Este mes chegará aos nosos almacéns o novo libro de Xesús Rábade Paredes, A luz co tempo dentro.
Este libro recopila as memorias dun dos autores máis importantes das nosas letras. Publicada na colección Memoria, esta obra pode lerse como un constante balanceo entre dúas realidades que interpelan e que nos mobilizan. A pulsión e revelación da existencia, por un lado. Polo outro, a poderosa sede de plasmarse e autorrealizarse nos planos da ficción. Sempre máis próximo da terra que se pisa que da entelequia de ceos arelados, o autor é consciente de que unha elevada porcentaxe da xente apenas pode satisfacer a fame, collida na cadea de patróns invisibles, de estafadores que ninguén controla, de escravistas sen freo e de negreiros que a axeonllan e a atan á ruína.
O escritor sintoniza nestas páxinas cun grupo dos mellores intérpretes da terra e non casualmente aduce referencias de temas e de autores, da man dos cales, con reiteración, confesa: “O voluntario regreso ao ser da terra, a ese natural ritmo do tempo e das sazóns, significou acaso a etapa máis serena, harmoniosa e fecunda da miña singradura. Como unha recalada cando esa hora de ir recollendo velas se aveciña”.
Unha lectura reveladora, do máis persoal, que, axiña, chegará a todas as librarías.
Xesús Rábade Paredes (1949), profesor xubilado de Lingua e Literatura, comezou a traballar de carteiro e estivo un tempo en Berna (Suíza) traballando nos anos setenta. Iniciouse moi novo no oficio da escritura con Xuntos cara o mañán (1969).
Literariamente ten cultivado o ensaio, a narrativa e a poesía. Comezou moi cedo a súa carreira literaria e figura na antoloxía Os novísimos da poesía galega. Traballou en tarefas de normalización lingüística e cultural: formación do profesorado, reforma educativa, elaboración de textos e material escolar, publicación en prensa de numerosos artigos, algúns recollidos en libro, sobre a situación social da lingua. De 1992 a 1995 foi Coordinador Docente de Lingua galega.
En 1977 subscribe o manifesto poético renovador Cravo Fondo. Autor de dilatada traxectoria, cultiva a lírica, a narrativa, o ensaio e a tradución. Conta, entre outros recoñecementos, cos premios Manuel Antonio, Galicia da Universidade de Santiago, Esquío, Álvaro Cunqueiro e Blanco Amor. Unha parte esencial da súa obra foi publicada pola Editorial Galaxia:
A terra prometida, Saraverde, Branca de Loboso, As sombras do Barroco, A palabra secreta, Mentres a herba medra e Memoria do corpo.