BNG: O voto útil (artigo de Carlos Aymerich, deputado no Congreso no 2000, profesor de Dereito Administrativo e secretario da Universidade da Coruña, en Nós Diario, 19-7-2023).
BNG: O voto útil
Van alá xa vinte e tres anos, no 2000, saín elixido deputado ao Congreso español polo BNG. O segundo pola circunscrición da Coruña xunto con Francisco Rodríguez e Guillerme Vázquez, que revalidaran a acta que xa conseguiran en 1996. Daquela tamén aspirábamos a un grupo propio e, de feito, só un feixe de votos impediu que o BNG lograse non cinco mais seis deputados. Mais a mesa do congreso primeiro e a xustiza española despois, negaron ao BNG o mesmo que recoñeceron a Coalición Canaria. Claro que os canarios apoiaban o PP e colleron emprestados deputados da UPN entanto os do Bloque pretendíamos facer o noso grupo con deputados nacionalistas vascos e cataláns.
O caso é que non puido ser. E eu, talvez máis máxica que racionalmente, pensei que non pasaba nada. Que se non foi desa vez habia de ser na seguinte. Como se o tempo non contase ou como se os gobernos españois con maiorías absolutas, como aquel de Aznar, non traballasen á contra do país, facendo máis difícil o avance do nacionalismo. Porque o tempo é unha variábel imprescindíbel da política. En especial o tempo acelerado, de mudanzas concentradas, desta terceira década do século XXI.
E ese tempo que pasou foron anos en que aquel goberno terríbel – o goberno español da guerra criminal do Iraque, do Prestige, do centralismo descarado, da T4 de Barajas, da lei de partidos, do Yak-42, dos atentados do 11-M e das mentiras gobernamentais – convenceu aos fillos e fillas do franquismo de que non tiñan nada do que sentir vergoña e que o seu dominio das alturas da economía, da administración, da xudicatura e o exército era, seguía a ser, o botín dos vencedores de 1939. Foi alí que naceu, mesmo que fose por medio da compra de deputados tránsfugas, o Madrí reaccionario que hoxe padecemos.
Foi neses anos, ben regados con diñeiro público, que floreceron os medios e os xornalistas de estrema dereita que hoxe seguen nos abourando. E o boom inmobiliario. E o revisionismo histórico. E as privatizacións. E a corrupción. E tamén, enfin, os recortes sociais que despois Zapatero e Rajoy haberían de aplicar con máis saña. Porque tamén hai que lembrar que boa parte desas medidas foron apoiadas polo PSOE.
E, porén, vinte e tres anos máis tarde, case o tempo histórico dunha xeración, o BNG está de novo aí. Defendendo os intereses da Galiza e, precisamente por iso, combatendo a dereita española. Con posibilidade certa de ter unha representación máis forte no Parlamento español e, quen sabe, talvez até con posibilidade de contar cun grupo propio. De consolidar desde o traballo no Congreso e no Senado españois o cambio que se ten que dar no goberno da Galiza o ano próximo.
O BNG é o voto útil das persoas nacionalistas e de esquerdas. Das que aman o país e traballan pola xustiza social, pola nosa lingua, polos intereses da maioría social, polo feminismo, polos servizos públicos. Contra a explotación colonial dos nosos montes e do noso mar. Por unha enerxía ao servizo de Galiza. É tamén o voto anti-imperialista, o da paz en Europa, o do Sahara e Palestina. O voto contra a lei mordaza e contra os abusos policiais. E é tamén o voto útil nas catro circunscricións, porque nas catro ten posibilidades certas e contrastadas de obter representación. É o voto insubornábel frente a dereita española e a garantía de que Galiza estea presente e conte con voz, con voto e con veto na política estatal.
Sei que sempre hai escusas. Que sempre podemos nos pór esquisitos. Que sempre podemos ver as chatas na obra no canto de arrimarmos as nosas máns. Que sempre, enfin, hai motivos para non votar polo nacionalismo. Que as cousas podían se ter feito doutro xeito Mais por enriba desas razóns, é preciso termos en conta que o momento é agora. Que non hai segundas oportunidades. Que non haberá outro tempo que non sexa este. Os votos, os escanos, o grupo que non se consiga agora serán perdidos para sempre.
O caso é que eu non quero agardar outros vinte e tres anos. Non hai escusa que valla. Por iso o próximo domingo vou votar polo BNG.
Feixoo, Ayuso e Vox son da mesma familia (Entrevista en Nós Diario, 15-7-2023).
Manuel Monge: “Feixoo, Ayuso e Vox son da mesma familia”
Sobre Núñez Feixoo hai varias biografías. Na presentación dunha delas estivo o actual presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, e tamén Ignacio Sánchez Galán, presidente de Iberdrola. Esa era a biografía oficial. A que fago eu é unha biografía “non autorizada”, unha biografía que sae dese marco oficial.
E cal é ese marco oficial?
É o marco que se difunde a través de boa parte dos medios e que ten unha intención: que Feixoo chegue á presidencia do Estado español. Este é un libro de consulta para desmontar o discurso da dereita e da ultradereita, que son a mesma familia. E tamén un libro para axudar a que non gobernen nin na Galiza nin no Estado, xa o digo así de claro. Hai xente que di que o libro ten que ser “obxectivo” e eu digo que nel non hai mentira ningunha, que este libro o que pretende é informar, desmontar o discurso da dereita.
Como se desmonta?
Hai que informar, e informar é o máis revolucionario que se pode facer nestes momentos. Hai unha autocensura grande. Son 363 páxinas, con información de 35 medios distintos: novas, reportaxes, opinións, que entendo que son interesantes para poder coñecer Núñez Feixoo e o que representa. Nós Diario tamén ten unha presenza, e importante, no libro, cos datos e información que publicou sobre cuestións como a sanidade, os eólicos ou o ensino… Creo que pode ser unha obra útil para ter unha visión do que significa Núñez Feixoo.
Por que lle chama “farsante”?
Pois porque o é (ri). Xa empreguei este adxectivo para referirme a el cando empezaban a circular as informacións de que ía deixar a Xunta para marchar a Madrid. Que é un farsante? Un mentireiro, un troleiro, un hipócrita. E creo que Feixoo encaixa perfectamente aí. Cada día presenta un discurso e unha cara distinta ao anterior. É incríbel. Feixoo podería ser un convencido marxista, dos de Groucho Marx, “estes son os meus principios e se non lle gustan aquí teño outros”. O que quere é gobernar a toda costa, sexa como sexa e facendo todo o que sexa necesario para iso.
Como logrou un “farsante” gobernar tantos anos na Galiza con maioría absoluta?
É un fenómeno. Logrou que todo fose informativamente como el quería. A cidadanía non tiña elementos de xuízo obxectivos. Cultivou, co apoio dos grande medios, a imaxe de bo xestor, de moderado.. e, por pór un exemplo, triplicou a débeda! El, un exemplo de bo xestor!
De ter que definilo nunhas poucas palabras, cal serían?
É unha persoa que non ten palabra. Non lle importa mentir e facer o que faga falla por conseguir o Goberno. Non ten principios nin moral, iso permítelle dicir hoxe unha cousa e mañá a contraria. E non lle tivo custo electoral porque durante anos estivo blindado informativamente, protexido, malia dicir moitas ‘payusadas’. Ten pouca preparación, cada vez que ten que abordar a fondo un tema di verdadeiras barbaridades; como saia do guión, erra, mete a zoca.
Non hai diferenzas entre Feixoo e Díaz Ayuso?
Son dúas caras da mesma moeda. Son da mesma familia, apenas hai diferenzas relevantes. De feito, non se pode entender o asalto de Feixoo ao poder do PP español sen a conivencia e apoio de Ayuso. Tiveron un acordo, houbo unha coalición entre ambos os dous. Mais para min esa familia de Núñez Feixoo e Díaz Ayuso tamén inclúe a Vox. De onde vén esa xente? Do PP.
Verdades verdadeiras destas eleccións
luns 17, xullo 2023
O Estado español, canda a nosa Galicia, enfronta a probabilidade dun xiro de 180 graos se o PP e Vox acadan xuntos o 23-X un resultado co que poidan gobernar
1.- O Estado español, canda a nosa Galicia, enfronta a probabilidade dun xiro de 180 graos se o PP e Vox acadan xuntos o 23-X un resultado co que poidan gobernar. O deep state escolleu Feijóo como candidato, persoa sen contidos ideolóxicos de seu e, xa que logo, o mellor executor do programa doutros. Mais está decidido non só a que Vox partille a ecuación de goberno, senón que lidere dende o seu extremismo españolista e ultracatólico a xeración da axenda dominante dende a súa galegofobia, machismo, homofobia e xenofobia. Na axenda dese hipotético futuro goberno teremos de certo políticas económicas pensadas para as grandes fortunas, recorte substancial dos nosos dereitos e liberdades e agresión discriminatoria para a nosa lingua e cultura e a nosa economía e benestar.
2.- Os centos de milleiros que voten BNG e, en xeral, os millóns de cidadáns que votan polas distintas opcións soberanistas, son (somos) cidadáns de pleno dereito e os deputados que escollan teñen legal e moralmente o mesmo dereito das opcións unionistas españolas para decidir, no seu caso, o futuro Goberno do Estado. Non hai España viábel sen recoñecer a súa plurinacionalidade.
3.- Nas cuestións que se refiren aos dereitos e liberdades (velaí a continuidade na vixencia da prisión permanente, dos delitos de opinión e da “lei mordaza”) e, sobre todo, á política autonómica e territorial, o PSOE e o resto da esquerda española tenden asumir o marco mental da España á forza unitarizada do PP da España española (en moi acaidas verbas do profesor M.A. Bastos) e de Vox. E estas cesións (mellor diríamos asuncións) retroalimentan unha e outra vez este marco mental. Velaí que non haxa solución política a respecto do dereito a decidir, só o castelán sexa realmente protexido e que o independentismo sexa continuamente criminalizado.
4.- PSOE, SUMAR, BNG e as opcións soberanistas catalás e vascas concordan no seu común rexeitamento a esta ameazante regresión 50 anos atrás no tempo. Xa que logo, para a cidadanía demócrata deste País, o voto ao BNG ten a utilidade de impedir este salto regresivo e, ademais, a utilidade adicional da afirmación dos dereitos e intereses de Galicia e do benestar dos galegos, ausentes dos programas do PSOE e SUMAR. Esta utilidade aplícase tamén nas circunscricións de Lugo e Ourense onde un hipotético primeiro deputado do BNG chimparíalle o terceiro ao PP en cadanseu territorio.
5.- Mesmo no suposto tan lesivo e indesexábel dun Goberno futuro PP-Vox, unha forte representación galega no Congreso constituiría unha acaida ferramenta para lle desenvolver unha ferreña oposición coordenada co traballo en positivo a desenvolver dende os Parlamentos de Galicia e Europeo e dende os gobernos locais progresistas cara reflectir a necesidade dunha inmediata remuda na Xunta de Galicia.