Desaloxan e tapian o CSO Escárnio e Maldizer, 3 anos de autoxestión na zona vella compostelá
Policía cargou e retivo dúas persoas. Hai convocada unha concentración ás 20:00 horas desta terza feira na Praza 8 de Marzo. O Concello decretou a paralización do tapiado con bloques por se tratar dun inmoble protexido no casco histórico da capital galega. Compostela Aberta e BNG, críticos coa actuación policial.
En 2011 a agrupación de baile Cantigas e Agarimos abandonaba o local que usaba desde había anos na Rúa de Algalia, en pleno corazón de Compostela, para marchar cara o barrio do Castiñeiriño. Ficaba así sen vida un enorme caserón na zona vella da capital galega até que a comezos de 2014 foi ocupado, dando lugar así ao CSOA Escárnio e Maldizer, que ao longo destes tres anos foi epicentro de non poucas actividades e iniciativas, sempre desde a marxe e desde abaixo, en Compostela. “O espaço foi ocupado pondo em causa a propriedade privada e a gestom miserável e ruinosa levada a cabo polo Capital, dando pé a gente que tivera algumha iniciativa sem passar pola mediaçom do dinheiro e o lucro pessoal, tecendo laços de solidariedade e cumplicidade”, indican na súa web.
Na mañá desta terza feira furgonetas de antidisturbios da Policía Nacional posicionábanse na contorna do CSOA. Axentes das forzas de seguridade entraban no edificio para facer efectiva unha orde xudicial de desaloxo. Segundo testemuñas, non había ninguén no interior. A nova da presenza policial espallouse a través das redes sociais e en poucos minutos xa había concentrada nas imediacións un pequeno grupo de persoas. “Entón cargou a Policía”, afirma unha testemuña en conversa con Sermos Galiza, que indica que os axentes procederon a reter a dúas persoas (A.S.O. e D.C.C.). Ambas as dúas xa foron postas en liberdade após lles abrir expediente sancionador. A carga, sinalan varias fontes, foi desproporcionada e deixou feridas e contunsións a varias persoas.
Aos poucos, máis xente foi achegándose até a zona. Ás once da mañá o número de persoas concentradas na Rúa de Casas Reais – próxima á Algalia- camiñaba cara o cento. Mentres, un grupo de operarios procedían a tapiar con bloques os accesos ao caserón que acollía o centro social ocupado. “Un desaloxo, outra ocupación” foi unha das palabras de orde dos concentrados.
Segundo outra das testemuñas a Sermos Galiza, antes de proceder a tapiar os accesos non se procedeu a sacar do interior o diverso material (unha biblioteca de libros, mobiliario…) que había no centro.
Nun comunicado, Compostela Aberta, organización que goberna no concello da capital de Galiza, rexeita o desaloxo por entender que “non é o xeito adecuado de proceder por parte das institucións públicas”, indicando que o CSOA “non presenta ningún problema nin de convivencia nin de seguridade. Ben ao contrario”. Ademais, O Concello decretou a paralización do tapiado no local desaloxado por tratarse dun inmoble protexido no casco histórico.
De por parte, o BNG de Compostela consideran “desproporcionada” a actuación das forzas de seguridade. Reclaman, ademais, o uso público do local de Cantigas e Agarimos que, dende 2011, quedara sen utilizarse “pese á necesidade dun espazo para organizar actividades socioculturais nesta área”.
Para as 20:00 hai convocada unha concentración de solidariedade para co CSOA Escarnio e Maldizer. Será na Praza 8 de Marzo.
Concetración contra o desaloxo do escarnio.
Hoxe ás 20:00h na porta do camiño.
Necesitamos difusión!!
Defendamos os centros sociais!!
MAY30
Concentración contra o desaloxo do CSOA Escarnio e maldizer
Público
-
clockHoy de 20:00 a 23:00Empieza en 4 horas aproximadamente · 22° Mayormente nublado
-
pinPorta do Camiño, 15703 Santiago de Compostela (A Coruña), España