Formulario de acceso protexido por Login Lockdown

1999_04_09

SET LIST:

You’re Gonna Quit Me

Mr. Tambourine Man

The Times They Are A-Changin’

Don’t Think Twice, It’s All Right

Tangled Up In Blue

One Too Many Mornings

4th Time Around

God Knows

Just Like A Woman

Stuck Inside Of Mobile With The Memphis Blues Again

Make You Feel My Love

Can’t Wait

Like A Rolling Stone

Love Sick

Rainy Day Women #12 & 35

Blowin’ In The Wind

Highway 61 Revisited

Como o vivín eu:

O de Alfredo Santaelena na Copa do Rei de 1995 contra o Valencia foi o gol da miña vida. Por diante dos de Donato e Makaay que aseguraron a Liga do 2000 ou os de Sergio e Tristán no chamado Centenariazo da Copa de 2002 ante o Real Madrid no Bernabeu. Por diante do terceiro de Pandiani na histórica remontada fronte ao Paris Saint Germain, de calquera dos catro contra o Milán en Riazor naquela eliminatoria de cuartos de final da Liga de Campións. Por diante, tamén, do gol de Iniesta, na final do Mundial de Sudáfrica. O de Alfredo naquela final suspendida pola saraiba e reanudada tres días despois foi o gol que fixo campión por primeira vez o meu Deportivo. Houbo outros antes e despois, máis bonitos e quizais máis importantes, pero ése é para min o que máis significa.

Do mesmo xeito, o concerto de Bob Dylan no Multiusos do Sar de Santiago en 1999 é o meu Concerto con maiúsculas. Fun testemuña de recitais máis multitudinarios, con mellor calidade acústica e repercusión a todos os niveis, pero esas foron as dúas mellores horas que pasei ao pé dun escenario. Houbo outros sete mil afortunados que foron testemuñas tamén dunha actuación simplemente perfecta. Todos eles coincidirán en que non esaxero.

As circunstancias contribuíron a fixar aquela xornada na miña memoria coa mellor das caligrafías. Primeiro, porque a media tarde cantei por primeira vez nunha emisora de radio, e foi unha estrea ao grande: en La Ventana, programa daquela conducido por Gemma Nierga na Cadena SER. Acompañado á guitarra polo meu camarada Borja Fraga, atrevinme coa derradeira estrofa de To Ramona, no que se pode considerar un embrión da banda tributo a Dylan que montamos xuntos anos despois, The Highlights. En segundo lugar, aquel 9 de abril o encargado de abrir o concerto do meu ídolo foi o meu artista favorito da historia do rock en castelán, Andrés Calamaro, que acababa de publicar o seu cumio creativo, Honestidad Brutal. Calamaro compareceu en formato de trío acústico, visiblemente sobreexcitado, tanto no sentido estritamente emocional da expresión como no tóxico. A súa actuación, que comezou con Alta Suciedad e rematou cunha gran revisión do Seven Days dylaniano, foi de menos a máis, e incluiu pequenas homenaxes veladas aos Stones, Elvis ou Bob Marley entre outros. Unha vez rematou, Calamaro baixou á primeira fila cunha botella de auga das de litro e medio para non perder detalle da actuación de Bob Dylan. Eu estaba apenas un par de metros detrás del, que gozou como resto e mesmo se excusou educadamente cando alguén lle pediu un autógrafo pouco oportuno en metade dalgunha canción.

faro

Foto: Lavandeira Jr.

Pero, ao cabo, todos estes factores tiveron unha relevancia moi cativa naquela noite colosal. O verdadeiramente importante foi ver a Bob Dylan na súa mellor versión, que é moito dicir. Un Dylan pletórico de enerxía e humor, flaco coma nunca, recuperado física e artísticamente despois de superar en 1997 unha grave doenza cardíaca e de editar, meses máis tarde, a súa volta ao Olimpo, Time Out Of Mind. Un Dylan que, á beira do novo milenio, vestía como un cabaleiro do século anterior e lograra, por fin, encarreirar a súa madurez creativa, acompañado dunha banda xa consolidada tras moitas boas actuacións a un ritmo case imposible de bater (máis de 100 concertos ao ano por aquel entón), na que permanecían Tony Garnier e Bucky Baxter, e había dúas caras novas respecto da visita anterior a terras galegas, as de David Kemper na batería e Larry Campbell tocando calquera cousa con cordas, principalmente guitarras.

Todo naquel concerto foi unha auténtica gozada. O ambiente, a posta en escena, a actitude da estrela, a demostración de facultades dos seus músicos, o repertorio… O que presenciamos as sete mil persoas que ateigabamos o Pavillón Multiusos Fontes do Sar foi tan grande que as deficiencias acústicas do recinto non supuxeron un lastre para ninguén. Aquela noite, Bob Dylan e a súa banda soaron tan ben que non houbo pero ningún. Bueno, o de algún redactor xefe resentido que arremeteu contra o artista pola súa xa vella teima de evitar ser fotografado. Aínda a día de hoxe, cada vez que regresa a España de xira hai quen segue enchendo páxinas con iso, malia que ten o mesmo sentido que recriminarlle a Raphael que vista sempre de negro ou aos Burning que non toquen boleros…

Pero volvamos ao Concerto. A aquel venres de abril do 99 no que os astros decidiron aliñarse. Dylan mantiña o costume de abrir fogo cun cover tradicional, e neste caso escolleu a festiva You’re Gonna Quit Me, gravada, como o Hard Times co que saudara na Coruña, para o álbum Good As I Been To You (1993). Se ben esta deixara frío ao público de Riazor, Quit Me revelouse de contado como un gran acerto. Case ninguén a coñecia, claro, pero sentou as bases do que sería o recital: unha inmersión nas raíces da carreira de Bob Dylan e, por extensión, da música americana en xeral, executada con mestría enérxica, con elegancia e con paixón a partes iguais. Deu o mesmo que o final do tema pillase a Kemper un tanto desprevenido, aquela fabulosa engranaxe folk apenas chirriou un segundo e, sen solución de continuidade, escoitamos os primeiros acordes de Mr Tambourine Man, seguida de The Times They’re A-Changin’. As dúas, executadas coa solemnidade das grandes ocasións. En menos dun cuarto de hora, o recital xa cheiraba inequívocamente a victoria. Outros dous clásicos indiscutibles, Don’t Think Twice It’s Alright e Tangled Up In Blue (único momento no que soplou a harmónica en toda a noite, nun solo punzante, inspirado) tomaron o relevo acelerando o tempo e mantendo a intensidade. Non era tanto o que Dylan estaba tocando senon como o estaba interpretando. Non parecía o mesmo tipo ausente e metido en si mesmo do festival dos Mil Anos. Agora movía o corpo posuído pola música, e tiña engaiolado o respetable cuns contoneos-chimpos-pasos de baile imposibles de imitar. Como se apagase centos de cabichas invisibles espalladas polo escenario. Como se o chan estivese cuberto de lava incandescente. Cando volveu levantar o pé para entonar One Too Many Mornings, o público xa comía da súa man. Non creo que moitos asistentes soubesen que canción estaba tocando, e menos aínda cando a continuación atacou 4th Time Around (que algún cronista confundiu co Norwegian Wood dos Beatles, no que Dylan se inspirara para compoñela). Non hai tantos fans de Bob Dylan en España. Está comprobado: máis da metade da xente que acode aos seus recitais apenas é quen de nomear media ducia deas súas composicións. Pero aquela noite daba o mesmo. Todas soaron poderosas e convincentes. Bob Dylan e a súa banda eran una máquina sutil que nos transportaba a outra época, aos xermolos mesmos da música popular estadounidense. Kemper, máis austero nas formas que Winston Watson, fundíase con Tony Garnier nunha base rítmica impecable. Por diante, Dylan saía airoso de cada pique con Campbell, compensando a súa obvia inferioridade técnica cunha expresividade case chaplinesca coa que nos transmitía moito máis que con calquera discurso condescendente entre canción e canción. De feito, deu as grazas ao rematarYou’re Gonna Quit Me e xa non volveu facelo ata o momento no que presentou os músicos, xa na recta final do concerto. E a ninguén pareceu importarlle!

Meses antes daquela visita, Columbia publicara a segunda entrega das Bootleg Series (o chamado Volume 4, que achegaba o histórico concerto de 1966 en Manchester). Durante aquela xira, o artista comparecía completamente so e coa guitarra acústica na primeira metade dos concertos. O espectáculo que vimos en Santiago en 1999 homenaxeaba en parte aquel formato, se ben a banda o arroupou en todo momento. Porén, as guitarras eléctricas non apareceron ata a segunda parte do show. Fixérono cunha canción que Dylan non interpretaba desde había cousa de dous anos: God Knows, unha peza agochada na cara B dun dos seus discos menos reivindicados, Under The Red Sky (1990). De menos a máis, cos distintos instrumentos incorporándose de xeito sucesivo, a revisión foi formidable. Ata o punto de se converter, musicalmente falando, nun dos mellores momentos daquela noite máxica. De seguido, Dylan entregou outro gran clásico, nada menos que Just Like A Woman, cuxos retrousos foron coreados como cabía agardar. Non excesivamente ben cantada, bastante lenta e aínda así cun pouso festeiro que a emparentou con Stuck Inside Of Mobile With The Memphis Blues Again. Que diferenza coa versión de Riazor no 93! Agora este tema, sostido sobre todo pola guitarra steel de Bucky Baxter, foi celebrado pola audiencia como un gran éxito grazas á popular adaptación de Kiko Veneno. E iso que a versión foi moito menos saltarina e non incitou ao alborozo ata o crescendo instrumental co que rematou. Daquela, o Pavillón do Sar negábase a espertar do soño, quería prorrogar ata o infinito aquela clase maxistral que lle brindaba a maior lenda viva da música contemporánea. Porque aquela noite si. Aquela noite Bob Dylan locía exultante a súa condición de mito. E o carisma que botaramos en falta a vez anterior agora lle escorría pola tempa con cada pinga de suor.

1999_Spain_2

Foto: dylanstubs.com

Nun determinado momento, milleiros de voces eufóricas atopáronse de xeito espontáneo nun cántico habitual nos estadios de fútbol (enténdase: oé-oé-oé, etc), desafiando o artista estadounidense ao aínda máis difícil. Faltaba por comprobar como se recibía o material máis fresco, aquel que ningún dos presentes escoitara antes en directo. Así que, sen esperar a que se calmasen os ánimos, Dylan entoou os primeiros versos de Make You Feel My Love, a balada máis romántica de Time Out Of Mind, un tema que daquela estaba só ao alcance dos máis fieis, malia unha primeira versión publicada pouco antes por Billy Joel. A lectura que fixo, moi fiel á orixinal, pareceu reducir as dimensións do recinto. Como se Dylan a estivese cantando para cada un de nós. E cando rematou, unha ovación pechada substituiu os berros de algarabía. A banda seguiu tensando a corda con Can’t Wait, un blues escuro cun leve toque funky, pertencente ao mesmo disco. Aquel 9 de abril daba igual o que nos ofrecesen: Dylan e a súa banda estaban on fire. Por iso, os primeiros acordes de Like A Rolling Stone, que avisaban de que a cousa ía camiño da súa fin, foron acollidos con vítores pero, a dicir verdade, non melloraron demasiado o panorama. Fundamentalmente porque iso era imposible. Antes, Bob Dylan dirixiuse ao público por segunda e última vez para presentar os seus músicos. Un por un foron recoñecidos como heroes. E por fin, fraseando ao borde da preguiza, como tirando da canción para atrás, o mellor cantautor de todos os tempos acometeu a máis mítica das súas composicións como o xinete que se sabe a lombos do cabalo gañador no Derby de Kentucky. Gozou levándoo ao trote nas primeiras estrofas e deixounos galopar nos retrousos. O cabalo acabou por se desbocar cando David Kemper comezou a aporrear os timbais como se lle fose a vida no intento. De súpeto, a penumbra tinguiu o escenario. Pero queriamos máis, moito máis.

Cinco siluetas emerxeron de entre as sombras e recolleron de novo os instrumentos. Aínda ás escuras, recoñecín o ritmo cansino e constante de Love Sick, que evoca o das agullas dun vello reloxo en metade dunha noite de insomnio. Terceiro achegamento ao material máis recente daquela, e outro dos mellores momentos de todo o concerto. Unha gran canción de desazón amorosa que interpretou con rudeza e case con pesimismo. Cando uns focos brancos iluminaron de xeito fantasmal o rostro de Dylan acompañando a percusión dos retrousos, aquela obra mestra acabou de tomar corpo. Kemper marcou a continuación unha entrada inequívoca e a banda seguiuno para acometer Rainy Day Women #12&35, unha das cancións máis falcatrueiras e divertidas do seu autor. Esparexemento xeral. Lembro que subín sobre os meus ombreiros o meu amigo Borja. E os dous estamos convencidos, aínda a día de hoxe, de que Dylan nos dedicou un sorriso cómplice sen deixar de bailar ao seu particular xeito. A nós. Antes de se retirar novamente, Dylan desfíxose da Stratocaster e volveu agarrar a guitarra acústica. Con parsimonia, a banda comezou a debullar a derradeira liña do guión previsto, unha deliciosa relectura de… Blowin’ In The Wind! Máis cerimoniosa que nunca, co apoio dos coros de Campbell e Baxter nos retrousos. Un novo clímax que acabou por converter ao dylanismo ata o último dos excépticos. Era o colofón, a guinda dun pastel delicioso. Cos versos máis repetidos, coa melodía (prestada do tema tradicional No More Auction Block, xa o sei, descansen os puristas) máis veces revisitada por outros artistas de toda a súa carreira, Bob Dylan pintaba, unha vez máis, un cadro completamente novo e marabilloso. E con el baixo do brazo abandonou por segunda vez o escenario. A definitiva? Con Dylan non podes dar nunca nada por suposto. Non estaba a ser una noite calquera, non estaba a ser un concerto máis. De feito, ningunha das dez seguintes paradas españolas da xira foi como aquela. Por iso en Santiago, só en Santiago, o artista volveu comparecer ante o público unha vez máis. E quixo asegurarse de que, por fin, tiñamos de abondo cun Highway 61 Revisitedfrenético. A bomba H caeu sobre o Sar. A deflagración durou uns catro minutos e medio e, despois, o silencio…

O que dixo a prensa:

Dylan ofreció su mejor cara en el Multiusos del Sar. Habló y bromeó con el público de las primeras filas e incluso hizo algunos movimientos de pie que, en su caso, podrían clasificarse como baile. Recuperado de una pericarditis que hizo temer por su salud, en Santiago se mostró en forma y ofreció un recital en el que junto a algunos clásicos, brillaron con luz propia las canciones del excelente Time Out Of Mind, el disco de 1997 que ha relanzado su carrera.” (La Voz de Galicia)

15597129724ddb9cffea82b8.53927413-0b

Crónica do Faro de Vigo, sábado 10 de abril de 1999. Os meus queridos compañeiros de promoción Nacho Mojón e Paula Pérez, daquela recén licenciados, confundiron 4th Time Around con Norwegian Wood dos Beatles. Pecado venial… O de Just Like A Woman e a Raíña da Inglaterra téñoo que llelo preguntar porque nunca tal vin…