- “Contra a violencia machista se hai que declarar o estado de excepción que se declare”, afirma a portavoz parlamentar do BNG
- Propón medidas urxentes ante a escalada de feminicidios: Pulseiras de afastamento no 100% dos casos con orde de protección e mudar o sistema de valoración de riscos
- Denuncia a falta de compromiso real do Goberno central e da Xunta que, incumprindo a lei, aínda non convocou as axudas do salario da liberdade
En apenas dous meses 15 mulleres asasinadas polo terrorismo machista, mulleres acoiteladas, degoladas, queimadas, tiradas polas escaleiras,…“arrepiante”, sintetizou a portavoz nacional, Ana Pontón, que fixo unha reflexión previa antes de explicar as medidas urxentes que propón o BNG diante da escalada de feminicidios.
“Que pasaría se en apenas dous meses asasinasen a 15 deputados ou deputadas? Como reaccionaría a sociedade e, sobre todo, como reaccionaría o Goberno central e o Goberno galego ante eses 15 crimes? Con minutos de silencio? Con declaracións rituais de condena? Seguro que non”, replicouse a propia dirixente nacionalista.
“Mentres se poda matar a 15 mulleres en dous meses e o todo siga rodando como se tal cousa, o terrorismo machista, a violencia de xénero seguirá condenando a miles de mulleres a unha vida de medo e desesperación, cando non á morte”, denunciou, e se para loitar contra estes crimes “hai que declarar un estado de excepción que se declare, pero non podemos ver como inevitable que exista violencia contra as mulleres”, enfatizou para urxir medidas inmediatas.
Pontón puxo enriba da mesa as propostas de aplicación urxente que propón o BNG, que teñen como punto de partida que os poderes públicos admitan o fracaso na protección as vítimas de violencia machista, mesmo das que deron o paso e denunciar.
O último informe da Lei de Prevención e Tratamento Integral da Violencia de Xénero revela que o 40% das solicitudes de ordes de protección, -1.564 en 2015-, foron desestimadas e os medios telemáticos de protección, -as denominadas pulseiras de afastamento-, foron autorizadas en 22 casos de 930 ordes de protección, apenas un 2,4%.
“As mulleres están sendo asasinadas con ordes de afastamento e mesmo en lugares onde deberían estar protexidas polos poderse públicos, como hospitais ou residencias da terceira idade”, salientou Pontón. Neste contexto, o BNG formula dúas propostas inmediatas.
Implantación das pulseiras de afastamento ao 100% dos agresores nos casos en que as vítimas teñen orde de protección, en Galiza case un millar. O Goberno central adquiriu unha partida de 3.000 destes dispositivos electrónicos en 2009 e, con datos de 2015, había en uso no Estado 797.
Substituír o actual sistema de valoración de riscos, un programa informático (VioGén) que rexeita o 40% das solicitudes de orde de protección por unha avaliación directa da denunciante por parte dunha equipa multidisciplinar que abarque dese o ámbito xudicial ao policial, con persoal cualificado en loita contra violencia de xénero.
Falta implicación e sobra impunidade
Igualmente, o Bloque reclama da Xunta a convocatoria inmediata da liña de axudas para as vítimas de violencia machista, o chamado salario da liberdade que, desde a pasada lexislatura e grazas a unha iniciativa do grupo parlamentario nacionalista, debe estar dispoñible todo o ano. Pois ben, a pesares do que di a normativa e de que as contas de 2017 foron aprobadas fai semanas, o Executivo galego aínda non abriu esta liña de axudas.
Ademais de reclamar maior dotación orzamentaria, porque os actuais 5M€ previstos este ano están por debaixo do que a Xunta gasta en manter a cidade da cultura ou en en persoal de gabinete.
Ademais, Pontón concluíu denunciando a falta de implicación real Goberno central e da Xunta para loitar contra o terrorismo machista, “porque asasinar mulleres non é considerado un problema de Estado, e iso xera un clima de impunidade para os maltratadores”, denunciou, o que termina por reflectirse na morna respostas social e mediática.