Formulario de acceso protexido por Login Lockdown

Este escrito fai un pequeno resumo do que foi e está sendo o proceso para abrir o cárcere da Torre, acompañado das nosas reflexións ao respecto.

É bastante complexo de explicar, polo que aquí está a información máis relevante. Esperamos que sexa máis ou menos fácil de seguir. Intentamos desglosar as cuestións para que sexa máis comprensible, pero o certo é que unhas gardan relación con outras, así que, por momentos, repetirémonos. Ao final do mesmo inclúese unha actualización importante. Grazas por ler.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Obras

O titular actual da prisión é a SIEP, dependente do Ministerio de Interior. É evidente que desde o seu peche (2009) ata o convenio asinado co Concello da Coruña (2017) non levou a cabo as tarefas de mantemento necesarias que garantisen un grao de conservación mínimo.

Coa sinatura do convenio SIEP-Concello creouse unha partida de aproximadamente 300.000€ que o Concello era responsable de empregar en obras de mantemento. Esta cantidade é moi pequena para os desperfectos causados por anos de abandono, pero era un comezo.

Aproximadamente a metade dese orzamento empregouse en obras durante o 2018. Na teoría, ía repoñerse o sistema eléctrico (roubado durante os anos de peche, pese a que o concello xa investira nel varios miles de euros en 2010) e facer obras de mantemento básico no espazo de entrada e nun dos patios. Estes son os espazos que o Concello prevía que se usarían en primeiro lugar. Unha parte importante destas obras non se puido realizar xa que, ao comezar a acometelas, a empresa responsable xulgou que as necesidades reais de reparación eran maiores das contratadas e polo tanto era necesario un maior orzamento. Esta foi a razón pola que o patio que entraba na convocatoria de uso xa non puidese ser empregado, ao non completarse as obras planeadas. En canto ás obras que si se fixeron, foron, na nosa opinión, deficientes. Principalmente:

  1. Retirouse e foi ao lixo grande parte do mobiliario que aínda quedaba. Cando o cárcere pechou en 2009 estaba prácticamente intacto. A desidia das administracións responsables, que permitiu que se roubase ou se destrozase o seu interior, e a pouca sensibilidade coa que se realizaron as obras provoca que neste momento quede unha porcentaxe moi pequena dese mobiliario e restos similares. Poderíase ter contactado, por exemplo, con xente experta en museoloxía, en memoria histórica, ou disciplinas similares, que achegasen un criterio de selección sobre que materiais desbotar e cales poderían ser empregados despois nunha potencial actuación de conservación e difusión da historia do edificio, ou para que polo menos puidesen facer un arquivo do que había.
  2. A obra foi entregada cos buratos feitos para cableado e sistema sanitario sen recubrir, coa tornillería das fiestras mal colocada e tapada con silicona, co vidro substituído por un policarbonato que non concorda moito co resto de materiais e a estética do edificio. De feito, o policarbonato das fiestras foi fixado ás paredes de tal xeito que non era posible abrilas, o que impedía a ventilación do espazo e contribuía á alta humidade existente.
  3. Dúas das cuestións vitais que Proxecto Cárcere indicara foron esquecidas. “Esquecer” é a palabra que empregou o técnico do Concello. A primeira das cuestións era tapar dous ocos de bastante tamaño que apareceran nas cubertas debido ás tormentas. A segunda era garantir a accesibilidade universal cun baño adaptado e unhas ramplas de acceso.

Debido ao que describimos no punto 3, houbo unha nova licitación e novas obras que consistiron en substituír as partes estragadas das cubertas, crear un baño accesible e colocar novas fiestras e extintores. Estas segundas obras fixéronse nun prazo considerablemente rápido e cuns acabados correctos. En canto á rampla, se nos dixo en varias ocasións que a súa colocación era inminente. Estamos en febreiro de 2019 e aínda non foi colocada.

 

Ata aí a primeira parte do orzamento. Para a segunda parte do orzamento, barallaban dúas opcións: facer máis obras no recinto de entrada ou amañar as cubertas: O obxectivo de ambas era, en primeiro lugar, evitar máis deterioro. Esta segunda fase de obras leva demorándose desde hai máis de medio ano, que se suma á demora que sufriran as obras anteriores. Polas características das obras que hai que levar a cabo, o mellor momento para facelas é o verán e sempre se nos deu a entender que se farían antes do inverno de 2018. Porén, nunha reunión coa comisión de seguimento que se celebrou a finais do verán, preguntamos en que estado estaba a licitación e para a nosa sorpresa o persoal técnico dixo que “ata xaneiro polo menos” non se farían. Hai unhas semanas preguntamos de novo e a resposta foi que non se chegaran a licitar, e que cos orzamentos prorrogados non é posible facelo. É incomprensible por que existindo a partida para elas, as obras non foron nin tan sequera licitadas. Recordamos que o edificio foi entregado ao Concello en xaneiro de 2017, e non puido abrirse ata agosto de 2018. Un ano e medio perdido nun convenio de dous anos.

 

Rampla

O cárcere ten que ser un edificio accesible a todas as persoas. Así se contemplou no último documento que elaboramos e se lle transmitiu ao Concello nas reunións previas ás obras. Pola súa parte, o Concello comprometeuse a instalar un baño adaptado e unhas ramplas que facilitasen o acceso. Como xa expuxemos arriba, o baño tivo que esperar a unha segunda licitación.

No referido á accesibilidade ao propio edificio, era necesario instalar dúas ramplas. Unha que salvase a escaleiras do exterior, para chegar á porta principal, e outra que unise o corpo de benvida co primeiro brazo do edificio principal, salvando o paso de ronda. Estas ramplas foron xestionadas polo Concello ao mesmo tempo que as obras do baño e, segundo nos comunicaron, ían colocarse no verán de 2018, previo paso do expediente por Patrimonio. Consultamos varias veces e a súa colocación sempre era, segundo o Concello, inminente. A realidade era que non chegaban, que o contrato entre Proxecto Cárcere e Concello se asinara xa en xuño, e era necesario para o colectivo non demorar máis a apertura. En xullo de 2018 tivemos a sorte de coñecer a parte do equipo de Recetas Urbanas, que estaba na cidade para un curso de verán da UIMP. Recetas Urbanas é un estudo de arquitectura que intervén no espazo público a través da autoconstrución e da participación das propias persoas nesa transformación dos lugares que habitan. Obviamente, interesoulles todo o proceso do cárcere, visitárono, viron que había escaleiras, sacaron un metro, fixeron uns cálculos e dixeron “xa tedes rampla”. E así xurdiu un dos mellores días na historia do cárcere (certo que non hai moita competencia en canto a días bos aí). Persoas que unhas horas antes non sabían da existencia das outras traballaron xuntas durante horas para asegurar que o edificio fose accesible a TODAS. Ademais, a maior parte do material empregado foi unha doazón de Recetas, sobrante doutros proxectos. Por iso, pero sobre todo pola enerxía e o apoio que nos deron, teremos sempre un grande agradecemento a Santiago Cirugeda e ao seu equipo.

Así que efectivamente construímos unhas ramplas de acceso. Son de madeira e non están fixadas ao edificio, senón que poden moverse. Non pasaron por Patrimonio porque a) son un elemento móbil, non permanente e b) os dereitos das persoas, neste caso aquelas con mobilidade reducida, non debesen ser presa da burocracia.

 

Burocracia

En reunións previas á sinatura do documento entre Proxecto Cárcere e o Concello da Coruña se nos dixo que, despois de estudalo, a fórmula que mellor se axeitaba ás circunstancias do cárcere era a de realizar actividades presentando unha comunicación previa, coa posibilidade de agrupar varias actividades nunha mesma comunicación. Tal e como se nos presentou parecía un trámite sinxelo e polo tanto aceptouse.

A primeira sorpresa chegou coa presentación da primeira comunicación previa, para a inauguración do cárcere. Cobróusenos unha taxa de case 100 euros por unha actividade dun día. Isto para unha actividade dunha asociación cultural sen ánimo de lucro dentro dun contrato co Concello polo cal a entidade recibe 0 euros.

A segunda comunicación, que agrupaba varias actividades, tamén supuxo pagar eses case 100 euros. Non só iso senón que, inexplicablemente, daba por válidas as tres primeiras actividades listadas pero non o resto, pese a ser todas do mesmo tipo.

Paralelamente estivemos tentando saber como era exactamente o que tiñamos que presentar, xa que desde a propia administración non parecían poñerse de acordo. Comisión de seguimento, persoal de licenzas e persoal do rexistro déronnos respostas diferentes, ás veces contraditorias, sobre que formulario empregar, que documentos achegar, que sinaturas eran precisas ou non… Sabemos que hai unha nova Lei da Xunta coa cal o funcionariado aínda non está plenamente familiarizado, e que as circunstancias do cárcere son bastante particulares, o que criticamos é a falta de coordinación para tentar dar unha resposta común e definitiva, e tamén a falta de vontade do Concello para asumir a súa responsabilidade.

Finalmente, na última semana de novembro tivemos unha reunión co xefe do servizo de Licenzas do Concello, na que aparentemente quedara claro como facer as comunicacións e que documentos achegar. Ben, a seguinte comunicación que fixemos houbo que rectificala porque ao parecer agora facía falla a sinatura de alguén con colexiación, cousa que na reunión preguntamos expresamente e se nos dixo que non era necesario. De feito, todos as nosas comunicacións foran asinadas pola mesma persoa, e, como xa dixemos, parte delas foran aceptadas.

Desde o Concello non só non colaboraron para chegar a unha solución senón que se abriu un expediente de revogación de contrato por non ter cumprido coas obrigas de comunicación previa e, cando comunicamos publicamente o que estaba a pasar, a resposta do Concello na prensa foi dicir que si tiñamos un protocolo claro de como presentar as comunicacións, e iso non é certo. A comezos de decembro, tras pedilo reiteradamente por outras canles, rexistramos unha solicitude para que o Concello nos enviase por escrito un protocolo claro de como e con que documentos facer as comunicacións. A día de hoxe non tivemos resposta.

O último atranco en todo este proceso vén de Patrimonio, dependente da Xunta de Galicia. A nosa última comunicación previa recibiu finalmente a declaración de ineficacia porque, segundo a resolución do departamento de Licenzas, non consta no expediente autorización de Patrimonio para realizar actividades socioculturais. Obviamente se non constaba neste expediente, tampouco constaba noutros que si deron por válidos. Misterios da Administración. Isto aparece porque, no seu momento, o Concello pedira autorización a Patrimonio para instalar as ramplas que licitaran. Na resolución ao respecto Patrimonio fala de todo un pouco, incluíndo a autorización de actividades, pero RESOLVER só resolve sobre a instalación das ramplas (que denega, por cuestións que saberán eles). Polo tanto, ao noso xuízo, o Concello da Coruña dá un paso atrás innecesario e con el impide á asociación o cumprimento do contrato de dinamización, ao non permitirlle levar a cabo actividades.

Resulta curioso tamén que este detalle se lle acorde agora a Patrimonio, cando no verán de 2018 foron supervisar as obras que se fixeran, deron o visto bo e non pareceron ter problema ao respecto. Como tampouco tiveron nada que dicir ao deterioro do cárcere nos anos nos que estivo pechado. Por outra parte, non é esta a primeira vez que se realizan actividades (no seu momento houbo un festival de cine, varias exposicións, e actos dos distintos gobernos municipais -Bng+PSOE, PP, Marea- ) e non se opuxo tampouco.

 

Gardas

A última acción do Concello da Coruña consistiu en poñer un servizo de seguridade privada as 24 horas do día. Disto avisaron á asociación nin tan sequera 24 horas antes, por medio dunha chamada telefónica.

A razón que se nos deu é que, ao non haber actividade, o edificio é máis sensible a que a xente entre saltando os muros. Isto non lles importaba cando a comezos de 2017 se sabía que iso estaba pasando e as portas interiores do cárcere estaban, incriblemente, abertas, o cal permitía que se puidese chegar practicamente a calquera zona do edificio. E, en calquera caso, parécenos a peor das solucións posibles.

Ademais disto, nas últimas ocasións nas que persoas da asociación accederon ao edificio, se lles pediu nome e número de DNI, sen aclarar por que é necesaria tal medida nin a onde van eses datos. Un dos gardas tamén botou a dúas persoas que se acubillaban no pórtico polas noites, a pesar de que nin cometían delito ningún, nin poñían en perigo a seguridade de ninguén nin a propia.

Solicitamos nun escrito enviado por rexistro que se retirase o servizo de gardas, pero non recibimos resposta.

 

Desinformación xeral

Como queda patente nos parágrafos anteriores, a comunicación por parte do Concello está sendo moi insuficiente. Non obtemos resposta a varias peticións de reunión nin a solicitudes de información de asuntos tan relevantes como o estado de tramitación de obras ou a potencial renovación do convenio entre SIEP e Concello. Non se nos comunicou que se contratara seguridade privada practicamente ata tela na porta e soubemos da renovación do Convenio pola prensa. Isto último a pesar de que ese convenio remataba dentro do período de vixencia do contrato que hai entre Concello e Proxecto Cárcere e polo tanto resultaba esencial saber se había renovación.

 

Reunións cos grupos municipais

No pasado outono puxémonos en contacto cos partidos presentes no Concello (BNG, PSOE, PP e MA) propoñendo unha reunión no cárcere. O obxectivo era que coñecesen de primeira man o que se estaba facendo alí e tamén para que visen por si mesmos o estado do inmoble ante certas novas alarmistas.

Tivemos unha reunión con Marea Atlántica, que transcorreu con normalidade e sen nada destacable, e outra co Bloque, que tamén transcorreu con normalidade e na que se comprometeron a levar algunhas cuestións ao pleno. O PSOE aceptou nun primeiro momento a reunión, pero cando lles propuxemos unha data non contestaron. Iso coincidiu máis ou menos coas súas primarias locais, e entendemos que esa sería a causa para non concretar a reunión, pero desde entón fixemos outro intento de reunirnos e o certo é que non obtivemos resposta. O PP negouse a reunirse no cárcere, ofrecendo María Pita, cousa que impedía a motivación principal da reunión, polo cal decidimos non mantela nese momento.

Posteriormente convidamos tamén a unha reunión aos partidos que integran a M.A, que aceptaron EU e Anova. A razón foi transmitirlles os atrancos que estaba habendo no proceso. Á súa vez, o BNG, cando tivo coñecemento do expediente de revogación, púxose tamén en contacto para amosar a súa dispoñibilidade a unha reunión onde tratalo. Esta última decidimos non levala a cabo ata que a propia asociación tivese claro o asunto.

 

Proceso xudicial e imaxe pública

Nas últimas semanas houbo algún movemento en canto ao proceso xudicial no que está inmerso o concurso do cárcere. Como xa dixemos anteriormente, Proxecto Cárcere non entra a valorar o proceder ou as motivacións do Concello da Coruña, porque os descoñecemos. O que si temos que afirmar é que Proxecto Cárcere en ningún momento, nin agora nin antes, buscou nin colaborou con ningunha entidade para ser beneficiado inxustamente.

Sobre o que si podemos falar son algúns argumentos que se dan para levar a cabo a denuncia. Podemos falar, fundamentalmente, porque son unha interpretación non moi certeira de información presente no blogue de Proxecto Cárcere ou relacionada coa historia do colectivo.

 

Eses argumentos teñen que ver coas persoas que pasaron pola historia de Proxecto Cárcere: No seu momento na web de Proxecto Cárcere colgouse unha listaxe de nomes (uns 150) baixo a pestana “Quen somos”. O Partido Popular empregou esa listaxe para dicir que había moitos nomes que coincidían con xente do goberno municipal e que, polo tanto, esas persoas son membros de Proxecto Cárcere. Aquí hai varias cousas, que xa explicamos nun escrito anterior, pero que aparentemente decidiron ignorar. En Proxecto Cárcere non hai membros como tal. De Proxecto Cárcere se participa, indo ás asembleas, colaborando nos grupos de traballo, etc., realmente non se “é” da asociación. Ademais aquela listaxe saíu dos primeiros meses da plataforma, antes incluso de ser asociación, na que as persoas que quixeron apoiar ou estar informadas sobre o colectivo para loitar pola recuperación do cárcere, se anotaron. Non tiñan máis dereitos nin máis obrigas que persoas que non aparecesen nesa lista, e nin sequera era necesario que fosen a ningunha asemblea. De feito, a maioría das persoas que aparecen nomeadas polo PP nunca apareceron en ningunha asemblea, actividade, ou reunión de traballo. Si participou de forma activa Xiao Varela, ata 2011, na comisión de infraestruturas, e Rocío Fraga, ata comezos de 2012. Esta última figuraba como vogal da asociación ata 2016, pero en realidade débese a que ata ese ano non se efectuou o cambio de directiva, porque é un órgano que non ten relevancia en Proxecto Cárcere, pero é un requisito para ser asociación, e esqueceramos facer a renovación. Miguel Martín, funcionario, aparece na listaxe porque naquel momento (entre a celebración das Xornadas de Novas Formas de Xestión organizadas polo Concello BNG-PSOE en novembro de 2010 e a das Xornadas de Portas Abertas organizadas xa por Proxecto Cárcere en xuño de 2011) era o técnico da Concellería de Cultura co que tiñamos que tratar. Tamén se argumenta que cando se lle empezou a dar publicidade a esa lista de nomes, “desapareceu” do noso blogue. Non “desapareceu”, quitámola porque consideramos que era un erro mantela no apartado “quen somos” e ademais varios anos despois de que se recompilasen eses nomes. Sobre todo porque, como xa dixemos en moitas ocasións, o número e os nomes das persoas que participan en Proxecto Cárcere fluctúa de forma continua e a participación é totalmente aberta. Isto está explicado nunha entrada no blogue. En calquera caso, a listaxe está en todos os documentos que entregamos aos partidos políticos, está nas súas versións impresas que calquera pode consultar se vai ao cárcere e, ata o peche de Saramaganta, seguían na nosa web en pdf. Non hai polo tanto unha intención de ocultala, como pretenden dar a entender.

 

O Partido Popular manifestou en varias ocasións que “non ten nada” contra Proxecto Cárcere. A realidade é que as súas accións din o contrario. Non o feito de denunciar a convocatoria do cárcere, senón o feito de empregar repetidamente textos e imaxes do colectivo sen contrastalos con nós, de empregar eses mesmos datos erróneos en folletos que reparten indiscriminadamente polos buzóns, de asociar continuamente “Proxecto Cárcere” con “amiguismo”… Todo isto non amosa respecto pola asociación, máis ben todo o contrario.

Máis alá de asuntos xurídicos e leas entre partidos, o certo é que en febreiro de 2017 tivemos unha reunión co Partido Popular da Coruña. Nesa reunión estiveron as concelleiras Lucía Canabal e Rosa Gallego. Non nos transmitiron en que consistirían os seus plans para o edificio pero a señora Gallego si nos dixo “Si entráis, ¿cómo se os echa?”. A resposta, ao parecer, é “de calquera xeito posible”. Denuncias, levando o cárcere a pleno repetidamente pese a non haber novidades, convocando comisións de transparencia, pedindo os expedientes de todo o que Proxecto Cárcere fai, dicindo en prensa que entrar no edificio é un perigo, mentindo sobre as actividades que se fan… Se nos catro anos que gobernaron apenas se preocuparon do tema, isto parece máis ben un intento desmedido de poñer atrancos a toda costa que unha preocupación real. Outra das cousas que repiten é que o edificio non se abriu á cidadanía. De novo, o certo é que a inmensa maioría das actividades que si se puideron facer no cárcere foron a proposta de entidades ou persoas alleas a Proxecto Cárcere; que na medida que puidemos tentamos abrir o espazo para que puidese visitalo toda persoa que así o desexase, e que as nosas asembleas sempre foron abertas. Dicir que non se abriu a todxs é mentir. E non nos molesta simplemente porque se minta sobre nós, senón porque precisamente debido a que a nosa visión sempre perseguiu que o cárcere fose un proceso aberto, diverso e no que puidese participar canta máis xente, mellor, que se tente difundir esa imaxe entre a opinión pública é moi daniño. Gustarianos que por unha vez dixesen as cousas como realmente son, que é que se opoñen ao modelo de autoxestión que propoñemos, en lugar de desviar o debate con formas cuestionables.

Temos claro tamén que toda ese foco de atención sobre o cárcere, en grande parte creado e amplificado a base de certas novas de prensa que trataron todo o referente ao cárcere e a este colectivo con moi pouco rigor e sen poñerse en contacto con nós para contrastar nada, ralentizou e dificultou aínda máis o proceso de apertura. Cremos ademais que o Concello da Coruña non soubo responder a todo isto, non soubo defender as súas propias accións, e non soubo cooperar cun colectivo cidadá polo ben do edificio. No seu lugar o que fixo foi pasarlle todos os obstáculos á asociación, levando todo o proceso á paralise actual. Parálise que se leva xestando durante meses xa, ante a negativa dxs concelleirxs a recibirnos para aclararnos diversos puntos do proceso e a postura do Concello ante todos eles.

 

O cárcere, ao cabo, é só un exemplo concreto de algo que vai máis alá. Hai cuestións que precisan análises que vaian ao fondo e reflexións calmadas. Sería bo que partidos políticos e medios de comunicación comerciais, polo peso que teñen, se tomasen en serio esa necesidade. Por suposto hai quen xa o fai, pero a tendencia é a crear un discurso que apenas roza o superficial. Como non todo van ser queixas, queremos tamén indicar algunhas preguntas que poden ser útiles para falar de todo isto:

Cales son as ferramentas reais que se poñen a disposición da cidadanía para facer efectivas as leis de Participación?

Está o marco normativo preparado ou adaptado a iniciativas que non buscan lucro?

Cal foi o papel da prensa, como creadora de opinión, ante actuacións sobre o Patrimonio ou o urbanismo da cidade de dubidoso beneficio para o ben común cando non directamente ilegais, no momento no que estaban acontecendo? Exemplos: venda e derrubamento do asilo de Adelaida Muro, proxectos do Parque Ofimático, Edificio Fenosa, agra de San Amaro…

Cantos edificios e solares titularidade da administración hai infrautilizados e sen uso na cidade?

Que plans ten a administración para sacalos do abandono?

Que lugar se lles deixa aos colectivos e asociacións máis autónomos na construción da cidade e do benestar de quen vive nela?

 

Poderiamos poñer unhas cantas máis pero xa nos alongamos bastante. Como peche, só recordar, unha vez máis, que Proxecto Cárcere leva máis de oito anos traballando da maneira máis xusta e mellor que pode en prol dun pedazo do patrimonio e da memoria da cidade, e que ogallá a prisión chegue a ver tempos mellores pronto e a xente poida achegarse a ela e disfrutala de novo.

 

—————–

Ata aí o escrito que estivemos elaborando durante a semana que remata. Decidimos non desbotalo porque describe cuestións que son importantes durante o proceso e para o que engadimos a continuación. Vai aquí a

ACTUALIZACIÓN

A semana pasada Proxecto Cárcere volveu presentar por rexistro unha solicitude de reunión coas concellerías de Participación e de Urbanismo. Deuse de prazo ata o venres 8 de febreiro, porque considerabamos que era urxente. No día que remataba ese prazo, e sen ningunha outra información ou aviso previo, se nos comunicou por vía teléfonica que o Concello da Coruña decidira non prorrogar o seu convenio coa SIEP e que polo tanto o seu contrato con Proxecto Cárcere deixaba de ter validez. O convenio co Ministerio vencía o 15 de xaneiro pero en ningún momento, e pese a pedir información en varias ocasións, o Concello tivo a ben informar á asociación de como estaban as negociacións nin de cal era a súa posición ao respecto, todo a pesar de que ese convenio ten un efecto directo no noso contrato que, recordamos, non remataba ata xuño. Dificilmente pode haber colaboración entre o Concello e unha asociación cando o primeiro nega información sistematicamente e sen razón algunha e impide o diálogo.

De calquera xeito, Proxecto Cárcere, como parte da veciñanza que é, xa puxo de manifesto nestes meses o seu compromiso coa dignidade do espazo, coidándoo e poñéndoo a dispor de todxs. Por sorte, contou para isto coa colaboración de moitas persoas. Pola súa banda, as administracións parecen insistir en prolongar o seu abandono. Recordamos polo tanto a responsabilidade que teñen os distintos organismos implicados – SIEP, Concello da Coruña, Dirección Xeral de Patrimonio – e pedimos que, dunha vez, a asuman e cooperen para a súa conservación.

Canto recibamos máis información e unha comunicación oficial poderemos facer máis valoracións.

https://proxectocarcerecorunha.wordpress.com