• Músicas Esquecidas
  • Contacto

Login form protected by Login LockDown.


WOS Festival regresa ao seu formato habitual expandindo a súa programación por diferentes localizacións de alto valor patrimonial da cidade de Santiago de Compostela e recuperando as noites de clubbing.

Este primeiro anuncio de artistas inclúe a estrea en España de concertos audiovisuais: Caterina Barbieri, referente do post-minimalismo actual, presenta o seu novo álbum, Spirit Exit (light-years), acompañada dos artistas visuais Marcel Weber (MFO) e Ruben Spini. Por outro lado, o alquimista sonoro francés Aho Ssan e o artista multidisciplinar keniata KMRU, autores de varios dos álbums de electrónica máis importantes de 2020, únense para presentar Limen (Subtext): un concerto audiovisual intenso, potente e emocional cheo de dualidades que conxuga os perfís opostos de ambos artistas.

Entre outras estreas nacionais atópanse os concertos do aclamado novo álbum do estadounidense Huerco S, Plonk (Incienso); do coreógrafo e músico inglés Blackhaine dando vida aos temas do seu novo álbum, Armour II; e tamén de Prison Religion con Had Industrial B.O.P (UIQ), un disco que brilla como poucos en directo grazas á explosiva presenza sobre o escenario do dúo de Richmond, Virginia.

Como sempre, a experimentación co son e a aposta por propostas intimistas é parte da identidade do festival. Pan•American estrea en España The Patience Fader (Kranky), unha nova demostración da marxe de exploración do ambient. Sofie Birch interpretará o seu novo álbum Holotropica xunto á saxofonista Nana Pi. Pola súa parte, o acordeonista polaco Zbigniew Chojnacki presenta o seu innovador Accordion/Live Electronics, un fito da improvisación.

Completan o primeiro anuncio de artistas a produtora e dj holandesa upsammy, un dos nomes máis recoñecidos do clubbing europeo polo seu talento como creadora. Con ela estarán varios DJs, promotores e produtores galegos: Alicia Carrera, radicada entre Barcelona e Berlín, e cunha ampla experiencia como dj, label manager e promotora no circuíto internacional, e Yugen Kala, que á súa curta idade xa foron programados nalgúns festivais como Sónar e Mutek.

WOS Festival celebra a súa VI edición entre o 8 e 11 de setembro. Entradas xa á venda en wosfestival.es.

O proxecto conta co patrocinio principal de SON Estrella Galicia e co apoio institucional do Concello de Santiago de Compostela, a Deputación Provincial de A Coruña, e a Xunta de Galicia a través de Xacobeo 21-22 e AGADIC.