Formulario de acceso protexido por Login Lockdown
Cumplindo os acordos emanados da última asemblea, membros da Comisión Aberta en Defensa do Común presentaron no Rexistro Municipal o texto da moción para ser debatida no vindeiro pleno respecto ás poxas das parcelas do Campo da Estrada, Hotel Finisterre e a consulta popular.  O escrito foi entregado tamén en man aos catro grupos municipais.
Anexo texto íntegro da moción que recolle acordos xa aprobados en diversas sesións plenarias, aínda que pendentes de executar.
A Comisión Aberta en Defensa do Común considera que as cuestións reflexadas na moción atópanse na mesma tesitura que fai anos, mais cada vez con menos tempo por diante e coa posibilidade casi esgotada polo tempo que resta para rematar o actual mandato municipal. Para esta plataforma cívica, “empeñarse en iñorar acordos plenarios, baixo o pretexto de convenios acadados con anterioridade, segue a ser unha maneira de ocultar o medo ás posicións máis especulativas da dereita conservadora”.

MOCIÓN PARA O PLENO DE XUÑO DE 2018 QUE PRESENTA A COMISIÓN ABERTA EN DEFENSA DO COMÚN A TODOS OS GRUPOS MUNICIPAIS SOBRE A PARALIZACIÓN  DEFINITIVA DAS POXAS DOS TERREOS DE DEFENSA NO CAMPO DA ESTRADA E DO HOTEL FINISTERRE, E A CONSULTA POPULAR

Os terreos do Campo da Estrada nos que se construíron primeiro o sistema defensivo das murallas, a Real Maestranza (século XVIII), despois o cuartel de Atocha (século XIX) e logo centos de vivendas para militares (século XX), eran e son terreos comunais, é dicir, da cidade, ocupados polas monarquías absolutistas para instalacións militares defensivas e en usufruto polo Ministerio da Guerra (hoxe de Defensa). Forman parte do sistema defensivo da Praza Forte da Coruña e en tanto que terreos do común, son bens propios, pertencentes á cidade desde a súa fundación.

O ministerio de Defensa pretende vender eses terreos e convocaba unha poxa en abril de 2016 de tres parcelas, que foi abortada pola oposición do pleno municipal e pola mobilización cívica. Nas últimas semanas coñecemos a intención de Defensa de continuar coa poxa de dúas parcelas no Campo da Estrada e, se esta queda deserta, recorrer á venda directa. E coñecemos a firma dun protocolo asinado pola Xunta, Fomento, Portos do Estado e Autoridade Portuaria da Coruña, sen contar para nada co concello da Coruña, na que manifestan a súa vontade de sacar a poxa pública o Hotel Finisterre. Todo isto formaría parte de todo un proceso que dura xa moitos anos, cunha clara mensaxe á cidadanía: A Coruña está en venda.

   Ningunha organización política, ningún goberno municipal pode colaborar na venda da Coruña, utilizando o argumento de respecto a convenios, pactos ou compromisos asinados polo concello da Coruña en 1984 e 2004, que non están actualizados para os tempos en que vivimos e que, ademais, son gravemente lesivos hoxe para os intereses da Coruña.

Queremos recuperar os terreos comunais do Campo da Estrada, organizar a defensa do común no século XXI, continuando con aquel espírito liberal, progresista e de compromiso coa cidadanía do goberno municipal da Coruña, que xa en 1840 solicitaba a devolución dos terreos do Campo da Estrada porque “el terreno de que se trata no puede pertenecer a la nación, pues es de este pueblo”. E a corporación municipal da Coruña aprobaba, na sesión plenaria de 10 de novembro de 1858: “Elevar a S.M. (raíña Isabel II) una reverente exposición suplicándole se digne conceder a este ayuntamiento la propiedad que le pertenece del terreno que ocupaba la fortificación demolida entre la ciudad alta y la baja de la población”.

Asistimos nos últimos anos a unha perda  de edificios e espazos públicos, que foron sempre unha referencia na historia da cidade e moitos deles de titularidade pública. Semella que a cidade está en venda. Estamos ante actuacións especulativas e mercantilistas que nos terreos do común só ven solares a privatizar, unha oportunidade de negocio inmobiliario, alleo ás necesidade sociais das veciñas e veciños.

A Coruña sempre se mobilizou para frear estas prácticas especulativas. Así, cando o ministerio de Defensa facía pública en decembro de 1993 que o Hospital Militar pechaba e que estaba en venda, unha comisión cívica convocaba diversas actuacións e unha manifestación en María Pita coa participación de 15.000 persoas o 27 de xullo de 1995. Antonio Couceiro, daquela presidente local do PP, denunciaba “a falta de sensibilidade de Defensa e do Goberno Central, que plantexa unha negociación en termos mercantilistas e estritamente recadatorios”. Pola súa parte, o xornalista Carlos Luis Rodríguez dicía, daquela, no seu artigo Defensa S.A.: “El Ministerio de Defensa ha actuado como un promotor privado dedicado a la especulación. Vende el hospital como si fuese suyo y no de los contribuyentes. Busca lucro, como si el objetivo de un organismo público fuese obtener rentabilidad a costa de los mismos ciudadanos que le costean con sus impuestos. Opera, en suma, del mismo modo que una multinacional extranjera que sólo viera clientes y mercado”. Vinte e cinco anos despois, non podemos permitir que Defensa continúe con estas prácticas especulativas, impropias dun organismo público.

Debemos recuperar a historia da Coruña. A concesión de terreos públicos para a construción da Solana en 1942, da súa ampliación en 1970 despois dun novo recheo, e do Hotel Finisterre en 1948, foi un roubo, parte do espolio, como no caso do pazo de Meirás. Foron importantes empresarios coruñeses e persoas relacionadas co franquismo, que participaron na represión despois do levantamento militar e fascista do 18 de xullo de 1936, quen impulsaron a ocupación de 25.000 metros cadrados de terreos públicos, gañados ao mar, como auténtico botín dos golpistas.

Ningunha corporación, ningún goberno municipal pode asumir hoxe a responsabilidade histórica de abrir a porta á privatización de concesións públicas a través da poxa do hotel Finisterre, para facilitar negocios de enriquecemento privado. Sería unha grave venda da cidade, que sempre mantivo a propiedade pública de toda a fachada marítima. Desde 1873-1875, coa redacción e aprobación dos Planos de Alineamentos de Yáñez e Barón, houbo concesións temporais, pero nunca existiron propiedades privadas lexitimadas por ningunha administración municipal.

Desde o Campo da Estrada-Xardíns e Paseo da Maestranza até a os Xardíns da Rosaleda-Praza de Ourense desenvólvense unha secuencia ininterrumpida de espazos de case dous quilómetros de lonxitude, ao longo da fronte Centro Histórico á baía, que teñen como característica a súa condición de terreos de titularidade pública e de uso público para a cidadanía do común e non existe un só metro cadrado de propiedade privada. Este é o legado que recibimos, e esta é a herdanza, a cidade que queremos deixar aos nosos fillos.

O pleno municipal, a iniciativa da Comisión Aberta en Defensa do Común, xa aprobou diversos acordos sobre estes temas nos plenos municipais de 11 de abril de 2016, de 9 de xaneiro de 2017, de 6 de marzo de 2017 e 6 de novembro de 2017 para evitar esas poxas e a venda dos peiraos. É hora de actuar, é dicir, de executar eses acordos. É hora de que a cidadanía tome a palabra e se pronuncie a través dunha Consulta Popular. Hoxe, e sempre, o que hai que respectar é o que opina a cidadanía porque “o pobo é quen máis ordena”. A veciñanza da Cidade Vella xa falou, participando nunha consulta popular, e quere a devolución duns terreos, que sempre foron do común, para zonas verdes e equipamentos públicos e non para construír 200 vivendas.

Por todo isto, sometemos a consideración do pleno os seguintes

                                                                        Acordos

  1. Esixir ao Ministerio de Defensa a paralización definitiva da poxa ou venda directa das parcelas do Campo da Estrada. A devolución gratuíta ao concello da Coruña deses terreos para uso público porque son espazos comunais, bens propios, pertencentes á cidade desde a súa fundación. Instar ao goberno municipal a que tome as medidas necesarias para evitar esa venda, a través da modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Municipal. Trasladar este acordo ao Ministerio de Defensa.
  2. Reiterar a oposición á especulación e venda do hotel Finisterre, mediante poxa, que só beneficia intereses privados. Esixir á Autoridade Portuaria a suspensión definitiva da poxa e a devolución gratuíta da Solana e do Hotel Finisterre cando acabe a actual concesión en 2027. Instar ao goberno municipal para que a modificación do Plan Xeral de Ordenación Municipal–A Solana restableza a característica de público de todo o ámbito concesional dos terreos correspondentes ao Complexo Deportivo A Solana e ao Hotel Finisterre, na súa fronte ao Paseo do Parrote, co obxectivo de impedir a súa privatización.
  3. Apoiar as iniciativas e mobilizacións cívicas convocadas pola Comisión Aberta en Defensa do Común para evitar a especulación e contra a venda e privatización das parcelas de Defensa no Campo da Estrada e do Hotel Finisterre.
  4. Lamentar a deslealdade institucional da Xunta, Ministerio de Fomento, Portos do Estado e Autoridade Portuaria da Coruña que, a través da sinatura dun Protocolo, marxinan ao concello da Coruña do debate e toma de decisións sobre o futuro dos peiraos e do litoral da cidade, cando é quen ten competencias urbanísticas.
  5. Proseguir co procedemento de Consulta Popular, tal e como foi aprobado no pleno de 6 de marzo de 2017.

(Foto portada cortesía de sermosgaliza.gal)