Formulario de acceso protexido por Login Lockdown

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

https://www.facebook.com/xurxo.mares

VERBAS DE XURXO MARES:

Un mércores máis acudo á miña cita contigo. Hoxe traio unha crónica do mellor concerto que vin na minha vida ata o de agora, e foron moitos. Agardo saber transmitir a experiencia vivida que endexamais esquecerei. Grazas por lerme.

LEONARD COHEN, 16 de novembro de 2022.

Acompañoume dende a minha adolescencia a pesares de que me dicían que era triste e deprimente. Era coma se cantase só pra min. Acougábame e falábame coma o pai que quixese ter. Isa voz profunda e pausada me mecía e enchíame de paz. As súas cancións eran sinxelas musicalmente mais creaban unha atmosfera relaxada e cómplice, chea de verdades e de humanidade. Aínda teño e gozo os seus casetes e vinilos.
Tiven a inmensa fortuna de verlle en directo en Castrelos, Vigo, en agosto do 2009. Compartín o meu carro con Arancha e recollemos a Maika en Pontevedra, fieis seguidoras, e ilusionados todos por ver ao “mestre”. Xa aparcados, mareas de persoas que se dirixían ao recinto conducíannos ao lugar. O concerto era de balde e estaba petado, mais a zona VIP estaba case deserta e suxerímoslle ao de seguridade que nos deixase ocupar algún asento pra que non se vise tan desanxelada ante as cámaras e aceptou. Que privilexio estar a poucos metros das taboas cun son perfecto e uns músicos sensacionais.
Foi un concerto memorabel onde se gañou ata a un tipo que estaba sentado diante de min e que non facía máis que protestar á súa muller mentres revolvía e devoraba unha bolsa de malditos “doritos”. Mais ao final, entusiasmado e de pé, pedía outra e outra tras un concerto de tres horas. As “Perseidas” caían maxicamente sobor as taboas mentres Cohen debullaba o seu magnífico repertorio nunha noite ao ar ceive cálida e perfumada. Cantou il e o tres do coro, e ao final cantaron todos, músicos, técnicos de montaxe e de son engadidos, na apoteose final. Incribel!
De volta pra a Coruña, conducindo pola autoestrada, aínda no paladoiro o mellor concerto da minha vida, comecei a tararear unha melodía inspirada pola experiencia que vivira e á que puxen letra paseando pola praia do Orzán. Está engadida no meu sexto traballo discográfico, “Revelacións”, e chámase “Sombras e luces”. Con ila rendo a miña humilde homenaxe a un “mestre” da canción de autor que sempre sentirei a carón de min.
Grazas por tanto, Leonard.
XURXO MARES.
Tradución ceive ao galego por Rubém Novo.