Habería que penalizala un pouco para que a xente que non é tan guapa teña tamén a súa oportunidade.
Ou é que a “corrección política” e as cotas que corrixen desigualdades non é tamén para a xente común e, principalmente, para a xente que é máis fea ?
Eu non digo de meterlle multas aos guapos e guapas ou que Facenda os persiga mais dalgún modo deberan compensar aos feos e feas. Porque a vida é inxusta nas reparticións de dons e para iso están as correccións.
Habería que empezar por mudar o canon, facer ver que os guapos e guapas non o son tanto e que a verdadeira guapura é a da xente que non é guapa. E logo apartar dos programas de televisión e da publicidade a toda esa xente que non ten outro mérito que ter nacido linda e pór no seu lugar a xente común tirando para fea, ou fea directamente. Que todos somosdediós.
E deixar claro que ser bonito non é mérito ningún, o mérito é da xenética, ou sexa da Natureza. E, polo contrario, as demais persoas temos que remar máis duro para abrirnos camiño na vida pois eles e mais elas conseguen todo sen molestarse en nada.
A ditadura da xente linda vaise acabar un día destes. Non aturo esa xente, cagoental. Ademais sempre están a rir con eses dentes, de que rin? De nós? Un día aínda habemos facer unha revolución e han ver.
SUSO DE TORO
