Formulario de acceso protexido por Login Lockdown

Aborto e literatura

“Ningunha conquista histórica é irreversible”, leo en Edgard Morin, quen, desde a altura dos seus cen anos de vida, reflexiona sobre unha experiencia vital que enfrontou as grandes convulsións do XX. Xa no XXI, Morin alértanos da crise da Covid como un punto de inflexión, á altura de grandes catástrofes como a da Segunda Guerra Mundial. O que está en crise é a idea mesma da nosa concepción da modernidade. Por iso é posible que escoitemos de novo cantos de serea que nos levan cara atrás, cara algo que xa non era previsible, cara a algo que criamos superado.
O aborto é un deses temas que volven hoxe desde a noite dos tempos. Un debate que pensamos pechado para o ben da metade da humanidade. Pero non. Nestes días Mississippi pide ao Supremo de EE. UU. reverter a decisión que legalizou o aborto fai xa 50 anos!! Aquí mesmo hai pouco que tivemos a oportunidade de observar a un dos deputados da infame VOX, José María Sánchez, berrando “bruxa” á portavoz do PSOE na comisión de Igualdade. VOX e as súas campañas, perfectamente medidas e escenificadas ao pé das clínicas de interrupción voluntaria do embarazo, VOX e os seus regueiros de bonecos de plástico no chan, e as súas beatas e beatos rezando o rosario, acosando ás mulleres unicamente por facer uso da súa liberdade, dos seus dereitos.
Pode parecer unha chocallada, bromas de mal gusto para facérmonos rir, pero hai tempo que superamos esa inocencia. Non, xa non podemos rir ante as postas en escena da reacción, esas que fan reversibles as conquistas. Porque esa demonización do dereito a decidir comeza xa a permeabilizar a linguaxe e os modos do tratamento informativo, tamén desde a esquerda.
O feito mesmo de asumir e utilizar a denominación “provida” é unha afronta que sitúa os contrarios, en boa lei semántica, como “promorte”. Pero a min, o que de verdade me molesta, o que me asusta, é esa maneira de dramatizar a decisión do aborto que imos mercando aos poucos. Así é habitual hoxe en día tratar o tema da interrupción voluntaria como unha traxedia, como un episodio extremadamente doloroso que deixará secuelas durante toda a vida.
Esa tonalidade compasiva é a que se atopa hoxe nos medios progresistas, onde, curiosamente, os testemuños que aparecen son maioritariamente de abortos por razóns médicas. Paseniño imos mercando a involución, si, outorgándolle unha dimensión moral a un exercicio de liberdade básica.
En que momento perdimos de vista que a maternidade debe ser unha decisión?, en que momento deixamos de asumir que os nosos corpos non se poden construír como vasillas, como meros receptáculos aptos para que prendan vidas ventureiras? Entendidas así, nós non estamos nos nosos corpos, convertémonos en prisioneiras da nosa bioloxía, animalizámonos.
Tabuizar o corpo, tratalo con exceso de celo, con esa dimensión moral que agranda os perigos e as culpas, lévanos de volta cara atrás, cara á subalternidade de alguén que é predominantemente corpo e non suxeito. Así que estaría ben deixar de mercar ese ton compasivo e paternalista e asumir que a decisión de abortar, que se toma e se tomou continuamente por parte das mulleres, é unha decisión máis, desas que non precisan literatura.

Luz de gas. Tempos Novos. Xaneiro 2022

MERGULLATE NA ESCRITA DE XINA VEGA.