Formulario de acceso protexido por Login Lockdown

A endeble esencia

Martiño Maseda

 

Había un silencio de caverna que nada podería rachar, nin sequera o badaleo dos segundos nas campás do seu pensamento.

A lapa do acendedor arrincou da escuridade o rostro do Asasino. Prendeu lume no cigarro cun ollar inextricable frechado no carozo da chama, onde queimaba as repentinas cavilacións. Despois, ao extinguirse a lingua do chisqueiro, a faciana disipouse de novo tralo veo penumbroso. Sentíase cómodo naquel ambiente no que aboiaba o silencio coma un fedorento temor. E, asemade, seguro da culminación do seu propósito, do que ninguén ía facelo desistir. El era un home de feitos decididos e unha vez que se mergullaba na progresión dun plan, nada o facía recuar. E naquel xa consumira moitas horas e outras tantas maquinacións para que o seu desenlace resultase perfecto. Co tempo conseguira un elevado grao de independencia no seu xeito de executar os seus funestos traballos, porque aqueles que o contrataban sabían da súa impertérrita determinación. El non apreciaba o valor místico da palabra senón que prefería a contundencia da bala. E por riba de todo, atopábase o poder omnipresente dos cartos: os que pagaban non aceptarían súbitos arrebatos de clemencia.

Os beizos do Asasino palparon a redondez do cigarro co devezo de quen saborea un exquisito manxar; termou da efémera e quente consistencia do fume na cova do padal, e deseguido deixouno saír, translucindo aquel pracer interior na fasquía do seu rostro, ó tempo que debuxaba no ar unha liña deforme.

O bramido da cidade, que espertaba co amencer do día, furou coma unha toupa ata invadir o espazo oprimente do aparcadoiro. Serpeou polo medio dos coches e aproximouse onda o Asasino. Pero este non se incomodou diante da súa presenza. Antes ben, continuou agardando, abeirado a unha columna, a chegada da Vítima. Sostiña unha posición ergueita, case rexa. Herdada dun disciplinado adestramento castrense. Tamén se acostumara a cohabitar co monstro invisible do funesto silencio. Da súa boca só deixaba fuxir o bafexo quente do cigarro. Namentres coas falanxes dos dedos exercitou xogos rítmicos contra a verticalidade da cepa. Talvez para evitar que se lle entumecesen e se propagase o perigo no desenlace da operación.

O Asasino estaba tranquilo. Pola súa pel non escorregaba nin unha gota de suor. O medo rexeitaba combater con el. E inda menos o apoucamento. Sentíase un profesional. Por iso, non dubidaría en cumprir a misión ao completo. Endexamais vacilara en facelo.

A brasa consumía o cigarro en cada calada que degustaban os desafiantes beizos do pistoleiro. Despois debuxaba na escuridade círculos de fume e asemade aspiraba o seu recendo engaiolador. Ela aborrecería esta olor, pensou. E abofé que non erraba na súa cavilación. Sempre lle dicía que lle provocaba náuseas. Odiaba cada vez que el acendía un cigarro e, a xeito de morbosa tortura, lle exhalaba o bafo quente da primeira calada.

Agora el, o home da conduta implacable, detestaba que á serenidade fría da súa conciencia acudise a imaxe dela, sentada na cama, berrándolle por cousa do tabaco. ¡Por culpa dun maldito cigarro! E volveu mergullarse na esencia quente daquel corpo alongado e fino como os dedos dela, que se consumía preto dos seus beizos. Unha aspiración en actitude de protesta contra ela, que estaría afogando a zuna sobre a almofada.

Aínda estaría núa, transparentando a súa beleza morena a través da saba. Era preciosa, unha ninfa sacada dos suburbios da cidade. Alí a atopou unha noite que rematou en sexo e resaca. Despois de varios flirteos, basicamente carnais, propúxolle viviren xuntos. Unha tolemia, a primeira e única que o Asasino cometeu. Quería afastala do ambiente sórdido de prostitución e alcol. Ela accedeu, mais el sempre receou daquel pacto verbal entre seres sombríos. E de salvagarda nunca aceptou abandonar o vicio de fumar, por máis que ela teimase. 

E a miña táboa de salvación neste océano salvaxe da vida.

E logo eu, ¿que veño sendo?

A illa do pracer.

E sorrían a dúo, aínda que pasado o instante feliz ela reiniciaba a súa loita antitabaco. Mais, xa o enfastiaba tanto autoritarismo salubre, non fora educado para aturar esa clase de agresións.

Por iso saboreaba con mórbida ansia aquela mamila esponxosa e aromática que placidamente se deixaba bicar. Un xeito de vinganza persoal a distancia.

A espera resultaba tensa, de non ser porque a súa índole fora suficientemente avezada para soportar situacións semellantes. Con todo, un deses arroutos de ansia obrigouno a conducir a man dereitaata o pulso da man contraria, co pretexto de esclarecer a conxuntura horaria no reloxo que nela portaba.

Faltaba pouco para o momento sinalado. E botou un sopro de alivio. Ademais a deusa fortuna asociárase con el. Malia que o aparcadoiro estaba ateigado de automóbiles, ninguén perturbaba a súa pérfida demora. Parecía unha situación estraña. Incluso premeditada. Non obstante, iso tampouco o desacougou. El sabía que como aínda era moi cedo ninguén violaríaaquel escenario sombrizo. Moitos días de observación conducíano a aquela certeza. Convivira naquel mesmo edificio sen que sospeitasen do carácter nómade da súa presenza. Viñera por causa dunha misión, unha vez cumprida, liscaría sen deixar rastro da súa estanza alí.

No seu maxín bulía a idea nefasta de matar. Unicamente precisaba a manifestación rutineira da Vítima para cumprimentar o desexo.

Na derradeira chupada saboreou a tonificación picante do fume contra as paredes do padal. Deseguida, exhalouno coma se botase un mal espírito. Guindou a pava ao chan e esmagouna co pé, procurando que a acción non violentase aquel lúgubre mutismo.

Non abandonou a postura irta. A inercia fría do fuste cementado entalaba a súa armazón corporal. Por segunda ocasión verificou no reloxo como as agullas debullaban a espiga do adiamento. Quedábanlle máis cigarros no paquete, emporiso non experimentou a necesidade de narcotizarse con eles. Iso diferenciouno da súa etapa de principiante. Por aqueles tempos fumegaba arreo co gallo de enervar os azos tolos do nerviosismo. Arestora, os anos e a experiencia abondaron para serenar o seu ánimo, sen esquecer os antigos vicios.

Nese intre previo, que o afastaba do éxtase delituoso, xostregaron a súa mente coma un fogonazo de perdigóns os froitos do pasado. Os doces e os amargos: mesturados a eito. E fixéronlle sentir o dilatado peso da canseira gramándolle nas costas. Pero el non se consideraba vello. Ao contrario: detestaba o avance inexorable dos anos, do mesmo xeito que aprendera a discriminar aos suxeitos que sacrificaba a súa conduta homicida.

Uns minutos máis tarde da última solicitude horaria buscouna por terceira vez. Non era un pulo de nerviosismo, senón unha confirmación dos seus cálculos.

Chegara o momento.

Os planos tracexados durante tantas xornadas enriba dunha mesa de escritorio no terceiro andar esfaragulláronse coma folerpas. Tocáballe a quenda á autoridade do valor e a pistola. Lonxe quedaban centos de minutos humedecidos cos grolos de café e perfumados co recendo punxente do tabaco.

Tal e como tiñan acordado resolvería a misión nun estalo fugaz. Retirou os botóns superiores do chaquetón. A man dereita meteuse, sen titubear, na furna da prenda. Deseguida, co mesmo sosego, sacou a ferramenta de traballo. Axudado da man oposta transportou dende o peto o complemento, que amainaría a violencia do acto. Casou os dous obxectos coa habelencia do especialista. O silenciador e o canón fraternizaron coma dúas pingas de sangue. Os membros do pistoleiro manobraban seguindo os ditados do procesador mental. Entre tanto…

Os segundos corrían por detrás da impaciencia do Asasino. Perseguíana ás apalpadas polo dédalo lutuoso do aparcamento. Mais xa todo estaba disposto, e non había opción de retorno. Asegurouse de que a munición ocupase o sitio idóneo, para que o branco resultase perfecto. A súa maquinaria cerebral fora instruída para refugar os erros. E non permitiría que un fallo absurdo luxase a súa impecable traxectoria. Co trebello de faena aquelado descansou os folgos mortais até a arribada da Vítima.

O pano mouro do silencio rachou co devalo áspero do ascensor. O corpo do Asasino endereitouse, tanxente coa columna. Tensou as fibras dos músculos, ao tempo que os dedos da man homicida adoptaron a posición de ataque, á espreita de futuras ordes.

A porta do aparello elevador partiu en dúas metades. Na medula daquel escenario tétrico xurdiu a figura da Vítima. Enfeitado nun traxe de cor azulada, da man esquerda colgaba unha carteira. Ao saír do ascensor un chorro de luz intrigante empapoulle a feitura da cara, e deixou translucir un felo adusto e ousado, ignorante do seu pronto deceso. Así camiñou con andar de pavón deica o lugar onde aparcaba o coche.

A calma sepulcral que enchía aquel espazo subterráneo cubriuse co halo da fatalidade. Do seu acubillo agromou ao xeito a mirada do Asasino. Axexou para a súa presa coma unha besta salvaxe. Entráronlle ganas de sangue. Pero cumpría agardar o instante oportuno, e non cometer precipitacións estúpidas. Na súa mente tiña contados os pasos que a Vítima debería percorrer. Nin un máis nin un menos.

E, subitamente, rachou a penumbra a cadavérica gadaña.

A Vítima dispúxose a despechar a porta do automóbil. Confiada, incluso ausente da realidade. Os pés do pistoleiro arrastraron, aleutos, as súas maléficas intencións. A paso de boi. A man que sostiña o ferro incomodábase. Devecía por representar o seu sádico papel. Aínda que continuaba sen abanarse.

Nun segundo o tempo callouse, a sombra tomou un matiz encarnado e as palabras segaron coa fouce da traizón. Asasino e Vítima atopáronse nun mesmo plano, paralelos un ao outro. Conforme estaba concibido nos mapas do terrorista.

O sentenciado percibiu na caluga o bafo frío do seu nome. Alarmado revirouse. E antes de que a súa cámara óptica fotografase a identidade do seu opoñente, un disparo seco rebentoulle entre as cellas o reloxo da vida. Decontado, aquela masa, xa inerte, precipitouse ao chan escuro do aparcadoiro. Namentres caía, o seu mirar cego fitou para as pupilas impávidas do seu executor.

A man homicida aplacou o seu furor. Todo rematara. As circunstancias tornaron de balde ao seu estado inicial. Coma se naquel abafante universo suburbano nada tivese acontecido. Só lle quedaba marchar co mesmo sixilo co que principiara a operación.

Mais, nun intre fortuíto, cando comezaba a desandar o vieiro que o levara ata alí, a mirada hermética do Asasino bateu de fronte coa faciana pampa dunha muller, que se presentara no aparcadoiro sen que el se tivese decatado. O asombro da Testemuña accidental mudou de golpe en medo, ao enxergar a figura ameazante que viña de provocar tan macabro desenlace.

Aquilo non entraba nos prognósticos do criminal. Aquela figura feminina non aparecía debuxada nos planos estudados na soidade dun cuarto. Novamente o cronómetro corría na súa contra. Entón procedía actuar con presteza comenenciuda. En dúas violentas accións ergueu a man e apuntou na dirección da Testemuña. A súa imaxinación anticipouse ao fluír dos acontecementos. Con todo, foi máis rápido o berro de terror feminino cá detonación que el non chegou a efectuar.

¡Merda!, exclamou, alporizado pola repentina mobilidade do seu branco.

Alí embaixo, alleo ao estrondo da urbe, principiaba unha fatal persecución. Unha loita entre unha ninfa da vida e un sectario da morte. A aliaxe irregular dos automóbiles coas sombras fixo de gabia, que separaba aos dous contendentes. Catro pés que se acosaban sen darse atopado.

Mais, ao cabo, o enigma do labirinto descifrouse. Por enésima vez unha aureola maldita sobrevoou, manseliña, ata posicionarse enriba do corpo engatiñado e tremente da Testemuña.

Érguete, dixo o Asasino, empuñando a pistola con firmeza diante do segundo reo.

O corpo anicado estalicouse; pero non parou de abalarse, preso do pánico. A ela facíaselle coñecido aquel rostro que escenificaba un sadismo extremo, cismaba que máis dunha vez cruzaran miradas nas escaleiras.

Non me mate, ¡por favor! Suplícollo, implorou ollando entre laios o rostro do Asasino.

El, na máis cruel mudez, bailou cos trazos da cara, co abominable propósito de incrementar o arrepío do seu trofeo de caza. El tamén a coñecía, incluso escoitara o seu nome, aínda que non se lembraba. Se ben, iso non obstaculizaría a súa criminal decisión. Axiña cansou de tanta cerimonia aflitiva, e decidiu pórlle fin.

¡Cala!, díxolle en ton baixo, pero autoritario, mastigando as palabras entre os dentes. E para de laiar, ¡hostia!

A Vítima nun xesto instantáneo contivo as súas ansias de berrar, ao tempo que sentía cómo o medo se apoderaba cada vez con maior forza da súa vontade.

Deberás permanecer en silencio, e non revelar nunca detalle do que aconteceu aquí hai un pouco, ¿entendiches?, faloulle o Asasino en ton cínico e imperativo, sen diminuír nin un grao o ángulo da arma.

Si, si… Prométollo. Pero non me faga dano, ¡por favor!, suplicou ela novamente, buscando nas súas palabras un fío de salvación, descoñecedora da perfidia que agochaban as do pistoleiro.

Entón, por vez primeira dende que comezara aquela dilatada operación, o Asasino sorriu sarcasticamente. A man que estaba libre baixou ata o peto do chaquetón, arreo sacou o chisqueiro, acendeuno e termou del, namentres a lingua de lume queimaba sopros de osíxeno. O silencio fíxose pánico no rostro da Testemuña que non se desviaba nin un grao do ángulo da pistola. Nada entendía do que estaba observando. E tampouco tiña ningunha sospeita do que a continuación sucedería. Mais as verbas frías do Asasino adiantáronse a calquera especulación.

Sabes, pensándoo mellor, dixo gorentando con sádica paciencia aquel instante definitivo, vouche axudar a permanecer en silencio.

No remate da frase activouse un impulso eléctrico sobre a man que sostiña o ferroA sentenza xusticeira confundiuse co peto estiño da detonación. Tempo e espazo detivéronse, absortos, cando presenciaroncomo o corpo da inxenuidade se lastraba contra o chan frío do aparcadoiro.

A chama do chisqueiro seguía acesa, debuxando un pequeno e deforme polígono de luz. A pistola foi ocultarse empurrada pola man no lateral esquerdo do tórax do Asasino. Despois a man correu ao peto dereito do chaquetón e del izou un paquete de tabaco. En rápidas accións abriuno e coa mesma dilixencia, nunha seca sacudida fixo saír a cabeza dun cigarro que pendurou no arco duns beizos risoños. Ao tempo que retornaba o paquete ao peto do que saíra, achegaba a man co chisqueiro acendido co gallo de incendiar a cabeza do cigarro. Todo rematara.

Nese estraño cronotopo reapareceu o hálito dun silencio funesto que foi perseguindo á mortífera sombra que se alonxaba.

A escena furtouse tralo palio grisallo dunha calada.

(Este relato resultou gañador do 2º Premio no Certame de Narracións Curtas Ánxel Fole no ano 2009.)