50541977_357692615062417_231622745845137408_n

Xesús Rábade Paredes: poemas.

Publicado el 4 febrero, 2019 | Literatura

 

50618291_357752245056454_810397373124575232_n

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

(Cadro por Moncho Cobas Real)

Nesta farsa ou carnaval

unha xente déixase ir

e outra déixase levar.

 

Bágoas e desamores,
feridas que non curan
todas as flores.

 

A partir da Candeloria
non hai ave que ande soa.

 

Afaite a pensar por libre
e coida de quen te informa.
Hai quen mente máis que escribe.

 

Cando a Candeloria chora,
medio inverno vai xa fóra.
Chore ou deixe de chorar,
medio inverno por pasar.

 

POETA É ÁRBORE
Debes mirar atrás, mesmo que o mapa
che produza mareo,
e examinar as células non mortas.
Canto máis retrocedas,
máis nítidas se volven as estampas
do teu atlas. Porás notas á marxe
a maneira de esteos da nova descuberta,
que tamén te alimentas de mito e de memoria.
Dirás que foi de ti, e atoparaste
nas voltas e revoltas dos camiños que andaches,
no esteiro dos amores –tamén dos desamores–,
nas capas superpostas da madeira que es, que te conforma
en aros vivos de maciza cerna
e en aros febles, materia necrosada
que se desprende canto máis avanzas.
(Buína, 2019)

 

Neve en febreiro,
promesa boa
vindo a primeiro.

 

Pronunciadas ou escritas,
rapariga, non te fíes
só das palabras bonitas.

 

Sobre da Ría
segue o nubeiro
cegando o día.

 

AMANTES
–Voume, amor. Queda con ben.
Pensa en min como en ti penso,
pois logo nos hemos ver.
–Vaite, amor do meu contento.
Hei de beber os teus aires
nas araxiñas do vento.

 

As máis escollidas rosas
dun país que vive e sofre
dachas Castelao en Cousas.

 

ORXÍA EN DAVOS

Ante un desastre tan claro
asombra ver como os pobres
van entrando polo aro.

 

Como a viño en barrica,
o tempo senta ben
a obra e artista.

 

Malfadado o humano curso
se docilmente obedece
a un exclusivo discurso.

 

Teñan en conta unha cousa:
nestas circunstancias grises
o ladrón segue a quen rouba.

 

Entre casos repetidos
de desgraciados amores,
hai amores escollidos:

“Moreniña, por te ver,
crucei o Mar da Marola
a pique de me perder”.

 

Nin son político en acto
nin goberneiro de nada.
Simplemente penso en alto.

 

Nada sorprende que o mago
de san Felipe González
aplauda o imperio do capo.

 

Moral de escravos:
sempre submisos
á voz dos amos.

 

AL-ANDALUS. Triunvirato.

Tres galos nun galiñeiro,
por máis que abunden galiñas,
han de medir os peteiros.

 

Atende ben, miña filla:
Non queiras a quen te anula
nin votes a quen te humilla.

(Foto portada Helena Villar Janeiro e Xesús Rábade Paredes)

https://www.facebook.com/xesus.rabadeparedes.7

https://www.facebook.com/villarjaneiro

 

 

 

 

¿Te gusta este artículo? ¡Compártelo!

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos necesarios están marcados *