Formulario de acceso protexido por Login Lockdown

Colectivo Glovo

O COLECTIVO

Colectivo Glovo nace en 2016 baixo a dirección de Esther Latorre (España) e Hugo Pereira (Portugal), xerando un espazo de creación onde ambos, como intérpretes e coreógrafos, desenvolven conxuntamente a súa faceta máis imaxinativa.

 

Traballan na creación escénica tanto para teatros como para rúa e espazos non convencionais. Ademais do seu labor como creadores, tamén desempeñan un papel activo como xestores culturais, xa que un dos seus principais obxectivos como compañía é expandir o alcance das dinámicas do corpo na sociedade contemporánea.

 

Glovo expresa a súa paixón pola linguaxe do movemento e persegue a investigación de novas expresións escénicas, partindo do propio corpo sen límites establecidos. O seu traballo nutríse da experimentación, da fusión con outras disciplinas artísticas e da busca dunha comunicación xenuína co espectador.

 

A compañía percorreu diferentes países, incluíndo España, Portugal, Italia, México, Costa Rica e Corea do Sur. Formou parte do circuíto Red Acieloabierto en 2020 e 2023, Danza a Escena en 2021, 2023 e 2025, do catálogo de recomendación Programa.cat 2023 e 2025 de Cataluña, así como de PLATEA, RAEE – Rede Aragonesa de Espazos Escénicos, La Cultura Contraataca e diversas feiras de artes escénicas estatais. Ademais, recibiu varios apoios á creación por parte do Centro Coreográfico Galego e colabora coa firma de moda Adolfo Domínguez desde 2018 na creación de vestiario para as súuas producións.

 

A nosa aproximación a Portugal foi unha constante desde o inicio da compañía, a través de coproducións con outras compañías e institucións portuguesas, xiras no país e unha ampla rede de colaboración que ano tras ano segue medrando e consolidándose.

 

Colectivo Glovo foi galardoado con varios premios e recoñecementos, entre eles o 1.er Premio no Certame Coreográfico Internacional de Burgos & NY 2019, o Premio do Público no Certame Coreográfico Internacional Sólodos ENDANZA 2016, o Premio GATADANS e o Premio LAS NOCHES DEL PATRIMONIO no Certame DZM de Cáceres en 2022. Tamén recibiu o OFICIAL PRIZE CORPOMOBILE, o Premio Teatro Selvatico e o Premio The Loft Project no Certame de creación de CORPOMOBILE 2022 en Roma, así como mencións especiais no festival Corto In Danza 2019 en Cagliari e en La Espiral Contemporánea 2019 en Santander.

 

Paralelamente á súa faceta creativa, entre 2021 e 2023, Glovo codirixiu o festival Cartografía en Movemento e actualmente dirixe o programa de residencias artísticas e de investigación Atopémonos Bailando, ambos con sede en Lugo. Ademais, continúa a súa expansión internacional, consolidando a súa presenza en mercados e festivais de danza contemporánea, e explorando novas formas de difusión da danza no contexto actual.

ESTHER LATORRE

Galega de nacemento, completa a súa carreira graduándose en danza contemporánea no Conservatorio Profesional de danza de Lugo, formando parte da primeira promoción de profesionais en danza contemporánea de Galicia, diplomándose tamén en Maxisterio de Educación Física na mesma cidade. Foi merecedora do Premio á excelencia como intérprete de danza contemporánea.

Desde entón, traballou con compañías en España e Portugal, destacando a compañía Maduixa Teatre como intérprete da peza “Mulïer” galardoada co Premio Max a Mellor Espectáculo de Rúa, Premio Moritz Millor Estrea de Carrer 2016, Premio Umore Azoka 2017 (País Vasco) e Premio Artes Escénicas Valencianas do IVC en 2018, así como en diversas coproducións co Centro Coreográfico Galego.

Foi tamén merecedora do primeiro premio no Certame coreográfico Delmar (Valencia), gañadora do premio a Mellor Intérprete en Danza Contemporánea no 11º Certame de danza Gerard Collins e foi alumna bolseira na Anton Bruckner Privat universität für Musik, Tanz und Schauspiel de Linz, Austria. Tamén, foi merecedora da Bolsa DanceWEB no Impulstanz de Viena, Austria no 35º Certame Coreográfico de Madrid.

Desde 2016 é codirectora do Colectivo Glovo xunto a Hugo Pereira e imparte formacións e talleres de danza e movemento a diferentes niveis, sendo mestra en países como España, Italia, Portugal e México.

HUGO PEREIRA

Natural de Porto, comeza a súa formación en Conservatorio de danza JOBRA. Recibe diversas formacións en danza con mestres como Akram Khan Dance Company, Sagi  Gross (Gross Dance Company, NEDERLANDS), Shirley Esseboom (NEDERLANDS), Víctor Hugo Pontes (Nome Proprio, PORTUGAL), Inês Negrão (PORTUGAL), Bruno Alexandre (PORTUGAL), Carmela García (Otradanza, ESPAÑA), Julia Weh (ALEMAÑA), Romulus Neagu (PORTUGAL), Daniel Abreu (ESPAÑA), Diego Anido (ESPAÑA)… Formou parte da Companhia de Dança do Norte na produción de 2015-2016 “Barulhos Nossos” e participou en diversos festivais nacionais e internacionais de creación.

É tamén titulado en Especialización en Produción e Xestión de artes escénicas polo Instituto de Xestión Cultural e Artística da Universidade Europea Miguel de Cervantes. Actualmente está centrado na codirección de Colectivo Glovo, participando en festivais  nacionais e internacionais e tendo sido premiado co Primeiro Premio no Certame Coreográfico Internacional de Burgos & New York – Bailando con pedras ou o Premio do Público no Certame Iberoamericano Sólodos Endanza, entre outros. Foi tamén merecedor da bolsa Barcelona Internacional Dance Exchange (BIDE) no 35º Certame Coreográfico de Madrid. Actualmente, colabora activamente coa firma de moda Adolfo Domínguez.

FALAMOS?