O vindeiro venres comeza a FoliAgra, a festa tradicional do barrio da Agra do Orzán, cun programa pensado para grandes e crianzas: xogos tradicionais e pallaso para as crianzas, microconcertos de diferentes grupos da Escola Municipal de Música, pasarrúas de música tradicional, cantos de taberna nas fins de semana e dous concertos no domingo 30 de xuño.
As nosas rúas serán o mellor destino para cantar, bailar e tomar uns aperitivos ou xantar calquera sábado e domingo do mes de xuño: entre as 12 e as 14:30 h. os pasarrúas encherán as rúas de música e baile tradicional: sairán da praza das Cunchiñas e irán percorrendo as rúas anexas con música e pezas de baile.
Lamentablemente no noso barrio carecemos de espazo público e non temos onde organizar a festa ao aire libre, por iso para as crianzas recorremos ao espazo dos colexios; para o público xeral organizamos os concertos no auditorio do Centro Ágora. Agardemos que cando teñamos o Parque da Agra poidamos dispoñer un recantiño de convivio onde xuntármonos a veciñanza!
A xeito de convite, achegamos o cartel da programación da FoliAgra deste ano.
Programa completo na nosa web: http://galizacultura.gal/agra/foliagra-2024-a-festa-do-barrio-da-agra-do-orzan/
Nesta ligazón pódense localizar no mapa os diferentes eventos da FoliAgra 2024 coa información actualizada.
Achegamos o cartel xeral e o programa.
Asociación veciñal, cultural, deportiva e recreativa do barrio da Agra do Orzán “AGRA”

