Formulario de acceso protexido por Login Lockdown

Niño baleiro. Diario dos primeiros días
(Luz de gas, Tempos novos decembro)
Sábado 3 de setembro de 2021
Esta era a data, a cifra que temía que chegase, a que conxurei na miña cabeza. Non sabía que o final sería tan abrupto, tan doloroso. Hoxe, ás oito e media da mañá, deiche unha aperta grande, embarrei a túa cariña coas miñas bágoas e deixéiche ir. Escoito voces amigas que buscan alixeirar a miña pena. En realidade, esta non é ningunha traxedia, é o normal, a vida nova que busca o seu curso sen medo, un torrente de auga que vai cara ao gran río do mundo para medir o seu exacto caudal. Pero eu noto que si, que esta é unha traxedia en toda regra, unha conmoción feroz. Porque desta vez non son eu a que parto, a que marcho alegre á vida ancha dunha grande cidade. Desta vez eu son a que quedo, a que murcho, o torrente convertido en regato. O medo e a canseira ante un mundo que comezo a deixar de entender. Deixar partir os fillos marca un limiar. De súpeto xa no hai tempo, consumiuse o longo período no que crías poder modificar os erros cometidos, facerte perdoar, procurar entender e guiar, amparando para que non caia, ese autoexame continuo, a tensión vivificante cun ser que pasou da completa adoración a cuestionarte a cada paso, nesa espiral de amor e odio que debuxa a adolescencia…
De súpeto todo ese ruído cesa. Xa non me buscarei no espello deformante da túa mirada. Vas cara a outro lugar, a construír o teu propio espazo, e eu voume convertindo nunha sombra, nunha presenza distante que te acompañará por sempre. A miña imaxe en ti está xa fixada, o que tiña eu para dicirche, as pantasmas que involuntariamente che leguei. Gustaríame pensar en que fixen o que puiden, o que mellor sabía, ese é un pensamento ao que adoito recorrer para darme paz cando a preciso; pero non, sei ben que da maternidade non se sae indemne, que houbo marxe para facer mellor as cousas, que houbo tempo desaproveitado, intres preciosos que deixei ir… Culpable, penso agora, por tantas cousas, por reaccións e palabras que marcan como pedradas, que deixan cicatrices tenues e permanentemente dolorosas. Xa non podo cambiar nada. Xa estás fóra, fóra de min, fóra do meu espazo, do lugar onde exercía o meu poder.
Domingo 5 de setembro de 2021
Onte merquei unha orquídea rosa, a cor que ti prefires. Coloqueina no teu cuarto como se fose unha sentinela vexetal que te vela na distancia. Algo vive así nese espazo que agora semella abandonado. Abro a porta do teu cuarto e rozo con delicadeza os pétalos carnosos que respiran, como se puidese conferirlle a esa planta de viveiro parte da túa alma. Decátome de que nesa ceremonia que agora inicio hai algo de dó, de ritual funerario. Como se me aprestase a honrar unha ausencia, como se precisase testemuñar dalgún xeito unha existencia. Estou, probablemente esaxerando, afondando nunha pena que en breve se diluirá no afán dos días, pero é que o preciso, necesito facer agora algún xesto que te coide, un sinal, un fanal de luz que me axude a dilatar a protección, o vínculo, o cordón que nos une.
Teño o teu embigo nunha pequena caixa rosa, e ao seu carón, metidos nun pocillo malva de bordos dourados os teus dentes de leite, as pequenas doas brancas que non quixo levar nin o rato nin a fada. Aí nesa pel reseca, nesas puntas duras reside a materia da vida, o símbolo da infancia, unha infancia eterna que as nais todas do mundo gardan nunha caixa que simboliza a xuventude. Gárdote a ti nesta caixa con grandes debuxos de flores, a ti ao carón do peluche, o axóuxere, o patuco…
Martes sete de setembro
O verán remata, morre con ese xeito de ocaso de todos os setembros, esa sensación de podredume, de encharcamento. Hoxe non corre apenas aire e as moscas voan en círculos por todos os recantos. Cústame respirar, vai esa calor estraña que xa non promete alegría, apenas unha combustión lenta que anuncia a necesidade de por o ramo a este período de letarxia. Ben pensado, non sei se esa calor existe fóra ou dentro de min, se é o producto do meu corpo que envellece invadido por sufocos ou se cae de arriba e para todos. Vexo os campos de millo, as andoriñas que se despiden correndo cara ao sur, e vago pola casa recollendo aínda anacos da túa ausencia, un calcetín desparellado, un tubo de rimmel, a última toalla…
Xoves 9 de setembro
Chamas por teléfono, unha conversa breve, unha foto, a praza, o edificio, o cuarto, estaste afacendo ao espazo conquistado e envías pequenos fragmentos para que o vaia debuxando tamén eu na miña cabeza. Tes saudades, nótoo, pero tamén vexo como te estás esforzando en distanciarte, en medrar fóra do niño, en perder os perfís que te cinguían. Tes medo, nótocho nas vibracións da voz, nos pequenos silencios que din todo o que non queres decir. Pero non, non vas chorar, estás abrindo as ás e notas a delicia do vó libre. Paxariño.
Eu aquí teño aínda chumbo nos zapatos. Falo con outras nais que acaban de deixar ir a súa cría. Andamos todas algo alouladas, sorprendidas por esta pena que aos ollos dos demais parece tan pequena. Lei de vida din todos, lei de vida. E todas falan dos mesmos cuartos baleiros, da insoportable visión dun cama que ninguén desfai.
Sábado 25 de setembro de 2021
Hoxe fun ao supermercado, era a primeira vez que o facía desde a túa partida. Alí, no corredor das froitas e verduras, volveume a atacar a túa ausencia. Esa constatación da túa partida, do oco que deixas. Pasei ao carón dunha caixa ateigada de aguacates e o meu primeiro impulso foi comezar a apalpalos para comprobar o seu óptimo grao de dureza. Cando xa tiña as mans ocupadas nese xesto mecánico que fixera durante tantos días, meses, anos decateime de que esa era xa unha acción inútil. Marchou a comedora, dixen para min. Fiquei parada diante da gaveta do supermercado. Fiquei inmóbil sentindo una enorme sensación de desamparo. Como se fose unha orfa, unha viúva, alguén que continúa poñendo na mesa pratos imaxinarios para os que xa non están.
Entón reaccionei, fixenlle unha foto aos suaves froitos verdes e envieicha polo móbil. Como se puidese continuar coidándote desde a distancia. Ti estabas tamén nun supermercado da mesma cadea un lugar case idéntico a aquel no que eu me atopaba. Xusto nese momento ti mercabas aguacates…
Sábado 2 de outubro de 2021
Vou coller a motoserra e partir o tronco dos meus medos. Comezo a decatarme de que desaprender a coidar é tamén un traballo maternal.
Ilustración: Andrea López.