Formulario de acceso protexido por Login Lockdown

vigoalminuto.com

 

 FEIJÓO E A CORRUPCIÓN
Coñecido o caso de Cristobal Montero sobre posíbel caso de corrupción a través do despacho Equipo Económico, Feijóo apresurouse a declarar que “En 30 años en política no he mombrado a nadie que esté metido en un supuesto caso de corrupción”. Non é verdade.
Xa se publicaron casos de nomeamentos de Feijóo a persoas implicadas en casos de corrupción. No meu libro O PERVERSO GOBERNO DE FEIJÓO (Edicións Laiovento 2016) xa recollía algúns tipos de corrupción como o caso de Pablo Crespo, responsábel de organización do PP de Galiza que cando aparece implicado na trama Gürtel é colocado no consello de Administración de Portos de Galicia cando Feijóo era o responsábel da Consellería de Política Territorial da Xunta de Galicia. Axunto o apartado do libro FEIJÓO NON SABÍA NADA.
Por outra parte, durante a época de Feijóo como presidente da Xunta de Galicia, foron numerosos os casos de corrupción en concellos gobernados polo PP. No apartado CONTINÚA A CORRUPCIÓN NOS CONCELLOS GALEGOS do meu libro, recollo información de 28 concellos galegos con casos de corrupción e na Deputación da Coruña.
O PERVERSO GOBERNO DE FEIJÓO

(Edicións Laiovento, 2016)

A corrupción que non cesa

O 31 de outubro de 2003 a Asemblea Xeral das Nacións Unidas, a través da Resolución 58/4, proclamaba o 9 de decembro como Día Internacional contra a Corrupción. Aprobaba tamén a Convención das Nacións Unidas contra a Corrupción, que entraba en vigor en decembro de 2005.

A ONU celebra este día desde 2003 con distintos lemas. Así, o de 2004 era «Coa corrupción, todos pagan». En 2005, «Ti podes parar a corrupción». En 2013, «Cero Corrupción–100% Desenvolvemento», e en 2015, «Rompe a cadea da corrupción».

A corrupción non é hoxe un feito illado, senón que se converteu nunha forma de goberno que socava a democracia e o Estado de Dereito. Son numerosos os casos de corrupción onde os protagonistas son partidos políticos (caixa B, pago en negro, financiamento ilegal) e dirixentes empresariais como Gerardo Díaz Ferrán, ex–presidente da CEOE. Despois da trama Gürtel, caso Bárcenas, Operación Púnica, EREs de Andalucía, caso Palau da Música, familia Pujol etc. o barómetro do CIS de marzo de 2013 indicaba que a corrupción é unha das principais preocupacións para o 44,5% das persoas, pero nin a inmensa maioría dos medidos de comunicación nin as distintas institucións celebran o Día Internacional contra a Corrupción.

Neste capítulo, poderemos comprobar que a corrupción non cesa, con numerosos exemplos de concellos galegos. Pero aínda quedan por resolver moitos casos ou tramas de corrupción que darían para un novo libro: Campeón, Pokemon, Pikachu, Zeta, Cóndor, Cinco Jotas, Pulpo, Patos, etc.

Continúa a corrupción nos concellos galegos

Este é un pequeno resumo da corrupción nos concellos galegos, que ten como protagonistas a numerosos cargos públicos do PP en Galiza, que foron imputados, xulgados ou condenados por delitos relacionados coa corrupción. Aquí hai de todo, aínda que predominan os casos relacionados coa prevaricación urbanística, prevaricación administrativa, malversación de fondos públicos, adxudicacións irregulares de obras a familiares e amigos do partido, trampas na inscrición de persoas no censo, contratacións a dedo, tráfico de influencias, concesións irregulares. Tamén hai acoso laboral, enriquecemento persoal, financiamento ilegal do PP etc.

E cando o PP ten que abandonar o goberno municipal porque perden as eleccións, como en Ribadumia54 (concello natal de Rafael Louzán, onde tiña a praza de conserxe, ex–presidente da Deputación de Pontevedra e despois reconvertido en presidente da Federación Galega de Fútbol), desaparecían os discos duros dos ordenadores con información relacionada coa xestión administrativa do concello, que comeza a ser unha práctica habitual despois do caso Bárcenas.

O novo goberno municipal de Ribadumia denunciaba no xulgado a desaparición de dous discos duros e o borrado dunha serie de datos nos seus servidores informáticos, solicitando a comparecencia da ex–alcaldesa do PP, Salomé Pernas, e da empresa responsábel do mantemento informático. Consideraban que eses feitos podían ser constitutivos dun delito de danos contra a administración pública e que se puido vulnerar a Lei de Protección de Datos.

Unha auditoría externa encargada polo novo goberno municipal revelaba que non se podían restaurar as copias de seguridade do servidor informático con anterioridade ao 12 de xuño de 2015 (un día antes da toma de posesión do novo goberno) a pesar de que o sistema estaba programado para conservalas durante 894 días.

Abegondo

José Antonio Santiso Miramontes, alcalde do PP (foi tamén conselleiro de Agricultura no último goberno de Manuel Fraga), era imputado pola Audiencia Provincial da Coruña por un presunto delito continuado de prevaricación urbanística pola concesión de licenzas de obra de vivendas unifamiliares en solo rústico. Por outra banda, o TSXG anulaba en abril de 2016 o Plan Xeral de Ordenación Municipal deste concello por estimar desproporcionada a previsión de 2.622 novas vivendas, e inviable economicamente.

Ares

Manuel Cendán gañaba a alcaldía para o PP en 2003 por 43 votos facendo trampas e despois de inscribir no censo dese concello a 73 persoas de fóra, que figuraban con residencia falsa: 31 persoas na propia casa do alcalde e outras en garaxes baleiros, casas en ruína etc. Despois dunha denuncia do BNG, unha sentenza de marzo de 2012 condenaba o ex–alcalde por fraude electoral a cinco anos de inhabilitación especial para cargo público. Estivo dez anos cobrando de fondos públicos, primeiro de alcalde, de 2003 a 2007, e despois de concelleiro, co visto bo do PP, até que o 26 de decembro de 2012 a Audiencia Provincial da Coruña desestimaba o recurso de apelación interposto por Cendán.

Barbadás

José Manuel Freire Couto, alcalde do PP, foi imputado por corrupción urbanística. Médico de profesión e alcalde desde 1987 (comezou co CDS, pero fichou polo PP a principios da década dos noventa), fíxose cun patrimonio de máis dun millón de euros en bens inmobles, segundo un informe da Fiscalía Anticorrupción, a través de modificacións no plan urbanístico. Freire Couto non se presentaba ás eleccións municipais de 2015 e o PP perdía a alcaldía.

Barreiros

A Audiencia Provincial de Lugo abría xuízo oral contra Alfonso Fuente Parga, alcalde do PP, e cinco concelleiros do goberno local pola concesión de 48 licenzas, acusados por prevaricación urbanística. O alcalde aprobaba nun Pleno, con informes en contra da secretaria municipal, a construción de 3.000 novas vivendas, que non tiñan ningún tipo de infraestrutura viaria nin servizos de abastecemento, rede de sumidoiros ou electricidade e que non executaron os promotores privados.

Betanzos

María Faraldo, alcaldesa do PP, foi procesada por presuntos delitos de prevaricación e falsidade documental. Contratou ilegalmente a un profesor de música no conservatorio dese concello entre 2009 e 2010. Faraldo indicou que o profesor «enchufado» debía presentar unhas facturas como «reparador de instrumentos» para cobrar do concello, cando a realidade era que impartía clases e asinaba as actas como un docente máis.

Os Blancos

José Antonio Rodríguez Ferreiro, ex–alcalde do PP, foi condenado a 5,3 anos de cárcere por prevaricación, falsidade e malversación de fondos por utilizar irregularmente 200.000 euros das arcas locais.

Boborás

Cipriano José Caamaño, alcalde do PP, foi imputado por non executar unha orde de demolición, emitida polo propio concello que presidía, dunha vivenda que se levantou sen autorización nun núcleo declarado Ben de Interese Cultural. Tamén foi imputado polos presuntos delitos contra a ordenación do territorio, falsidade en documento público e tráfico de influencias, e acusado de manipular o plan urbanístico, certificando unha vivenda que non existía para poder legalizar así outra da súa propiedade.

Carnota

O TSXG ditaba auto de procesamento en xuño de 2015 contra o ex–alcalde do PP, José Oreiro, e Marisol Piñeiro, deputada autonómica e voceira do PP no Concello, por presunto delito de prevaricación administrativa por posíbel enchufismo. En 2007, cando o PP gobernaba, unha persoa foi contratada como administrativa e despois de dúas prórrogas conseguiu un contrato indefinido como técnico xurídico urbanístico, «sin cumplir ningún trámite procedimental legal». A Fiscalía sinalaba que o PP de Carnota mentiu no obxecto desa contratación, saltou os preceptos legais e as persoas implicadas mentiron perante o xuíz ao asegurarlle que manexaron o currículo de vari@s aspirantes ao posto e que a persoa contratada era a de mellores aptitudes. Este extremo foi desmentido polo secretario municipal, que negou que chegara ningún currículo ao concello.

Coristanco

Antonio Pensado Plágaro, alcalde do PP, era imputado polos supostos delitos de malversación, fraude, prevaricación e tráfico de influencias. Unha xuíza de Carballo investigaba facturas de gasóleo e a adquisición dunha retroescavadora por prezos moi superiores aos do mercado, así como a entrega a familiares directos do alcalde de material de obra facturado ao concello por varias empresas, sen que conste contrato de subministro nin estea claro o seu destino. Están tamén implicados outros membros do grupo municipal do PP, que aprobaron as adxudicacións nas xuntas de goberno de xullo e agosto de 2009, agosto de 2010 e xullo de 2011.

Crecente

Julio César García-Luengo Pérez, alcalde do PP (o seu pai foi tamén alcalde dese concello durante case tres décadas) era condenado pola Audiencia de Pontevedra a un ano de inhabilitación por legalizar unha industria madeireira, vinculada a familiares, que fora denunciada por carecer de licenza.

Cualedro

Luciano Rivero, alcalde do PP, tivo que dimitir como deputado provincial de Ourense porque entre 2009 e 2015 unha empresa familiar da que era accionista vendeu ilegalmente gasolina á Deputación por importe de 186.770 euros. Ademais, entre 2010 e 2014, esa empresa familiar vendeu outros 69.184 euros de gasolina ao concello. Rivero non dimitiu como alcalde porque, explicaba, o seu concello non ten ningún código ético que cumprir.

Fisterra

José Manuel Traba, alcalde do PP e deputado provincial, así como Santiago Insua, concelleiro de Cultura e Deportes, Ramón Redonda, concelleiro de Obras, Manuel Carro, arquitecto e José Ramón Lema Fuentes, secretario-interventor, eran imputados en xaneiro de 2011, xuntamente cos alcaldes de Cee, Corcubión e Mazaricos, por presuntos delitos de prevaricación, tráfico de influencias, falsidade documental e subornos, vinculados á adxudicación irregular de obras públicas, no marco da chamada Operación Orquesta.

Segundo a investigación xudicial, Daniel Ogando e o seu fillo, Ramón Ogando, de Construcciones Ogando, gozaban de «absoluto trato de favor nas contratacións de Fisterra» conseguidas pola «influencia de los dos empresarios en autoridades y funcionarios de este Ayuntamiento». O auto sinalaba que conseguiron obras públicas «amañando de forma consciente e ilícita los procedimientos de negociado sin publicidad». «Siendo todo ello agradecido con pagos en metálico a integrantes del Ayuntamiento».

Despois de descubrirse esta trama corrupta, o goberno municipal de Fisterra non cambiou e seguiu contratando a dedo. Así, en agosto de 2012, sen publicidade, adxudicaba unha obra por 34.818 euros aos citados empresarios imputados; e en marzo de 2013 adxudicaba novamente a Construcciones Ogando, a través dun procedemento negociado sen publicidade, outra obra por 71.723 euros, financiada coa axuda da Consellaría de Medio Rural55.

Gondomar

Alejandro Gómez Garrido, concelleiro de Urbanismo, José Luis Mosquera Veleiro, voceiro municipal e concelleiro de Cultura, os dous do PP, eran condenados pola Audiencia Provincial a unha multa de 675.000 euros por tres delitos de suborno, e non ingresaron no cárcere porque recualificar non é delito. Cobraban de tres promotoras a cambio de facilitar o desenvolvemento dos convenios urbanísticos asinados co concello. Os cartos eran destinados para financiar a campaña electoral do PP en Uruguai e ao partido Móvete Góndomar.

A Audiencia de Pontevedra tamén condenaba a seis meses de prisión e sete anos de inhabilitación a Carlos Silva Mariño, concelleiro de Gondomar, deputado provincial do PP e vicepresidente da Deputación, por un deleito de prevaricación urbanística. Formaba parte da Xunta de Goberno Local que o 17 de xaneiro de 2006 outorgaba unha licenza a unha filla dun funcionario de Urbanismo, sabendo que o Plan Xeral de Urbanismo estaba anulado.

O ex–alcalde do PP de Gondomar, Martín Urgal, e o ex–concelleiro de Urbanismo e tránsfuga do PSOE, Alfonso de Lis Fiúza, eran condenados en novembro de 2013 a oito anos e seis meses de inhabilitación para cargo público por un delito continuado de prevaricación pola concesión irregular de 38 licenzas urbanísticas, que o goberno local concedeu sen contar cos preceptivos informes xurídicos municipais.

A Laracha

José Manuel López Varela, alcalde do PP, era denunciado pola Fiscalía por un presunto delito de apropiación indebida. O concello tería pagado 48.000 euros en 2011 a unha empresa polas obras de instalación eléctrica na reitoral de Golmar que, supostamente, non se executaron.

Melón

Alberto Pardellas, alcalde do PP, foi condenado polo TSXG en novembro de 2010 a oito anos e medio de inhabilitación para exercer cargo público e ao pago de 120.000 euros por ter prevaricado na construción dun polideportivo, anexo ao mosteiro cisterciense de Santa María, catalogado como Ben de Interese Cultural (BIC), non facendo caso dos informes municipais e da Xunta que advertían da ilegalidade. Cristina Francisco Vílchez, esposa de Pardellas, foi elixida alcaldesa polo PP nas eleccións de maio de 2011 e declaraba como imputada por un presunto delito de falsidade documental pola sinatura de certificados de traballos comunitarios a veciños do concello que nunca se realizaron. A Fiscalía pedía para ela catro anos e medio de cárcere e inhabilitación par cargo público.

Mondariz

Julio Alén Montes, alcalde do PP, era acusado pola Fiscalía por un presunto delito de prevaricación e en outubro de 2014 solicitaba a apertura de xuízo oral. Este alcalde pedía á Xunta unha subvención de 39.812 euros en 2010 para a construción de pistas deportivas, pero na mesma parcela xa existía unha pista de tenis e outra polideportiva, e o único que fixeron foi realizar traballos de reparación e mellora. Descuberta a fraude, o concello tivo que devolver os cartos, mais a Fiscalía pedía para o alcalde sete anos de inhabilitación para cargo público. O PP perdía a alcaldía nas eleccións de maio de 2016, despois de 36 anos no poder.

Nigrán

Alfredo Rodríguez, alcalde polo PP entre 2004 e 2007, pagou con fondos públicos parte da campaña de Alberto Valverde, o seu sucesor en 2007 como candidato á alcaldía polo PP, segundo sentenza do Xulgado nº 2 de Vigo. Ecovigo Publicidad pasou facturas ao concello que superaron os 160.000 euros (carteis do PP, revista Nigrán Hoxe, co logotipo do partido e a foto do candidato á alcaldía etc). A citada sentenza recolle que non existía «expediente de contratación, presuposto, certificado de existencia de crédito, fiscalización de Intervención e aprobación do gasto».

Palas de Rei

O alcalde Pablo Taboada e o seu antecesor no cargo, Fernando Carlos Pensado, os dous do PP, foron procesados por acoso laboral e prevaricación. A denuncia foi presentada en 2011 pola secretaria do concello María Celia González. Están acusados pola Fiscalía por presuntos delitos de falsificación de documentos públicos, coaccións, prevaricación, malversación de caudais públicos, mobbing ou discriminación no traballo, posesión de cargo público sen reunir os requisitos legais e aceptación do cargo, infidelidade na custodia de documento público, ameazas e trato degradante. A petición de penas era de dous anos de prisión para cada alcalde por un delito de acoso no traballo, e dez anos de inhabilitación especial para emprego e cargo público e unha multa económica por dous delitos de prevaricación.

O Pino

Manuel Taboada Vigo, alcalde do PP, foi imputados polo presunto delito de falsificación de documentos públicos na expropiación de terreos para a creación dun polígono industrial.

Ponteareas

Salvador González Solla, alcalde do PP, foi imputado en tres causas urbanísticas, a última por suposta prevaricación, relacionada coas obras realizadas nun chalé da súa propiedade. Solla foi denunciado en maio de 2011 por un particular que acosou o alcalde de demoler sen licenza unha construción antiga para levantar a súa casa, facer sen permiso un pórtico, incumprir os retranqueos e alturas máximas do muro de peche.

O Porriño

Nelson Santos, alcalde do PP, outros tres concelleiros do goberno e a arquitecta municipal foron imputados polos presuntos delitos de prevaricación, malversación, tráfico de influencias e vulneración dos dereitos dos traballadores, dentro dunha investigación bautizada como Operación Multiusos, e acusados polo ministerio fiscal da realización de centenares de contratos fraudulentos con empresas afíns ao PP, sen ter en conta os reparos do interventor.

Portas

Roberto Vázquez Souto, alcalde do PP, foi condenado á suspensión de cargo público por un ano por adxudicacións a empresas que subcontrataban a empresas do seu ámbito familiar. Posteriormente, foi condenado o 23 de agosto de 2012 a pagar 315.000 euros por un delito contra a Facenda Pública xa que evadiu impostos na súa empresa construtora e falsificou documentos.

Sada

Ernesto Anido, alcalde do PP, foi imputado por prevaricación administrativa. Anido contratou para unha praza de coordinadora municipal, polo procedemento de libre designación, a Belia Vellón López, funcionaria do concello de Culleredo, que cesou catro meses despois de tomar posesión. O PP perdía a alcaldía nas eleccións de 2016.

Santiago

Gerardo Conde Roa gañaba as eleccións municipais de 2011 e dimitía como alcalde do PP cando era imputado por un presunto delito contra a Facenda Pública, tipificado no artigo 305 do Código Penal, por non declarar a súa promotora Gerlander Proyectos Inmobiliarios o IVE dunha venda de 61 vivendas por un importe de 4.059.142 euros. Era condenado o 1 de outubro de 2013 por fraude fiscal a dous anos de prisión e multa de 580.000 euros. Ángel Currás accedía á alcaldía e poucos meses despois era imputado por un presunto delito de tráfico de influencias por indicar á empresa Sermas (do grupo Vendex), adxudicataria da escola infantil de Salgueiriños, que persoal debía contratar. Currás tamén dimitía como alcalde e Agustín Hernández, daquela conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestrutura da Xunta, accedía á alcaldía o 8 de xullo de 2014, despois da toma de posesión de nove concelleiras e concelleiros do PP, que cubrían as numerosas dimisións.

Sanxenxo

Catalina González, alcaldesa do PP, era imputada en novembro de 2013 por un delito de prevaricación na adxudicación das licenzas para as obras de construción dun edificio contra o cal foi ditada unha orde de derrubamento parcial.

Teo

Armando Blanco Martínez, ex–alcalde do PP, era procesado despois dunha denuncia da Fiscalía por presunto delito de prevaricación administrativa na actuación deste alcalde e de todo o equipo de goberno. No Pleno de 30 de abril de 2007, aprobaron unha prórroga de 20 anos a Aquagest para a concesión do abastecemento e a depuración de augas no concello, cando segundo a lei o límite máximo da concesión que comezou en 1989 é de 25 anos. O alcalde non atendeu o informe do interventor no que lembraba que o contrato orixinal só contemplaba prórrogas sucesivas de cinco anos, que só era posíbel unha prórroga de cinco anos e que era necesaria unha nova licitación. Blanco falecía o 12 de setembro de 2015, antes de celebrarse o xuízo.

Tui

A Fiscalía presentaba unha querela contra o alcalde Moisés Rodríguez e o anterior alcalde, Antonio Fernández Rocha, os dous do PP, que eran citados como imputados en setembro de 2014 polos presuntos delitos de prevaricación administrativa, prevaricación urbanística e tráfico de influencias, relacionados con catro casos de irregularidades urbanísticas. Nas eleccións municipais de maio de 2015, o PP presentaba novamente como candidato o promotor inmobiliario Fernández Rocha, que perdía a alcaldía.

Xinzo de Limia

O Xulgado do Contencioso Administrativo nº 2 de Ourense, a instancia da Avogacía do Estado, anulaba nove contratos deste concello. A sentenza falaba de «incumprimento groseiro da lei», con indicios de prevaricación na actuación do alcalde, Antonio Pérez Rodríguez, do PP. Todos os membros dun tribunal de selección de persoal tiñan vínculos co PP. Ademais, unha sentenza do TSXG anulaba as oposicións para dúas prazas nese concello porque o citado alcalde seleccionaba a dedo o tribunal: a noiva do alcalde conseguiu a praza de administrativa e outra de xurista foi para a filla dun compañeiro do partido, o ex–delegado provincial da Consellaría de Agricultura. Entre os examinadores estaban Gerardo Pumar, xefe Territorial da Consellaría de Cultura, e José Luis Suárez, presidente do PP en Monterrei e despois alcalde dese concello.

Deputación da Coruña

A Deputación da Coruña adxudicaba por 22.000 euros a Viproga Servicios, S.L., propiedade de Daniel Rego González (voceiro municipal do PP en Camariñas e asesor do presidente da Deputación, Diego Calvo), a atención a visitantes durante o verán de 2013 das Torres de Allo, en Zas, e os Batáns de Mosquetín en Vimianzo. Durante oito anos, este servizo foi realizado por Neria, asociación supramunicipal, integrada por 16 concellos da Costa da Morte. Cando se destapa este caso, Daniel Rego foi cesado como asesor.

Coa chegada de Diego Calvo á Presidencia da Deputación da Coruña, o PP realizaba unha reestruturación en 2013 para «modernizar» este organismo: dividía a área de Patrimonio e Contratación para designar a dedo a unha persoa de confianza como novo xefe de Contratación, relevando deste cargo a Luis Jaime Rodríguez, que presentara varios informes polo abuso dos procedementos negociados sen publicidade, por parte do PP. Unha sentenza do Xulgado do Contencioso-Administrativo nº 1 da Coruña atendía as alegacións deste funcionario (traballaba na Deputación desde hai trinta nos que conseguiu a praza en 1999 por concurso de méritos) e anulaba a división en dous do citado departamento. O novo goberno provincial (PSOE-BNG) restituía o funcionario como xefe desa área.

Na sesión de control ao presidente56, Francisco Jorquera, voceiro do BNG, pedía a Feijóo que se pronunciase sobre as imputacións do «conseguidor» Pachi Lucas e do presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar, así como da condena a Marcial Dorado, pero non houbo resposta e Feijóo sacaba peito e presumía do compromiso e actuación do seu Goberno: «Somos o goberno máis contundente contra a corrupción».

Cando se presenta algún caso de corrupción, Feijóo declara que hai que esperar a que os veciños falen nas eleccións, como se a corrupción puidese ser legalizada ou xustificada nas urnas. Así, cando se desata a chamada Operación Campeón na que eran detidos o director xeral e subdirector do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), por presunta fraude en subvencións públicas, Núñez Feijoo negábase a dar explicacións co argumento de que «a mí me llegan los principios éticos y la supremacía moral que me dan los gallegos con sus votos». Noutras palabras, os votos que reciben exculpan os dirixentes políticos de todo o delito de corrupción. Esta é a orixinal forma de entender no PP a democracia e o mandato das urnas: se teño o voto da cidadanía, recibo a absolución, independentemente do que decidan os tribunais de xustiza.

Despois das imputacións e posterior dimisión dos alcaldes de Santiago, Gerardo Conde Roa e Ángel Currás, e que en marzo de 2014 o grupo municipal do PP de Santiago tivese a 10 concelleiras/os (dun total de 13) imputadas/os en distintos procesos xudiciais, o novo alcalde, Agustín Hernández, exercía o 30 de decembro de 2014 como Delegado do Rei na «Ofrenda Nacional ao Apóstolo Santiago» (conmemora a chegada dos restos do Apóstolo a Galiza), e imploraba axuda «en la tarea de luchar sin límites contra la corrupción para tratar de erradicarla definitivamente de la vida política y social». Nesta mesma liña de solicitar a intervención divina para acabar coa corrupción (como se os seres humanos non puidésemos facer nada), Elena Candia, alcaldesa do PP de Mondoñedo, participaba o 14 de xuño de 2015 na ofrenda do Antigo Reino de Galicia e pedía ao Santísimo Señor Sacramentado «ser fuertes e inflexibles con los que siguen haciendo una política corrupta». É impresionante a pouca vergoña dalgúns dirixentes políticos do PP! O grave destas prácticas corruptas é que son asumidas por cargos públicos do PP como unha cousa normal. Explicábao moi ben Argimiro Marnotes, alcalde do PP do Carballiño, imputado por tráfico de influencias e revelación de secreto na Operación Pokémon57: «Vendex se portó bien, me pagó religiosamente un trabajo que le hice [o alcalde fixo para esta empresa, como aparellador, a nave do depósito da ORA en Ourense] y por agradecimiento le encargué el césped de mi finca, que la empresa no me cobró». Esta é a súa filosofía: «Me gusta dar trabajo a quien me lo dio».

54 Galicia confidencial, 24-4-2016.

55 Reportaxe de Paola Obelleiro en El País, 16-4-2013.

  1. Sermos Galiza, 24-2-2016.

57 Reportaxe de Cristina Huete en El País, 25-2-2013.

 

O PERVERSO GOBERNO DE FEIJÓO

(Edicións Laiovento 2016)

Feijóo non sabía nada

Cando Feijóo é preguntado polos casos de corrupción do PP, non asume ningunha responsabilidade política e contesta con frecuencia: «Non sabía nada».

Pablo Crespo, responsábel de organización en Galiza do PP de 1995 até 1999, é un dos principais implicados na trama Gürtel e o financiamento ilegal do PP. Cando Crespo abandonaba esa responsabilidade (por certo, despedido con honores), Feijóo, que era conselleiro de Política Territorial, mantivo a Crespo no consello de administración de Portos de Galicia até decembro de 2005, sendo Carlos Negreira presidente dese organismo. O xefe de contabilidade de Portos de Galiza, Victoriano Lago, tivo relación con Pablo Crespo a través dunha empresa situada no paraíso fiscal de Illa de Nevis. Entre 1999 e 2005, Portos adxudicaba catro contratos, entre setembro de 2004 e xullo de 2005, á Constructora Hispánica por importe de 13 millóns de euros, cuxo ex–presidente, Alfonso García Pozuelo, está imputado no caso Gürtel. Mais Feijóo non sabía nada.

Feijóo xustificaba a súa ignorancia porque en 1999 non militaba no PP («El señor Crespo, cuando yo llegué al PP, llevaba muchos años desaparecido de allí»), mais a rede de empresas Gürtel seguiu actuando en Galiza durante moitos anos despois desa data. Feijóo, que era conselleiro de Política Territorial en 2003, adxudicou por 21 millóns de euros á Constructora Hispánica, en xullo de 2005, o inicio da autovía entre Sarria e a A-6, dentro do Plan Galicia. Cando xa era presidente do PP de Galicia, a empresa SWAT S.L., vinculada á trama Gürtel, foi a responsábel da marca Feijóo09 da campaña electoral das eleccións autonómicas de 2009. Mais Feijóo non sabía nada.

A trama Gürtel seguiu actuando en Galiza despois de que Pablo Crespo cesase en 1999 como responsábel de Organización do PP de Galicia, e cobrou diñeiro do PP polos actos celebrados en Galiza, cando Alberto Núñez Feijóo xa era conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, e membro do 10 manuel monge Comité de Dirección do PP da provincia de Ourense. Segundo o sumario da Gürtel, Gerardo Galeote, eurodeputado do PP, ingresaba 20.000 euros para esta rede corrupta o 13 de marzo de 20031 . Mais Feijóo non sabía nada.

Na campaña electoral das eleccións galegas de 2005, cando Feijóo era vicepresidente da Xunta, o PP recibiu case dous millóns de euros en doazóns de empresas, a maioría construtoras, que tiñan adxudicacións de obras da administración galega. Mais Feijóo non sabía nada.

O PP preocúpase moito de que, alí onde goberna, os contratos da administración queden na casa, é dicir, nas empresa amigas. A Xunta adxudicaba 1,4 millóns de euros en contratos ao Grupo Eulen, do cal era apoderada Micaela Núñez Feijóo, irmá de Alberto.

Eulen, fundada en Bilbao en 1962 como unha empresa de limpeza, ten entre os seus directivos a persoas relacionadas coa extrema dereita como Jaime Mayor Oreja, eurodeputado do PP, que traballou nesa empresa nos anos 80 e na que agora conta con participacións, especialmente no eido da seguridade privada. O presidente de Eulen, David Álvarez, manifestaba no Salón Alimentario de Valladolid: «Para salir de la crisis hay que trabajar más y vivir peor».

Con Carlos Negreira como alcalde, esta empresa gañaba o concurso en agosto de 2012 para xestionar a Rede de Bibliotecas do Concello da Coruña por 2,26 millóns de euros. En todas as convocatorias anteriores, sempre aparecía como requisito indispensábel para se presentar ser unha empresa especializada na xestión bibliotecaria, condición que non tiña Eulen, que está centrada en servizos de mantemento, seguridade e limpeza. O goberno municipal do PP eliminou esa condición2

Conseguía tamén a xestión de numerosos centros culturais como o teatro Jofre de Ferrol, a Rede de Espazos Xoves de Dinamización Xuvenil e Emancipación, os almacéns da Consellaría de Cultura no polígono de Tambre etc. Eulen facíase coa xestión do Teatro Colón, propiedade da Deputación da Coruña, cando a oferta máis vantaxosa economicamente era a da Cávea Producións, participada ao cento por cento por unha caixa galega e que levaba xestionando o teatro desde o ano 2007. Conseguía tamén o contrato da xestión da atención telefónica das vítimas da estafa das Preferentes por 85.000 euros, que pagou a Xunta, sen que se convocase concurso público. Esta relación de Eulen co PP non é nova xa que, en xuño de 2005, despois de perder o PP as eleccións ao Parlamento galego, a Consellaría de Vivenda (Alberto Núñez Feijóo era o titular en funcións) asinaba un contrato con Eulen3 cun custo de 370.000 euros para a «divulgación das axudas en materia de vivenda».

Axentes de policía da Unidade de Delincuencia Económica e Fiscal (UDEF) entraban o 9 de marzo de 2016 en dependencias da Concellaría de Cultura do concello da Coruña para requisar contratos baixo sospeita. A investigación por suposto tráfico de influencias estaba relacionada coa adxudicación a Eulen dos citados servizos bibliotecarios do concello da Coruña, e despois da denuncia dunha empresa porque Eulen non era a que presentaba a mellor oferta económica. Mais Feijóo non sabía nada.

A chamada Operación Zeta puña tamén ao descuberto o tema do financiamento ilegal do PP, o mesmo que nos casos Gürtel, Camps, Bárcenas, Rita Barberá etc. Gerardo Crespo, que era un destacado militante do PP, é o principal imputado e conseguiu 20 millóns de euros de subvencións (15 de Xunta de Galicia) para realizar cursos de formación a través de empresas pantasmas ou relacionadas con autónomos e discapacitados. Tiña en nómina a altos cargos da administración e actuaba como unha auténtica axencia de colocación que recibía peticións de enchufe de dirixentes do PP e de altos funcionarios.

O enlace, conseguidor ou valedor de Gerardo Crespo en Madrid, era Francisco Ramón de Lucas Blanco «Pachi», unha persoa próxima a Feijóo e que conseguía para Crespo contactos, contratos e até entrevistas con ministros. Como declaraba o mesmo Crespo: «Yo le pagaba a Pachi, sí. No estaba en nómina, le pagaba 3.000 euros al mes en plan comisiones… Me conseguía contratos». Eses pagos a Crespo eran considerados como «prioritarios». Sobre este conseguidor, dicía Crespo: «Es de Pontevedra, tiene un chalé en Beluso y es amigo de Feijóo, su mejor amigo. Está siempre con él todas las campañas». Por outra parte, o PP pagou 25.583 euros nas eleccións de 2009 á empresa Disart 4 S.L., que presidía Pachi Lucas. Estas relacións privilexiadas con Feijóo eran recollidas nun sms, que Pachi enviaba a Crespo o 22 de maio de 2012 e que figura no sumario: «Comendo en Beluso, presidente, mar…! Todo ben». Nunha fotografía de agosto de 2011, aparece Pachi Lucas na feira de touros de Pontevedra con Feijóo, Rajoy, Alfonso Rueda e Louzán, presidente da Deputación de Pontevedra. Mais Feijóo non sabía nada.

  1. Xornal de Galicia, 9-10-2009.

2 Sermos Galiza, 8-10-2012.

  1. Sermos Galiza, 8-10-2012.

FOTO CABECEIRA DA MAN DE  https://www.eldebate.com/