Tren de proximidade e pacto de garrafón.
24 nov 2023 .
Galiza non recibiu cartos de Renfe, dos Orzamentos do Estado nin da UE para o tren de proximidade porque así o decidiron os sucesivos gobernos do Estado. O recoñecemento de determinados tramos ferroviarios como servizo de proximidade é unha decisión política resultado dun acordo entre o Goberno e Renfe, tendo en conta unha serie de variantes como poboación, nivel de concentración urbana, distancia máxima de 70 quilómetros, etcétera. Os tramos A Coruña-Ferrol, Vigo-Pontevedra-Vilagarcía cumpren estes requisitos (teñen unha poboación de máis de 600.000 habitantes, que supera a outras áreas do resto do Estado que reciben axudas), mais non están recoñecidos como de proximidade.
Este tema foi tratado no Congreso en xuño de 1998, co Goberno de Aznar, e o PP votaba en contra dunha iniciativa do BNG para que a Xunta negociase con Renfe a implantación paulatina dun servizo ferroviario de proximidade, comezando polos traxectos A Coruña-Ferrol e Vigo-Pontevedra. O deputado do PP Fernando Pensado manifestaba, daquela, que este servizo sería unha realidade antes do 2001. En marzo de 1999 a Comisión de Infraestruturas do Congreso, a iniciativa do BNG, demandaba a elaboración dun plan para a implantación dun transporte ferroviario de proximidade na área metropolitana da Coruña.
O Goberno central sempre evitou un compromiso para a mellora do tren de proximidade. Así, en resposta a unha pregunta presentada polo BNG en novembro de 1999, o Goberno do PP contestaba que, segundo o acordo subscrito en abril de 1998 entre Fomento e a Xunta, os investimentos no traxecto A Coruña-Ferrol eran competencia da Xunta. O 1 de novembro do 2000 (Goberno de Aznar), Fomento anunciaba o inicio dos trámites para contratar o estudo informativo da liña A Coruña-Ferrol. Pasaron 25 anos e aínda non temos tren de proximidade.
Vexamos o contido do acordo BNG-PSOE: implantación do tren de proximidade antes de acabar a actual lexislatura (2027), tendo en conta as necesidades de infraestrutura, equipamento móbil e persoal, e priorizando os tramos Vigo-Pontevedra e A Coruña-Ferrol. Inicio en 2024 do estudo informativo para a modernización da liña A Coruña-Ferrol e presentación pública en 2023 do estudo informativo e execución nesta lexislatura do baipás de Betanzos. Creo que, neste caso, é mellor a política «de garrafón» que a de etiqueta.
O Parlamento galego, a iniciativa do BNG, aprobaba por unanimidade unha proposición non de lei en novembro de 2022 para que a Xunta reclame ao Goberno a posta en marcha do tren de proximidade no primeiro semestre de 2023. A que esperan?
