Formulario de acceso protexido por Login Lockdown

Distrito 5º é unha banda de punk rock da zona oeste da cidade da Coruña
15011 Rebel Class 🔴🟢

BIO DE DISTRITO 5º (Parte I)

Dado que case ninguén coñecedes o proxecto imos poñer a nosa biografía para que saibades algo de nós.

Distrito 5º nace como todas as grandes ideas, no medio dunha boa esmorga e a noite de autos foi en Lugo no festival Candeloria, onde coincidimos todos os futuros membros da banda e xurdiu a idea de crear un grupo no barrio. Así a todo non sería ata meses despois que se materializa a ocorrencia e a principios do outono de 2017 comezamos os ensaios.

Sen máis metas que ser gloriosos dende Visma ata a Praza de Portugal, Distrito 5º comezaba a dar os primeiros pasos levando o barrio por bandeira como o seu propio nome indica. As primeiras cancións que creamos foron “Forza Sinque” e “Día de partido” (que finalmente pasaría a ser utilizada baixo o nome de Incondicionais noutro proxecto posterior), convencidos que adicando un tema ó equipo do barrio, que compite na última categoría do sistema de ligas de Galiza, era o primeiro chanzo para converternos nunha banda de masas.

Inicialmente como cuarteto, tras 3-4 ensaios o cantante Pops “O Bardo” vaise retirando do proxecto evidenciando o que todos sospeitabamos (que os do 15010 non son moito de fiar).

Reorganizados xa como trío, gravamos unha demo de ensaios chamada “Núkleo Visma” xusto antes de rematar o 2017. A pesar de que a calidade de son e execución o desaconsellaban, ahí queda para os máis frikis e curiosos como mostra dos early days de D5. O son de Distrito 5º foi evolucionando dende o streetpunk/Oi! dos primeiros meses ata o punk rock da última etapa e tamén sinalar que os seus membros naquela época participaban noutras bandas como Fuxitivos e Fatty Boop.

Durante a primeira metade de 2018 fomos ensaiando con boa regularidade, incorporando novos temas ó repertorio e probando versións con vistas a un posible debut en directo que nunca chegou. Estaba case pechado un concerto no histórico bar Ateneo de Riazor para ese verán pero dúas semanas antes a puta policía local da Coruña abortou o concerto que deron os compañeiros de Fatty Boop nese local facendo inviable o noso ansiado debut en territorio 15011.
…….

📷O noso vello local de ensaio de Avda Hércules 🥺 (30-12-2017)

BIO DE DISTRITO 5º (Parte II)

Malia este revés do directo frustrado, tan só uns poucos días despois, a mediados de agosto de 2018, chegaría o momento cumio de Distrito 5º entrando nun estudo de gravación por primeira vez. En Treboada Estudio inmortalizan 4 cancións a pesar de que foran temerariamente preparadas e naquela sesión foi a derradeira vez que tocaron xuntos a formación orixinal de D5, xa que uns días despois o batería marchaba vivir a Italia. Tras esta situación, iníciase un periodo de parón e toma forma o proxecto Incondicionais cos que quedabamos de D5 xunto a Brais, que se une á batería e que participou en bandas importantes da escena galega como Post Mortem, Dandy Fever e Fred & The Perrys. Incondicionais nace como un “spin off” que acolle as cancións que había de temática futboleira no repertorio de D5.

Nos primeiros meses de 2019 retómase a posibilidade de reactivar Distrito 5º coa entrada á batería de Rubén “Segoviano” pero pouco tempo despois a marcha do baixista fóra de Galiza impide levar a cabo una rutina de ensaios estable. Esta situación dá lugar ó cese de actividade da banda dende xuño de 2019 salvo algún ensaio esporádico. En febreiro de 2020 os locais de ensaio da Avda de Hércules, onde D5 desenvolveu toda a súa actividade, quedan destruidos por un incendio e queda abortada calquera posibilidade de retomar a banda.

En xaneiro de 2026, e cunha renovada formación, Distrito 5º volve á carga por vez primeira con dúas guitarras no combo. Os membros da formación actual desta irreverente banda son integrantes doutros grupos como @txavalada, Crise e Fuxitivos.

📸 Somos tan lamentables que non temos unha puta foto xuntos da primeira etapa da banda así que poñemos esta instantánea do noso ex batería Noel aka “O Metrónomo de San Pedro” a modo homenaxe polos servizos.

DISTRITO 5º – EP de DISTRITO 5º | Spotify