• Músicas Esquecidas
  • Contacto

Login form protected by Login LockDown.


 

 S´HA ACABAT!
Confeso que un dos meus pesadelos recorrentes é atoparme de noite en medio dunha rúa estreita con Macarena Olona. Si, esta muller pónme moito, moito medo. É algo instintivo. Non podo reducila ben a caricatura, como si podo facer con Rocío Monasterio e a súa prosodia de autómata, unha boneca que pode quedar ser corda en calquera momento. Con Macarena non, Macarena é unha cadela de presa, a macarra do cole que che dá unha hostia porque pode, porque tú lo vales, mentres os compañeiros mexericas rin con nerviosismo. Macarena é o mal, unha Bruja Avería en chungo que dá vivas ao capital e esmaga as súas conxéneres. Hai algo masculino en Olona, un porte, unha xestualidade non habitual. Pero ese lado non se decanta pola androxinia queer, que podería ter o seu punto, senón por unha especie de femineidade travestida, unha simbiose do peor de ambos os dous mundos. Muller, muller, como diría o ínclito Aznar, pero coa forza da virilidade, coa seguridade no xeito de ocupar o espazo e alzar a voz. Se cadra aínda vai ser unha pioneira nos novos modelos que o prefascismo trae, tías moi arranxadas que dominan sen pedir perdón. Unha nova especie de monstro na feira das vanidades.

Outro dos tipos humanos que VOX trae e que me enfrontan á miña vulnerabilidade é o do macho novo, o poldro irreflexivo e ignorante que o fía todo á potencia dos seus músculos. Non hai moito tívenme que ver pelexando na lameira de Twitter con este tipo de especímenes. Sorprendeume a súa organización e o clónico dos seus perfís. Probablemente nin sequera houbese unha identidade real, probablemente estivese polemizando cunha manda de bots inaprensibles. O tema do litixio tivo que ver coa intervención do grupo denominado S´ha acabat no campus da Autònoma de Barcelona. Nese campus, que leva desde 1968 sendo catalanista e de esquerdas, dirixentes deVox, Ciudadanos e o PP decidiron o mes de outubro e novembro escenificar unha das súas farsas provocadoras. Na última, o 25 de novembro, aproveitaron a gran movilización feminista por parte do estudantado para exhibirse apoiando a moi sospeitosa organización de mozos pola defensa da Constitución. Buscaban, claro está, unha foto que rechouchiar ata a extenuación, unhas imaxes de furia xuvenil que ratificasen que o totalitarismo estaba no bando contrario.
Ferveume o sangue ante semellante cinismo e entrei no bar de borrachos que é o twitter para clamar contra a manipulación fascista. Nun segundo o meu timeline encheuse de ameazas contra min, alcumándome de colaboradora coas farsas totalitarias, as do catalanismo, enténdase. Entendín que estaban organizados, que estaba ante unha hidra de múltiples tentáculos, un software que replicaba avatares de homes novos vestidos de paramilitares e que me trataban de “señora” con todo o desprezo debido á muller madura que esta mocidade misóxina é quen de despregar. “Señora, deje el vino” dixome un, e entón pensei que se cadra era ao viño ao que me tería que dar para aturar con certa inconsciencia este presente de pesadelo.

Luz de gas, Tempos Novos, xaneiro 2022 .
MERGULLATE NA ESCRITA DE XINA VEGA.