Formulario de acceso protexido por Login Lockdown

VETO DA XUNTA

BNG e PSdeG critican a exclusión de ‘Nós Diario’: “As axudas teñen que estar para fomentar a lingua e a cultura da Galiza”

A pesar das múltiples chamadas que este xornal realizou ao gabinete de comunicación do PP, a formación que goberna a Xunta deu a calada por resposta e Alberto Núñez Feixoo limitouse a alegar que non tiña “información” da resolución asinada pola súa secretaria de Medios, Mar Sánchez.

A pasada semana unha resolución do Goberno galego asinada pola daquela aínda secretaria xeral de Medios, Mar Sánchez Sierraexcluía máis un ano Nós Diario da liña de axudas dirixidas a xornais impresos.

A Administración galega xustificou a súa resolución nun único argumento, o mesmo que exhibiu da última vez. Mantén que Nós non é un ‘diario’ ao se publicar de terza feira a sábado, malia que a Oficina de Xustificación da Difusión (OXD), órgano de referencia nas bases reguladoras, define “diario” como a “publicación diaria impresa en papel que se edita catro ou máis días por semana”. Aliás, a convocatoria non achega unha definición concreta de ‘diario’.

A exclusión de Nós Diario en 2021 da repartición de subvencións motivou a presentación dun recurso contencioso administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG), actualmente en fase de tramitación. Aliás, A Mesa pola Normalización Lingüística denunciouno ante o Consello de Europa alegando o “incumprimento da Carta Europea das Linguas Rexionais e Minorizadas”.

A oposición pide “obxectividade” fronte á “discrecionalidade”

Nós Diario quixo coñecer tamén a opinión dos grupos políticos con representación no Parlamento da Galiza sobre a exclusión desta cabeceira das axudas da Xunta á prensa escrita.

Desde o BNG, o deputado Iago Tabarés sinalou a este xornal que é “paradoxal” que “estas axudas que teñen que estar para fomentar a lingua e a cultura propias da Galiza exclúan os medios que utilizan a lingua galega e a promoción da cultura galega”. Para el, a “obxectividade” debe ficar “sempre por diante da discrecionalidade”.

Pola súa parte José Manuel Laxe, secretario de organización do PSdeG, puxo o foco nos contratos publicitarios que asina o Goberno galego con diferentes medios e que en boa parte dos casos non están suxeitos aos procedementos de concorrencia competitiva.

“Precisamos dunha regulación da publicidade institucional”, dixo, e engadiu que actualmente “carecemos dun marco normativo” e iso fai que “o nivel de discrecionalidade sexa moi amplo e permita situacións anómalas coma as que coñecimos estes días”.

Noutra orde, a pesar das múltiples chamadas realizadas nos últimos días ao gabinete de comunicación do Partido Popular, a formación do goberno non deu resposta ningunha.

E a pasada semana, preguntado por este xornal, o presidente en funcións da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, limitouse a alegar que non tiña “información” dos procedementos que asina a secretaría xeral de Medios, que, porén, depende directamente de Presidencia.