COMUNICADO DA ASOCIACIÓN FESTIVAIS DE GALICIA EN RELACIÓN CO ACCIDENTE OCORRIDO EN VIGO CON OCASIÓN DA CELEBRACIÓN DE “O MARISQUIÑO”.
A Asociación Empresarial Festivais de Galicia, que reúne a 8 dos máis importantes festivais profesionais de Galicia, quere transmitir á cidadanía o seu parecer a propósito do accidente ocorrido en Vigo na madrugada do domingo ao luns pasados, durante o festival O Marisquiño.
En primeiro lugar, a Asociación quere solidarizarse con todas as vítimas do accidente e desexarlles unha pronta e completa recuperación. A seguridade nos festivais é unha das máximas preocupacións desta Asociación: organizamos eventos para que o público pase un tempo de lecer con amigos e familiares e é prioritario para nós que ningún incidente lles amargue a experiencia ou, peor, comprometa a súa saúde ou integridade persoal.
Queremos, neste sentido, felicitar aos produtores de O Marisquiño pola impecable e exemplar execución do Plan de Autoprotección do festival, que permitiu que en apenas 10 minutos estiveran actuando os servizos de emerxencias na zona do sinistro. Con seguridade, esta actuación é o motivo polo que non temos que lamentar unha desgraza maior. Neste punto, temos que lembrarlle á cidadanía que a obriga de activar as medidas ante emerxencias é dos organizadores, polo que é mérito de O Marisquiño a excepcional rapidez con que se actuou para auxiliar aos accidentados e evacuar a zona. Sen restar mérito ao desempeño dos servizos de emerxencias, esta Asociación quere subliñar que a actuación de O Marisquiño e dos profesionais ao cargo da seguridade no festival debe ser tomada como exemplo para futuras ocasións.
Aínda que O Marisquiño non forma parte da nosa Asociación, coñecemos e respectamos aos seus promotores, e somos coñecedores da súa fonda preocupación polas medidas de seguridade, nas que non escatiman esforzos. Se O Marisquiño non tivera os máis altos estándares en seguridade non podería ser o festival que é, nin organizar probas válidas para campionatos mundiais.
Todos nós traballamos, ademais, dunha forma ou doutra, coas empresas e profesionais que se encargan de manter a seguridade en O Marisquiño e podemos ser garantes da súa capacidade e bo facer.
A maiores de todo o anterior, queremos manifestar a nosa preocupación por algunhas informacións aparecidas en medios de comunicación ao respecto deste tema e sobre as que temos que realizar algunhas precisións, pois afectan a todos os festivais -profesionais ou non- que se realizan en Galicia:
- O Marisquiño cumpriu coa obriga de presentar un Plan de Autoprotección. Así o acredita a administración competente que tiña que dar a autorización.
- En calquera caso, a mellor proba de que o devandito Plan existía e era correcto é que se activou e executou de xeito exemplar.
- Non é requisito para a validez dun Plan de Autoprotección, nin da licenza que o ampara, o seu rexistro na Dirección Xeral de Emerxencias, tal e como se publicou estes días. Esta é, en todo caso, unha obriga administrativa cuxo incumprimento nin sequera está descrito como infracción na lexislación de emerxencias de Galicia.
- Ademáis, nin tan sequera é obrigatorio contar cun Plan de Autoprotección para unha capacidade, en espacio aberto ao público, de 4.500 persoas. Só é obrigatorio a partir de 20.000 persoas. Se non é obrigatorio telo, moito menos é obrigatorio rexistralo. Nembargantes, O Marisquiño tivo a precaución de facer un Plan para esas 4.500 persoas e, posiblemente, por esa precaución se salvaron vidas.
Finalmente, en relación á titularidade da infraestructura sinistrada e competencias sobre o seu mantemento e conservación, tamén existen informacións que nos resultan altamente preocupantes e que nos vemos na obriga de respostar:
- A lexislación en materia de patrimonio das administracións públicas esixe que o mantemento e conservación das infraestruturas sexa acometido pola administración titular.
- A lei esixe ao titular da infraestrutura que responda frente ao cesionario polos vicios ocultos. Para dicilo con máis claridade, entendemos que O Marisquiño pode reclamar frente á administración titular do peirao os danos causados por ser autorizada ao uso dunha infraestructura deteriorada.
- Por tanto, non existe ningunha lexislación que obrigue ao organizador do festival a realizar ningunha comprobación previa sobre a infraestructura cedida. Sería como esixir a unha compañía de autobuses que cada autobús teña para comprobar a resistencia de de cada ponte que ten que atravesar, porque se a ponte cae ao paso do autobús sen facer esa comprobación a culpa sería da compañia de autobuses. Imaxinen agora vostedes que esa obriga se traslada a todas as empresas que traballan na vía pública ou en instalacións públicas: dende avións a taxis, pasando por servizos de limpeza da vía pública e ata donos de postos de venda de rosquillas nas festas,… Absurdo, ¿verdade?
En definitiva, os Festivais de Galicia vemos con fonda preocupación que as administracións actuantes, primeiras obrigadas ao cumprimento da lei, estean a buscar a forma de retorcer a lexislación para eludir responbilidades. Aínda que pode ser humanamente comprensible, xurídica e socialmente é inadmisible.
En Vigo, a 15 de agosto de 2018.