El Kanka, Lendakaris Muertos, The Rapants e Los Niños Jesús, o grupo de Jordi Évole, súmanse ao cartel do Revenidas
O festival de Vilaxoán tamén acollerá os derradeiros concertos en Galicia de Mafalda e Lágrimas de Sangre
Outras incorporacións son as de La Fúmiga, Guadi Galego, Caamaño&Ameixeiras e Vértebras
O festival celebrarase en Vilaxoán do 12 ao 15 de setembro. Os abonos están á venda en revenidas.com a un prezo de 63€ (+gastos de xestión)
Tralo anuncio da presenza de destacadas figuras da escena galega, estatal e internacional como Tanxugueiras, Fillas de Cassandra, La Pegatina, Narco, Dubioza Kolektik e Talco, entre outros, o cartel do Revenidas gana en intensidade, variedade e pluringüismo cun segundo avance no que figuran artistas que responden á perfección ao perfil e á esencia do festival.
Sobresae neste segundo avance a presenza de El Kanka, un dos músicos españois máis aclamados e solicitados e un artista desexado polo Revenidas dende hai xa uns cantos anos e ao que por fin se poderá ver ao carón do mar de Vilaxoán. Tamén é sublimable o feito de que o Revenidas vai a acoller os derradeiros concertos en Galicia de dúas destacadas bandas que veñen de anunciar a súa retirada como son os cataláns Lágrimas de Sangre e as valencianas Mafalda.
Entre os que chegan por primeira vez ao Revenidas, ademais de El Kanka, están Los Niños Jesús, a banda que lidera o xornalista Jordi Évole. E tamén se estrearán no parque de Dona Concha os valenciáns La Fúmiga, unha das últimas sensacións da música festiva levantina.
Como non podía ser doutro xeito, os grupos galegos supoñen a metade deste segundo avance do cartel do Revenidas. Non podían faltar The Rapants, actualmente o grupo máis en forma na escena galega. Tamén estará Guadi Galego, unha artista que si soa prestixia calquera festival. A presenza galega complétase coa fascinante proposta de música tradicional actualizada de Caamaño&Ameixeiras e co dúo de hip hop incandescente Vértebras.
Os abonos para os catro días do Revenidas 2024 están á venda na páxina web www.revenidas.com a un prezo de 63€ (+gastos de xestión). As persoas que merquen o abono dos tamén poderán reservar na web o acceso á acampada por un importe de 10 euros.
Revenidas conta co apoio de Vibra Mahou, a plataforma de música de Mahou Cinco Estrellas que xera encontros en torno ao directo.
EL KANKA
Débeda saldada, Había tempo que o Revenidas desexaba contar no seu cartel con El Kanka e por fin chegou o momento. O cantautor madrileño é un artista feito así mesmo dunha maneira artesanal, sen présa, pero sen pausa, que soubo deixar repousar a súa carreira como se fai cos bos viños para chegar ata onde actualmente se atopa. A día de hoxe pode presumir de ser un dos artistas máis laureados do territorio español. E dos máis aclamados e solicitados, tamén. Co seu talento e naturalidade, El Kanka presentará en Vilaxoán a súa fascinante e particular fusión de sons que dan vida a cancións variadas cunha gran combinación de estilos nutridos de moi variadas herdanzas musicais. Un cantautor con maiúsculas.
LENDAKARIS MUERTOS
Así veñan cen veces, cada visita de Lendakaris Muertos ao Revenidas é todo un acontecemento. Poucas bandas gozan dunha parroquia tan fiel e entregada como os navarros. E eles, por suposto, corresponden con creces. Lendakaris seguen a ser un dos grandes nomes propios do punk estatal. Do punk ortodoxo e vertixinoso. Deslinguado, provocador e gamberro. Acelerado, irónico e sempre comprometido. Auténticos depositarios do imperecedoiro espírito da vella garda punkarra. E o seu último disco, Mucho asco (casi) todo, publicado este mesmo ano e que veñen a estrear en directo en Galicia é a mellor testemuña.
MAFALDA
A finais de 2023 o grupo valenciano de pop punk e rock anunciaba que deixaba a música cunha xira final, El último grito. E Mafalda escolleron o festival de Vilaxoán para a que será a súa derradeira actuación en Galicia. A súas letras reivindicativas e feministas e cancións como “Necesarias pero absurdas”, “En guerra” ou “La llorona” quedarán sempre na nosa memoria. E máis, seguro, despois desa derradeira escoita.
LÁGRIMAS DE SANGRE
Despois de 18 anos de traxectoria a banda catalá anunciou que esta de Armónico Desorden será a súa xira de despedida. E, por suposto, tiña que facer escala no Revenidas, no que, ao igual que no caso de Mafalda, será o seu derradeiro concerto en Galicia. O universo lírico e sonoro de Lágrimas de Sangre ofrece temas vitalistas e bailables para momentos de festa, xunto a outras propostas máis íntimas en versos existencialistas, sen deixar de lado aquelas máis crúas e amargas en forma de canción protesta.
LOS NIÑOS JESÚS
A banda liderada por Jordi Évole, e na que está rodeada de amigos, chega ao Revenidas despois de ter pasado por escenarios como os do BBK Live, Sonorama ou Inverfest. O seu repertorio revisa en clave festiva clásicos de onte, hoxe e sempre, dos nosos festivais e, por suposto, das nosas festas. De C. Tangana a Extremoduro pasando por Estopa, Lori Meyers, Kiko Veneno e, por suposto, Jarabe de Palo. Defínense como unha “humilde banda de versión” coa única pretensión de facer un “concerto para divertir á xente”. Que non é pouco.
LA FÚMIGA
La Fúmiga é un estado de ánimo. “Ese lugar ao que chegamos cando sentimos felices, radiantes e xubilosos”, explica o grupo valenciano. La Fúmiga converteu a música festiva nun fenómeno social, con electrizantes actuacións en directo que sacudiron o chan en case setenta cidades na súa última xira. Agora chegan a Vilaxoán para presentar Tot està per fer, o disco que publicaron este mesmo ano, no que inclúen once temas pensados, xustamente, para o directo.
GUADI GALEGO
Poucos nomes recollen tanta admiración e respecto na música galega como o de Guadi Galego. A artista de Cedeira conta cunha traxectoria absolutamente admirable. Dende 1997 ata 2008 formou parte de Berrogüetto. Participou despois en proxectos como Espido, Nordestin@os e aCadaCanto, ata que apostou pola súa carreira en solitario, máis orientada cara o pop, na que leva publicados 6 discos. O último, unha marabilla titulada Roibén, e a base do seu espectáculo Síntese Horizonte, que presentará en directo no festival de Vilaxoán.
THE RAPANTS
O feito de vender dúas salas Capitol en poucos minutos apenas un par de semanas despois de publicar o seu novo disco da boa conta do descomunal momento de forma no que se atopa a banda de Muros. The Rapants son moito máis que una “máquina del buen rollo”, son unha auténtica apisonadora, unha imbatible engrenaxe de rock, funk e disco que en directo arrasa por onde pasa. Se no 2023 xa rebentaron o Revenidas, o deste 2024 pode ser apoteósico.
CAAMAÑO&AMEIXEIRAS
Resignificando a música e o baile de raíz galegas cos sons máis contemporáneos, o dúo formado por Sabela Caamaño (acordeón cromático) e Antía Ameixeiras (violín e voz) é un dos nomes máis destacados da nova escena musical galega. Trala súa inesquecible actuación no Revenidas en 2022 e tralo seu paso por festivais como o Interceltique de Lorient ou o de Ortigueira, Caamaño&Ameixeiras regresan a Vilaxoán para presentar o seu último disco, Quitar o aire, inspirado na ritoloxía popular galega.
VÉRTEBRAS
Un só disco, 42 gramos, publicado este mesmo ano serviu para chamar poderosamente a atención sobre este dúo con base en Vigo, formado por Amari e Ika Subversiva. Vértebras transcenden das fronteiras do hip hop para presentar unha proposta musical cunha profunda carga de compromiso que transita desde o «boom bap» incandescente á rave máis vibrante. O Revenidas é unha extraordinaria ocasión para coñecer e desfrutar do seu impetuoso directo.
FOTO CABECEIRA DA MAN DE WIKIPEDIA.