Formulario de acceso protexido por Login Lockdown

Mater amantísima, mater dolorosa (Luz de gas, Tempos Novos)

Nin mater dolorosa nin madrastra de Branca de Neve, non quero ser ningunha desas figuras abominables que nos adxudican. Como pode ser tan difícil atopar un modelo sensato, un modo verdadeiramente desexable de ser nai?
Ningunha das imaxes que o mundo ten destinado para nós é habitable. A culpa roe a base de todas as estampas. É como se a maternidade nos obrigase a dubidar de nós mesmas, como se nos forzase a sentirnos en falta permanente. Nunca demasiado boas, sempre baixo o xugo da ollada que reproba, que acusa.
Nestes días leo a Beauvoir, leo a RIch, leo a Badinter, preciso respostas, e preguntas. A cabeza enturbantada de Beauvoir non me axuda, debúxame como un ser abominable obsesionado por culpabilizar a súa prole, ela, filla sen filllas, só ten cólera para darme.
Rich e Badinter non, elas si me acollen, elas si son quen de dar coa profunda ambivalencia que hai na maternidade. Contra a construción intereseira desa mater dolorosa que nos condena a galeras eternas, consumidas de sufrimento amoroso, opoñen a visión dunha nai imperfecta, liberada da obsesión de totalidade. Ser muller e tamén nai, ser nai como un segundo plano das nosas vidas plenas. Buscan retirarnos ese protagonismo absoluto que se nos confire ás mulleres no coidado, buscan crebar a atribución duns valores que nos converten en subalternas a perpetuidade.
Dou cunha reportaxe recente sobre as tensións entre a maternidade e a creación literaria. Hai aí unha nómina de mulleres que admiro, verdadeiros modelos de escritura. Sorpréndeme porén a pervivencia dos mesmos medos, como sucumben, elas que son ben conscientes da ambivalencia, ao modelo da mater dolorosa, a imaxe triunfante dos nosos pesadelos.
E así Clarice Lispector, nai dun esquizofrénico, nai fracasada por tanto, nai condenada á tristeza, responde ante unha hipotética alternativa entre a escritura e os fillos: “ eu desistiría da literatura. Non teño dúbidas de que como nai son máis importante que como escritora”.
Non hai saída? Estamos realmente condenadas? Dar á luz é pactar coa escuridade?

COMENTAS FACEBOOK.
PREME NA LIGAZÓN.