñan pola imperecedoiro vieiro do tempo.

O paso inexorable

No solpor de maio, vento maino que abanea as verdes extremidades das árbores. Ceo grixento que anuncia un húmido desacougo. Dende a fiestra vese a floresta que todo o invade como un vizoso exército que avanza sen detemento na consecución do seu propósito: deformar unhas veces, agochar outras as formas creadas pola man do home. Ao lonxe apenas se albisca o pobo veciño, só o cumio dalgunha casa asentada no máis alto, das outras xa só nos resta o esbozo da nosa imaxinación. As corredoiras mudaron en angostos carreiros, e os carreiros fecharon sobre si, como dúas mans que se xuntan no agarimo dunha aperta. Leiros abandonados, prados que se viron inundados por un océano de herba. Nas tardes reina o silencio, xa non quedan labregos que chamen o seu gando polo camiño do vilar. Agora o ruxido ten cheiro a inhumana modernidade que pasea a súa fachenda pola pel asfaltada da vella pista. Os anos da neneza fuxiron, imos madurando sen decatármonos atados no elo do tempo que tamén foxe…
Ás veces todo muda nunha absurda monotonía que me desacouga o espírito. A roda da vida marcha pola corredoira abaixo, sen deterse cara a un final indeterminado. O único que me alivia desta angustia existencial é ollar o sorriso na faciana da xente. Todos deberiamos rachar o rostro cun ronsel de gargalladas que xamais rematasen. O riso é a menciña que efectúa unha catarse no meu abatido espírito de ser mundano. De non manifestarse o riso na natureza humana, eu non sabería cómo actuar ante esta desfeita que nos asolaga como auga avolta dun manancial salvaxe. Pero o riso tráeme a calma que vou precisando en cada segundo, en cada alento consumido…

A sombra de Maquiavelo

O cuarto poder está en marcha. Xa activou o seu mecanismo demoledor co gallo de derrubar os alicerces do sistema gubernamental vixente, que non resulta do seu agrado, e posicionar no seu lugar aos da súa corrente ideolóxica. Inventarán mentiras, falsearán verdades. A maquinaria maquiavélica posta en funcionamento ao servizo das ideoloxías extremas. A cuestión fundamental é fraccionar a sociedade para facela débil e maleable. No canto de buscar a unión de todos para loitar contra esa crise global, preténdese escindir o cadro social con fins meramente electorais. A política do medo, do abismo da man dos que teñen fame de poder, dos ambiciosos que só buscan medrar individualmente sen importarlle a dificultosa situación da colectividade. As distintas organizacións sociais (sindicatos, grupos políticos, empresarios, o pobo en xeral) non só debería esixirlle responsabilidade ao goberno para que nos saque desta situación complicada, senón tamén a estas asociacións (políticas, da prensa, igrexa…) que buscan a desestabilización do devandito goberno en beneficio propio. Porque non podemos continuar con esta fractura das dúas Españas que tanta dor e bágoas aínda segue provocando

Ditadura lingüística

Un novo atentado contra o galego xa foi consumado coa aprobación do decreto da lingua por parte do goberno Xunta de Galicia. O señor Núñez Feijoo vai desenvolvendo o seu plan electoral, de xeito subrepticio como unha serpe disposta para atacar á súa vítima e inxectarlle o seu mortal veleno. E o doente, que xa se atopa indefenso, despois desta coitelada traidora talvez entre en estado agoniante. A nós, os falantes galegos que aínda resistimos as turradas dos renegados, que presumen do contrario, tócanos defender este sublime sinal da nosa identidade. De non facelo se cadra nun lapso non moi longo teremos que asistir ao declive dun idioma que noutrora foi símbolo da lírica peninsular. Un idioma que nos dignifica e sen o cal perderiamos unha parte fundamental da nosa esencia galega, malia o que digan os estultos traidores.

A foliada relixiosa

O que está a acontecer coa renomeada romaría dos Milagres de Saavedra (Lugo) xa brinca o valado do anecdótico. A liorta que se estableceu entre as ramistas dos festexos e un taberneiro por mor da colocación do bar no recinto da festa converteuse nun esperpento que nos amosa o rebaixamento ata o límite do absurdo dunha tradición relixiosa. A fe cedeu o seu paso en favor do espectáculo. O importante non é que os fieis se congreguen nunha celebración en honor á Virxe dos Milagres que cada mes de maio ten lugar neste lugar begontino, senón que a caterva goce do bulicio da foliada, esquecendo por completo a verdadeira devoción que os debería ter levado a ese lugar. E de paso encher o bandullo cunha churrascada e grolos de viño ou de calquera outra bebida alcólica… Todo se volveu un negocio, onde os cartos son os que mandan, non só nos bares senón tamén ó redor da mesma igrexa coa venda de doces, velas, estampiñas da Virxe, etc. O grande negocio da fe! Por iso non é de estrañar que xurdise unha disputa pola instalación do bar. Os cartos sonche os cartos e a fe non dá de comer…

As sombras da xustiza

Nestes días estamos a observar con certa perplexidade como a dorna do poder xudicial aboia en augas avoltas. O que acontece co xuíz Baltasar Garzón déixanos un amarguexo no pozo da boca e unha desconfianza no pensamento, provocados pola inhóspita actuación dos órganos rectores da xudicatura en España. Definitivamente, o noso terceiro gran poder, xunto con executivo e o lexisltativo, non superou a etapa de transición iniciada neste país hai xa máis de trinta anos. De seguro que en todos os organismos que configuran o devandito poder, dende o Tribunal Supremo ou o Constitucional, pasando polo Consello Xeral do Poder Xudicial, faise precisa unha renovación urxente e que a mesma se realice de xeito absoluta e radicalmente imparcial. Porque, do contrario, as decisións que saian de cada un destes citados órganos quedarán ensombrecidas pola negra nube da dúbida de non saber se se axustan a dereito ou se están condicionadas por presións ideolóxicas externas. Con todo, algo me fai sospeitar que os muros da xudicatura son rexos e dificilmente moldeables, aínda que, polo que se observa, si se poden facilmente malear.

No abismo lingüístico

A lingua galega é algo que caracteriza a nosa esencia galega e que nos define fronte ás restantes esencias. Dedicarse a empurrar o galego cara ao abismo da indiferenza supón un atentado contra a nosa propia idiosincrasia como pobo. E o que resulta máis patético é inventar falacias coas que argumentar un suposto desprestixio do castelán. Os renegados que tal fan seguen os ditados aqueles do pasado que pretendían un monolingüismo dentro dunha sociedade de monopensamento. No canto de avanzar recuamos…
https://www.facebook.com/martino.maseda?lst=1253241583%3A100000131601928%3A1481897082