Formulario de acceso protexido por Login Lockdown

A artista galega LAW presenta o seu novo traballo ‘Prometeo na cidade‘ (2026, Galunk Producións), un EP conceptual de catro cancións onde conviven a electrónica, a música de raíz e a canción de autora para construír un universo sonoro que une o ancestral e o contemporáneo. O lanzamento reúne os temas “Mañá De Domingo“, “Prometeo Na Cidade“, “Unha Premonición” e “Lévame A Ese Lugar“, catro pezas que dialogan entre si a través da historia de Prometeo, titán que roubou o lume aos Deuses para entregarllo aos homes.

“Quería facer un traballo cun sentido narrativo sólido”, conta LAW. “Vencellei cada canción do EP a un episodio da historia do titán: I. O roubo do lume (Mañá De Domingo), II. O lume para os homes (Prometeo Na Cidade); III. Prometeo é encadeado (Unha Premonición); IV. O castigo da aguia (Lévame A Ese Lugar). O son do EP vaise transformando, sendo o primeiro tema moi espido (guitarra e voz), sumando cada vez máis capas, ata chegar a Lévame A Ese Lugar, o que ten maior produción. Este paso do orgánico ao urbano tamén está nas letras, sendo as primeiras máis “humanas”, e as últimas, máis “divinas”.

O EP comezou a tomar forma con “Mañá De Domingo”, publicado previamente como single adianto. Nun formato minimalista, con guitarra de Darío Pérez e voz, LAW reflexiona sobre o estrés, a velocidade da vida moderna e a culpa asociada ao descanso. A canción imaxina “realidades paralelas onde ninguén estea enfermo polo estrés”, converténdose nunha reivindicación da pausa e da beleza do cotián.

“Prometeo Na Cidade” recolle sonoridades da samba, a rumba e a world music, que interpretan os músicos Jorge Guerra, Darío Pérez, Jorge Villar e Carlos Lamosa. A canción retrata unha cidade escura e acelerada, incapaz de deterse mesmo cando Prometeo aparece para levar a luz, lanzando unha ollada crítica ao individualismo contemporáneo sen perder a frescura estival.

A terceira peza, “Unha Premonición”, móvese cara territorios electro-orgánicos e rituais. A través dunha produción intensa e dunha interpretación poderosa, LAW reivindica a intuición feminina e a necesidade de abandonar as relacións desequilibradas que nos atrapan. O tema funciona case como un aquelarre contemporáneo onde vulnerabilidade e forza conviven en tensión constante.
O peche chega con “Lévame A Ese Lugar”, a canción máis experimental do proxecto. Fusionando psytrance con ritmos tradicionais galegos como a muiñeira e a xota, LAW crea unha viaxe hipnótica cara un espazo simbólico de calma e liberación. As voces e percusións tradicionais convértense aquí nunha chamada colectiva para deixar atrás a dor e reconectar co emocional e co ancestral.

“Moita xente non o sabe, pero eu antes de ser cantante, fun pandereteira e cantareira”, conta LAW. “Empecei aos once anos tocando no grupo das Lumieiras na parroquia de Coia. E ainda que o meu proxecto non é de neotradi, senón de fusión, pregunteime: se experimento coas músicas do mundo, como non vou facelo coa da miña terra?”.

Cada canción está acompañada de un visualizer, e finalmente, un videoclip para Lévame A Ese Lugar, dirixido por Izan Mínguez. As pezas, cunha proposta minimalista e escura, ilustran as distintas fases do mito a través da superposición dos atributos de Prometeo (o facho, o lume, as cadeas, a aguia).

Producido por Rotce (Héctor Rodríguez Rodríguez), o EP confirma a identidade artística de LAW como unha das propostas emerxentes máis persoais da nova escena galega. Un proxecto que bebe da tradición e da experimentación contemporánea para falar, desde un lugar íntimo e honesto, das contradicións do presente.

Baseándose no galego como lingua principal e nunha mestura natural de electrónica, música de raíz, e world music, LAW constrúe un traballo conceptual, atmosférico e profundamente humano.

 

BIO
LAW é unha artista multidisciplinar do barrio de Coia (Vigo) que fusiona ritmos rueiros, música de raíz e electrónica, nunha viaxe sonora entre o urbano e o ancestral. A súa voz poderosa e as súas letras comprometidas marcan o pulso dunha proposta con identidade e conciencia.

En 2024 publica con Galunk Producións o seu primeiro EP, O Esencial, gañador do premio Maketón dos 40 Principais a mellor disco galego. Nel explora a procura privado, a espiritualidade e a denuncia social desde unha estética electrónico-orgánica.

En directo, LAW combina instrumentación en vivo (teclados, sintetizadores, batería, percusión do mundo) e secuencias, creando un espectáculo bailable, primitivo e con moita interacción co público. Pisou escenarios como PortAmérica, Festival da Luz, TerraCeo ou Río Verbena Fest, acompañada polos instrumentistas Jorge Guerra e Adrián Blanco. A súa música conecta experiencias individuais e sociais, creando un espazo para transformar a realidade e celebrar a existencia.

 

LAW – Lévame A Ese Lugar (Official MV)

LETRA

Un rostro na auga, un ollo abisal
A bágoa desborda coma un manancial
Contráese a vida
Un nó tan esbelto que apreta a matar
As fauces sangrantes farannos berrar
Son cantos de cadeas

(Ah, ah, ah)
(Ah, ah, ah, ah, ah)
(Ah, ah, ah, ah, ah)
(Ah, ah, ah, ah)

Lévame, lévame aquí
Lévame, lévame xa
Lévame, lévame aquí
Lévame a ese lugar

Son músculo vivo, aroma a chacal
Futuro postizo, a gran festa final
A boca da tormenta
Un neno sen nome, o suor do chamán
A risa marchita, a rabia ancestral
A forza das mareas

(Ah, ah, ah)
(Ah, ah, ah, ah, ah)
(Ah, ah, ah, ah, ah)
(Ah, ah, ah, ah)

Lévame, lévame aquí
Lévame, lévame xa
Lévame, lévame aquí
Lévame a ese lugar

Lévame, lévame aquí
Lévame, lévame xa
Quero deixar de pensar para sentir
Quero sentir para deixar de escapar

Lévame, lévame aquí
Lévame, lévame xa
Lévame, lévame aquí
Lévame a ese lugar

LAW – Unha Premonición (Official Visualizer)

LETRA

Quixen abrir a ferida
Cravar unha espiña no meu corazón
Lancei a pregunta aínda que o sabía
Foi como unha premonición

Crin o que oía, quedei convencida
De que merecías perdón
Ningún foi honesto, mentín cando dixen
Que as bágoas non eran de dor

Non foi só un soño
Esta intuición é real
Pechando os meus ollos
Abrindo o portal

Ai, miña vida, que me sabe a pouco
Ainda que esperte cada día aquí
Mala vida na túa compañía, para min
Miña vida, mala vida

Tolas, intensas, retortas, mesquinas
Escravas da superstición
Se todas estamos taradas
Igual é que vós non seredes tan bos

Quixen abrirme a ferida
Cravarme no peito unha espiña
Cambiar a tenrura por ira
Eu si sei quen son

Quixen abrir a ferida
Cravarme no peito unha espiña
Non eres quen ti dicías

Ai, miña vida, que me sabe a pouco
Ainda que esperte cada día aquí
Mala vida na túa compañía, para min
Miña vida, mala vida
Non sigo aquí

(Ai, miña vida, mira
Ai, mala vida miña)

(Ah ah ah ah)
(Ah ah)
(Ah ah ah)
(Ah ah)
(Ah ah ah ah)

Ai, miña vida, que me sabe a pouco
Ainda que esperte cada día aquí
Mala vida na túa compañía, para min
Miña vida, mala vida

Ai, miña vida que me sabe a pouco
(Ai, miña vida, mira)
Ainda que esperte cada día aquí
(Ai, mala vida miña)
Mala vida na túa compañía, para min
Miña vida, mala vida
Non sigo aquí

(Ai, miña vida, mira
Ai, mala vida miña)

LAW – Prometeo Na Cidade (Official Visualizer)

LETRA

Prometeo, non prometas
Promesas que non cumpras, non
Prometeo, non te entrometas
Na cidade non hai oco para o amor

(Ta tarara ta)
(Ta tarara ta)
(Ta tarara ta)
(Ta tarara ta)

Leva o seu facho pola rúa
A xente que pasa
Non repara na figura

Vista na pantalla
Van con présas e man dura
Non ven as noticias
Porque todo son penurias

Canta e non chores máis
Canta e non chores máis
Por min

Prometeo, non prometas
Promesas que non cumpras, non
Prometeo, non te entrometas
Na cidade non hai oco para o amor
Prometeo, non te enteras
Non buscan a luz da razón
Prometeo, non te sometas
Non buscan a lumbre
Só queren calor

(Ta tarara ta)
(Ta tarara ta)
(Ta tarara ta)
(Ta tarara ta)

Mozo dos ollos amendoados
(Olla para min, olla para min)
Sen futuro se volve o pasado
(Será así, será así)

Canta e non chores máis
Canta e non chores máis
Por min

Prometeo, non prometas
Promesas que non cumpras, non
Prometeo, non te entrometas
Na cidade non hai oco para o amor
Prometeo, non te enteras
Non buscan a luz da razón
Prometeo, non te sometas
Non buscan a lumbre
Só queren calor
(Ta tarara ta)
(Ta tarara ta)
(Ta tarara ta)
(Ta tarara ta)

Prometeo, non prometas
Máis promesas, non
Prometeo, non prometas
Máis promesas, non

Prometeo, non prometas
Máis promesas, non
Prometeo, non prometas
Máis promesas, non

Prometeo, non prometas

LAW – Mañá De Domingo (Official Visualizer)

LETRA:
Dáme unha mañá dalgún domingo
Onde o amargo sexa o sorbo do café
Voltemos a ser “homo” sen o “sapiens”
Espertémonos á hora de comer

A sociedade do deber, anestesiada,
Agora é a sociedade do poder
Producirei só emocións naqueles ollos
Que me observan con olleiras e un tremer

(Oh oh oh oh)
(Oh oh oh oh)

Dáme unha mañá dalgún domingo
Onde o amargo sexa o sorbo do café
Imaxinemos realidades paralelas
Onde ninguén estea enfermo polo estrés

Gaña o tempo non facendo nada
Porque esa nada é todo o que tes
Conquistemos a quietude deste instante
Xa pensaremos en chegar a fin de mes

Dáme unha mañá dalgún domingo
Onde non sintamos culpa no pracer
Robots civilizados e humáns robotizados
Nesta era chea de redes sen tecer

Pasamos tanto tempo na procura
Do sentido desta vida e o seu fin
Que non nos chega o tempo para vivila
E a resposta nunca chegaría así

(Oh oh oh oh)
(Oh oh oh oh)

Dáme unha mañá dalgún domingo
Onde o amargo sexa o sorbo do café
Imaxinemos realidades paralelas
Onde ninguén estea enfermo polo estrés

Gaña o tempo non facendo nada
Porque esa nada é todo o que tes
Conquistemos a quietude deste instante
Xa pensaremos en chegar a fin de mes
Xa pensaremos en chegar a fin de mes