• Músicas Esquecidas
  • Contacto

Login form protected by Login LockDown.


Burbullas
Estou en clase, teño ante min ducias de rapazas e rapaces de apenas vinte anos que vexo unha vez por semana. A celeridade destes tempos decadentes fai que o mundo que rodea a aula sexa a cada cita máis sinistro, máis ameazante. Trala pandemia vén a guerra e a violencia ambiental sobe cada día o seu grao de intensidade. Paro a miña explicación e miro os seus rostros demediados por un tapabocas que os protexe ao tempo que os borra. Que pensades? Pregunto. Como vivides este tempo no que todo se corrompe? Como conseguides proxectarvos no futuro, intentar ser felices malia todo? Porque esta xeración está coñecendo o tempo das cereixas, os días que deberían ser de viño e rosas dentro da árbore podre da tribo. “Buscamos burbullas – respóndeme un alumno- intentamos gozar intensamente das cousas que nos gustan, o problema – dime-, é que moitas veces esas burbullas se nos rompen”. Si, o carpe diem en tempos agónicos non funciona igual que en tempos de bonanza. A idea de utopía é necesaria para manter as constantes vitais nos corpos novos. É un horizonte comunitario o que ofrece identidade, o que proporciona refuxio e contento, pero o alumnado que senta fronte a min non está conseguindo dar co camiño para acceder a esa sensación de pertenza. Illados, esgazados, receosos, escépticos, ansiosos e tristes. Nunha realidade que se converteu nun espectáculo que se filma e se difunde en versións contraditorias, non se senten responsables do que ocorre, asisten ao mundo da posverdade desde a distancia, sentados na grada. Todos o facemos, pero os vellos estamos xa mortos para esta nova era que se abre.
A xuventude está enferma de futuro e os maiores enfermos de pasado. Precisamos recuperar o equilibrio, atopar un camiño de baldosas amarelas que nos leve á curación. Mentres isto non sucede, se cadra o máis sensato é minimizar o dano, comprometernos a rebaixar o nivel de violencia nas nosas reaccións instintivas, premiar a porosidade que nos achega aos outros, fuxir como da peste das posturas monolíticas e da afirmación cruenta dos intereses do grupo. Expropiarnos de nós mesmos para sermos radicalmente razoables. Apagar o fascismo, crear comunidade.
Luz de gas, Tempos Novos, maio.