Formulario de acceso protexido por Login Lockdown

 

martino

 

 

Oes, esta noite vai xear. Dámo no corpo, dígocho eu. E cando o inverno se mete nos ósos xa non marcha deles e non hai quen dea arredado o frío. E menos aínda se un anda por estes sitios. Pero, hai que tragala así: a obriga manda. Daquela, imos aló, que o tempo lisca coma un foguete (se liscara así o frío) e nesta época do ano axiña se pousa a noite enriba de nós, e quedamos a escuras. E mais con esta trécola de andar mudando o reloxo de hora. Disque para aforrar. Pois eu o aforro non cho vexo por ningunha parte. Cousas dos que mandan… A dicir, verdade, non é que teña medo, mais algo de respecto si que me dá andar por aquí a estas horas. Mira que levo entrando en ben ocasións neste lugar e podes crer, Manuel, que non me dou acostumado. Será  que realmente non vallo para este traballo de enterrador. Non me mires así, dígocho de verdade. Se me escoitase falar deste xeito meu pai, que en paz descanse, habíame regalar os ollos e dicirme que entrara en min unha tolemia. Canto traballiño deste deixa el feito. Cantos buratos leva tapado. Máis ca anos tiña cando morreu. E xa che eran un bo feixe, que xa firmaba eu hoxe por chegar á súa idade. Pero iso non me toca decidilo a min. O que che estaba a contar era que me chega moito ver como vai morrendo a xente do meu redor, xente que é coñecida, veciños de toda a vida, e, por riba, ter que prepararlles a cama para a derradeira viaxe. Éche moi duro de aturar. Ninguén o sabe nada máis que o que pasa por elas. Aínda que un se faga o forte, méteseche a pena no corpo, igual ca esta friaxe de inverno, e xa non marcha. Porque a pena non se consegue quitar coa quentura do lume, hai que tragala, remoela ben cos dentes e carretala ao lombo coma unha gavela do toxos que te vai espiñando e furándoche o coiro. Ata que un día lle toque a un facer a viaxe e entón remata todo. Ou que pensas, que como teño este traballo, eu hei de quedar aquí. Non, home, non! Nin quero tampouco. Tamén cansa un de vivir. E mais de facer esta clase de tarefas en sitios coma este, onde medra a feito a tristeza. Cantas bágoas ficarán aquí orballando no chan. Moitas, abofé. Máis das que deberíamos aturar, pero facémolo. O corpo humano aguántache moito. Xa dixo o outro que ninguén morre a poder de padecer. Dígoche eu  que si. Oes, agora que o penso, e dirás que estou tolo polo que che vou dicir, pero en máis dunha ocasión levo cavilado que por cousa das lágrimas da xente é polo que se dá tan ben a herba neste sitio. Medra á escape, oíches: paseille onte a gadaña, para ter o sitio ben decente para o enterro de hoxe, e aí a tes renacendo con forza, xa logo bota outra capa. Nalgunha tenza non se dá así. As bágoas sonche milagreiras. E logo pensas que non! Tes razón, de algo se hai que rir. Para sufrir xa está a vida. Non me fagas moito caso. Ás veces acórdaseme cada toleada. É por non estarme calado. Por consumir o tempo. De algo hai que falar ou! Non che parece? Eu nunca souben ter a lingua parada, e agora vouche sendo vello para facelo. Teño que gastar nela, para tal ma deron, non si. Ti, pola contra, gástala menos. Fuches sempre dos que lle gustou moi máis escoitar, que tamén che é boa cousa, ca botar a lingua a pacer. Aínda que eu, e ti ben me coñeces, nunca tiven vocación de lingoreteiro, coma eses que falan sen levar xeito no que din. Coido que as cousas hai que pensalas primeiro antes de cuspilas pola boca. Porque, do contrario, a maioría das veces diríamos disparates. Con todo, ben sabes que hai quen non lle importa nada e ceiba a lingua igual, coma gando polo monte. Ai, ho!, aí tiñas o Rosendo da Cachapela, Deus lle perdoe. Lémbraste del? Como non te vas lembrar. Canto labor deixa ese home feito, e ben feito, en cas Fidalgo, mal pagado e peor agradecido. Si, ho, baduaron del ás súas costas o que lles deu a gana. Por pouco, nin ao enterro lle van. Nai que os pariu! Algúns aprovéitanse dos favores que lles fan outros e despois a tomar polo cu. Nácenlle a un os dentes. Mellor non pensalo! Pois, volvendo ao caso, moito esbardallaba aquel home. Abría a boca e non había que descoidarse que axiña che enfiaba algunha. E o carallo é que se puña serio cando falaba, para que os demais pensasen que dicía verdade, e quedábase tan tranquilo. A min xa me cansaba de tanta alburgada e xa procuraba apartarme do seu carón. Pobre home, que Deus o teña na gloria! Pero non imos falar mal de quen non pode defenderse. Xa está nesa viaxe final que todos temos que facer, cando nos chamen, que eu sen chamar non che quero ir.

Ai, Manuel, voume deixar de lerias! Queda tarefa que facer por diante. E a noite vénse aproximando e despois remata un facendo o traballo ás apalpadas. Ademais, hai que escorrentar este frío que me quere entumecer as mans, e cos dedos tesos eu non che dou traballado. Coma o gato con guantes que non pesca. Así que imos aló.

Canto desperdicio! E canto gasto de cartos, dígoche eu que si. Flores murchas por todos os lados, secas coma fachos de palla. Algunhas sonche desas de mentira. Pero, pouco máis ten. Pois, a min nin me gustan dun xeito nin do outro. Eu xa lles dixen na casa que cando chegase a miña hora non gastasen os cartos en ningunha flor, nin coroas nin ramos, nin calquera outra trangallada desas. E misas menos. Un cura que fixese unha misa rezada e ao carallo. Nada deses funerais no que se poñen tres curas, ou máis, a cantar uns cánticos, a ouvear o que non saben. Decátaste do que che falo. Os dous coñecemos a uns cantos elementos que se comportan así. Teñen de cura o mesmo que teño eu de banqueiro. Cadaquén coa súa conciencia. O malo é que eses levan o ceo gañado aquí na terra, quero dicir, o bandullo cheo. Que Deus me perdoe! Ou que lles perdoe a eles tamén, porque non actúan coma é debido. Ben me entendiches. Pero teño eu cada ocorrencia: voulle pedir á conciencia dun cura que saiba comportarse. Abondo lles chega con oficiar a misa, e daquela maneira. O resto, entre tanto viño sagrado e tanta enchedela, xa se lles foi esquecendo. Se un soltase todo o que coñece, algún destes lacazáns ardía no inferno. E non calarei, ho! Falo e falo e o traballo por diante.

Vou principiar, que isto non se fai só. Menos mal que ninguén escoita todo o que falamos. Tampouco hai aquí ao redor quen poida pousar a orella a ouvir o que dicimos. Xa case marcharon todos. Apenas o murmurio das voces que veñen do adro. Non senten o frío, carallo! O único que pode atender ao que baduamos é aquel rapaz que anda por acolá, fronte aos nichos que fixeron de novo. E parece que se me fai unha cara familiar, pero non atino a saber quen é. Ti recoñécelo? Tampouco. Estámosche dous…! Agarda que vai parando o paso. E aquela non é a sepultura dos de cas Vicente? É ho. A mesma. E que me trague o demo se aquel non vén sendo familiar deles. E quen? Porque desa casa a Aurora tivo dúas fillas: a Asunción e mais a Remedios. A Asunción está en Norteamérica, e des que marchou eu non dou fe de vela mais por estas terras. Nin se morreu nin se tivo descendencia. E a pobre da Remedios, que deus a teña na gloria, fórase para a capital, xa hai tempo, cun fillo de solteira. E só volveu para descansar eternamente. Mira que morreu nova aquela muller. Pouco máis fixera ca cumprir os corenta anos. Botouse enriba dela unha doenza desas cativas e chapouna nun lóstrego. A morte, que sempre anda ao revés. A nai pasou dos noventa e sen perder un acordo. Moito falaba das fillas, tíñaas na boca a diario. Non me estraña, soa, que xa enviuvara durante a guerra, e sen ter unha compaña naquela casa tan grande. Oes, pois aquel rapaz non se move de diante da sepultura dos de Vicente. Algo ten que ver con eles. Ou familiar ou achegado. Ai, carallo, a ver se vai ser o fillo da Remedios. Tan grande! Si, ho, é o mesmo. Hache de andar polos anos que tiña súa nai cando morreu. Pero, non cho vou afirmar porque eu, se che digo a verdade, nunca o vin en persoa, así que vai ti saber. Nin sequera estivera no enterro da Remedios. Se cadra é outro parente que aproveitou o enterro do Antón para visitar tamén aos defuntos da familia, que de cando en vez hai que achegarse a xunta deles, para que non lles dea por pensar que os esquecemos, e mais para que nos vaian preparando o sitio cando nos toque vir facerlles compaña.

Ves, algo que non me parece tan mal é que lle poñan o nome na lápida, aí ben gravado. Iso de pegar as letras por riba xa me gusta menos. Pero os tempos mandan e hai que andar canda eles. Agora que cando vexo algunha lápida que non leva escrito o nome do defunto que garda dentro dácheme un pouco de apuro. É coma se o morto non tivese identidade. Coma se dentro morase un descoñecido. Ou coma se o nicho se atopase baleiro. Todos temos a nosa historia. Cada persoa a súa. Aínda que, unha vez que vés para aquí, acabouse a historia e morre o conto, nunca mellor dito. Éche lei de vida.

Non dou parado de falar, Manuel. Haste cansar de tanta laretada. Ben sei que me entendes. Debe de ser cousa deste lugar ou talvez da triste circunstancia que me trouxo ata el. Calquera das dúas pode levar a culpa. Entrar aquí produce en min un efecto raro de afalarlle á miña lingua coma se fose un animal espelíndose. Aínda así, teño medo que non me sobre tempo para facer o encomendado. E sempre me gustou deixar os traballos como é debido, e como se merece o defunto tamén. Así que a falar co corazón e coas mans. Non sei porque pero estas mans que Deus me deu van tan afeitas a este sitio que xa teñen vontade propia. E falan e asemade choran bágoas de tristeza e impotencia. Non entenden a morte do Antón. Aínda que coido que xa non comprenden ningunha clase de morte, nin á morte mesma. Afixéronse tanto a tratar con ela que se manteñen un respecto mutuo, como se evitasen un enfrontamento, mais que nada porque as miñas mans levarían as de perder. E eu tampouco o entendo, polo menos o meu pensamento non dá asimilado a idea terrible da súa ausencia, ¡tan de súpeto!, que nos pillou a todos espidos, sen a forza necesaria para aguantar o golpe dunha nova así. Si Manuel, si. Aos dous doeunos a morte do Antón. Coma se nos cortaran por dentro e estivésemos sangrando seguido. E agora, despois da desgraza, a facerse duros e tirar para diante. Non queda outra. Pero éche fodido, só pensalo. Incluso as mans que preparan a lousa que vai tapar o nicho están nerviosas, non conseguen pillar o ritmo normal da tarefa que as agarda por diante. Máis que mans de canteiro hoxe quixeran ser mans de escritor, deses que contan historias, e poder dicirlle ao mundo a historia do Antón. E terían tanto que contar. Un feixe de cousas que ti e mais eu coñecemos ben polo miúdo, das que fomos testemuñas. Haiche ben tempo dalgunha…

A luz do serán vai revendo. Ó final quedouse unha boa tarde. De non ser polo que trouxo aquí, meu querido amigo. Ata este cemiterio cheo de corpos e espíritos en repouso eterno. Parece que están calados, pero abofé que todos badúan algo. Agora á luz do día non se senten, pero, nunha noite pecha e limpa de ruídos, de seguro que, se un pousa o ouvido, se oe o rumor das súas voces, coma se dialogasen entre deles, a través dos nichos. Meu avó dicía que se un puña atención podía escoitar os laios dos máis desgraciados e as conversas dos máis despreocupados. Segundo el, unha maneira de facer máis levadío o tránsito á outra vida, se así se lle pode chamar. Que xa o dubido. En días coma os de hoxe é nos que aborrezo esta vocación que xermolou nos meus adentros, de enterrador. Dígocho de verdade, Manuel, que eu no fondo non vallo para isto. Coido que debería ter cavilado mellor as cousas e non seguir con tanta determinación o adoutrinamento de meu pai. O pobre, que en paz descanse, sempre quería o mellor para min, e como el nunca tivera a oportunidade de recibir escola, amestrábame co que aprendera da experiencia na vida. Un home, parrafeaba a cotío, para acadar un grao medio de sabedoría, ha de ser humilde, saber educar ós seus fillos, se os ten e senón educarse a si mesmo e saber acompañar ós seres queridos no seu pasamento. Ves, neste punto non lle quito razón. Outro tema é ter que enterralos. A min iso non me presta, mais desgraciadamente un anaco de min xa se afixo. E iso agrádame menos, porque me fai sentir, ás veces, que non son humano, porque non me amola tanto.  Agás hoxe. Manuel, a morte éche algo moi serio, do que todos refugamos e ningún damos librado. Ver como diante dun van desfilando os cadáveres dos familiares, ou dos seres máis queridos iso doe, e moito. E a dor non se me vai por ser enterrador. Aprendes a convivir coas desgrazas propias e alleas, pero a mágoa carrétase igual dentro, e cada ano que pasa vai aumentando o feixe dela e un cada vez terma menos. E por riba isto! Me cago na vida..! Esta morte tocoume fondo, é como se me acoitelasen a carne ou me rabuñasen as entrañas.

Van máis afeitas as miñas mans. É curioso, e lévoo observado en todos estes anos, des que comecei a cantear polas casas e mais a exercer de enterrador, aínda que che fale, elas traballan a reo, xa van por diante dos mandados da cabeza. Non ves, con esta habelencia case máxica que Deus lles concedeu, porque de nada vale o que aprendas se non tes o don contigo, e ese alguén mo deu, digo eu. Collen o chanto, algún ben mal feito por certo, búscanlle a disposición e tapan a boca do nicho. Fano todo elas soas. Eu non sei en que momento lles dirixo os pasos. Actúan por si. A isto é o que lle teño medo. A que unha mañá esperte e as mans e os pés tomen vida de seu, e non respecten o meu mandato. Parecerache unha toleada, mais non podo evitar esta cavilación. Cousas máis estrañas se teñen visto. Pero, faime caso, estas mans avellentadas senten todo o que fan. Lévanche os sentimentos na pel e ao tocar as cousas falan con elas. Coma se estivesen nunha confesión. Escoitan e falan. Parecerache outra tolería mais faime caso, así che é. Ou dese xeito mo ensinou meu avó, sendo eu moi neno. Meu neno, dicíame, as mans teñen lingua e corazón, aínda que ti non llelos poidas ver. Falan e escoitan o que tocan. As mans do canteiro falan e escoitan á pedra, as do carpinteiro á madeira, as do labrego á terra… Xa o irás aprendendo co tempo. E foi verdade, aprendino. Por iso eu che teño dito moitas veces que ti traballabas tan ben a madeira porque ti falabas con ela e mais escoitabas o que ela levaba dentro. O mesmo me pasa a min coa pedra. E outro tanto lle acontecía ó malpocado do Antón coa terra. Tanto a sentía que rematou morrendo por ela. O malo de todo isto é se as mans de tanto acostumarse a tratar con algo paran de sentir. Abofé que eu teño medo a deixar esquecidos os sentimentos, algunha tarde coma esta, dentro dun nicho, acompañando a algún cadaleito. Pensas que non, pois eu xa non che estou tan seguro. E se me acontece tal e esa insensibilidade lle dá por gabearme cara á cabeza e se me quere apoderar do entendemento. Deus me axude! Perder a capacidade de sentir é o peor que lle pode acontecer a unha persoa. Muda nunha besta. Antes de  chegar a tal situación é preferible morrer. Polo menos eu prefíroo. Afórrase de sufrir e mais de facerlle dano ó próximo. Porque no fondo sófrese. É algo inevitable. O mesmo que estar aquí agora realizando este traballo. Se enterrar a un amigo se lle pode chamar traballo. Para min é unha desgraza á que me teño que enfrontar sen querelo.

Non sei se lle fará falta máis cemento á lousa do nicho. Que che parece, Manuel? Supoño que logo lle abondará. Ademais, o que está dentro non creo que cavile en saír de esmorga. Agora xa non.

Mira que lle dou voltas á cousa, e aínda non a entendo. E pensar que onte mesmo estivemos falando eu mais o Xan da Maruxa con el. Dos temas que adoitabamos a falar a cotío. E nin nas súas palabras nin nos seus xestos notei nada estraño que me puidese declarar a o mal fado que ía acontecer máis tarde. Percibo o que me vas dicir, que se cadra a estaba buscando. Pero, que o demo me trague se o comprendo. Non! Hai cousas que son demasiado duras e porcalleiras como para pensar que son reais. Matar a un home é moi fodido e hai que botarlle moitos collóns, ou estar tolo de remate. Aínda que tamén tes razón, os que cometeron este crime nunca foron moi equilibrados. Que Deus mire por eles! Porque senón…. Tempo ó tempo. Que che son da raza dos lobos, e a rabia non se lles amaina tan doado!

Comeza a facer frío. Axiña anoitece nesta época do ano. En acabando isto eu marcho para a casa. Xa non queda nin un can no adro. A maioría deles fixeron o cumprimento de acompañalo, e despois liscaron para onde lles conveu. E iso que onte durante o velorio, todos cansaron de adular o xorne do Antón. Vai ti saber o que matinaban ás escondidas. Xusto,¡laretadas!, como de costume. Por diante amosan unha fasquía sempre rindo e por detrás outra, de raposeiros. Algúns venderían á súa propia nai por mollar a palleta coas falacias. Mais canto mellor lle fora deixarlle o paso para a terra! De sempre me lembro eu dese paso para os Tarreos. E meu pai. Incluso meu avó… Recordas cando aló atrás che dixera que o ditoso servizo da Folgueira ía traer unha desgraza. Pois, aí a tes. Unha tolemia. A saber as veces que lle teño eu falado do asunto: Déixalles pasar, home. A terra ha quedar aquí e ti haste de ir. Pero era igual que tratar cunha pedra. Canto máis lle insistía, máis turraba el, denegando as miñas palabras: Diso nada, antes mátoos… E xa ves, morte hóuboa; pero foi a del. Eses lacazáns do demo sempre tiveron liortas coa metade dos veciños por cuestión dos lindes e dos marcos, e coa outra metade se non foi por mor das terras, por outra cousa había de ser. Abofé que ninguén lles vira boa cara, agás catro mangantes que son coma eles.

O peor de todo isto é que eu volvo a exercer a miña negra profesión, con maior coita que de costume, por ter que pechar a porta deste mundo porcalleiro e inxusto a un amigo, que xa navega polo mar do alén. Porque o Antón non era mala persoa. Algo testarán cando se encabuxaba nunha cousa, aínda que non se pode negar que tiña o seu bo corazón e o enfado logo se lle quitaba. Pero eses Piñeiros eran e son dunha clase de xente difícil de aturar. Inchábanlle os fociños a calquera. Conteiche que hai dous anos o fillo dos de Piñeiro xa tivera unha liorta co Antón, por segarlle a herba do derrego no prado do Agrelo? Non chegaron ás mans, aínda que non lles faltou moito. Oíranse os berros dende as Fonterroibas. A miña muller asegurou que vira pasar ó Francisco, todo alporizado. Comentou que semellaba un deses cans danados, que só lle restaba botar escuma polo bico… Díxome, co medo aínda metido no corpo: Andaba coma un tolo. De verdade cho xuro, Pedro! Un pé fuxíalle do outro, ¡que o diantre me leve! E desde entón, todos os veciños xa nos decatamos de que non había de transcorrer moito tempo sen que chovese unha desgraza semellante á que caeu.

Oíches, agora que me acordo, vós tamén tiverades algunha arroutada cos de cas Piñeiro. Foran o teu pai e mais un tío da Encarnación… Si, ho! Cando vos quería raspiñar unha gabia no curro das Chousas. A que lindaba coa tenza que lle comprastes ó Salustiano. Pois, seica o Basilio ata levou unhas losqueadas nos fociños, por desafiar ó teu pai con matalo… Si, si, lémbroo perfectamente: o desgraciadiño fixo o aceno de levantarlle a man a teu pai, e este non esperou nada e arremeteulle cunha roda que tiña cabo del. Quítateme de diante, laretas do carallo, díxolle. Se non queres que te confunda dun estacazo. Ó escoitar iso o Basilio volveuno ameazar cos puños. Daquela teu pai arreoulle primeiro coa man aberta e despois baixoulle o mango da roda no lombo. O Basilio liscou laiando coma o can ó que lle acaban de zurrar o coiro. Que ben lle estivo, carallo! Sempre lles gustou ós de Piñeiro barruntar co peito botado para diante, dicindo que habían  de facer e acontecer! Lévano no sangue.

A Encarnación, de pícara, era unha fervellasverzas que non tiña paraxe. Igual cá nai. Aínda eu non saíra de rapaz e ela xa andaba a facer trasnadas. Un día, lémbrome, a media mañá, funlle levar un neto de leite a dona Dolores, a mestra, como facía a cotío. Debía correr o mes de agosto; e o sol principiaba a abafar. E aínda que a mestra non vivía lonxe, en todo o traxecto non achei unha pequena sombra na que coller un papado de aire. Nin a primeira. Camiñaba a modo; mirando para o chan, co tento de non tropezar con ningunha cobra que saíse tomar a raxeira, porque por aquela zona xa me tiña pasado. Pois, como che dicía, cando ía polo carreiro do Castro albisquei de lonxe unha figura que avantaba cara a min. Cunha présa que os zapatos non lle paraban nos pés. Ó principio sobresalteime  un pouco, emporiso non deixei de camiñar. Conforme se acercaba decateime de que se trataba da Aurora, a nai da Encarnación. Axiña que chegou preto miña faloume toda apurada: Bos días! Xa lle vas levar o leite á mestra. Oíches, se non che importa, de paso bótasnos unha man cunha vaca que se nos puxo co mal de parir. Eu contesteille que si. E aló fomos, ó galope. Na casa de Piñeiro xa estaban loitando coa vaca. Tres ou catro persoas, se mal non recordo. Pousei a botella na porta das cortes e entrei para axudarlles. Unha vaca do país, axeitadiña coma os meus ollos de rapaz viran poucas. Como era primeiriza botamos un bo cacho para quitarlle a cría. O pobre do animal desfacíase a puxar, e non daba parido. Moito lle custou, pero ó final trouxo un becerro ben feito, ou iso baduaba o Ramón da Graña, que ti ben sabes que se fachendeaba de ser entendido niso. O caso é que saímos para fóra deixando á nai lambendo na cría; e no momento de recoller a botella de leite, resulta que xa non estaba no sitio que a pousara. Busquei nela coma un tolo, axudáronme algúns dos presentes. E non aparecía. Semellaba feitizo do trasno. Aínda que o diaño tíñache cara de nena. Se che digo o que sucedera. A renarte da cativa apañou a botella de onde eu a pousara, verteu o leite na cazola do can e o casco escachouno en mil anacos por detrás da casa. Cando souben do asunto quedoume cara de pampo. Coma se me pegaran unhas losqueadas sen merecelo. Nin leite nin frasco! Mira, daquela se pillo a cativa era capaz de darlle unhas labazadas. Xúrocho! Os da casa rifáronlle un pouco, para facer o requisito diante miña. De seguida colleron dun rocho outra botella e enchéronma de leite. Ben, iso de enchela é un dicir. Polo menos non me fun de balde. Despois de beber un vaso de zume e comer uns biscoitos algo resesos, marchei co mandado para a casa de dona Dolores, e nin pío dixen do acontecido na casa. E se maliciosa era naquela época, des que casou ó home converteuno noutro da súa ralea, nun maneliñas seu. Lembras a vez que lle deron gañote a un can de palleiro que tiñan. En mala hora veu caer nesa casa o animal. O malpocado como non daba moi ben a xente e inda por riba cometeu o atrevemento de comerlles un pito dunha niñada. En canto lle descubriron o delito, o Ramón, todo zunado, agarrou unha forquita, e primeiro pegoulle uns lombeirazos con ela e despois, cando o can adoecía dos paus no chan, cravoulla nas tripas, coma se fose un porco. Cousa de salvaxes! De xente sen cultivar. Aínda que calquera lles mete a eses a cultura na testa, co dura que teñen, como non sexa a fungueirazos. Daquela xa ves que nesa casa había malicia a feixes. E haina hoxe aínda. Pero se che digo a verdade, endexamais cavilei que puidesen chegar tan lonxe. A matar a un home! Deus bendito! Feitos do demo, que os fixo tolear ou lles acedou o sangue. Ti que dis, Manuel? Outra explicación non ll’atopo. Ou como eu digo a uns as mans sérvennos para facer boas cousas, e outros téñenas encomendadas ó servizo do mal.

Ben, a tarefa xa case vai rematada. Recebarei con outra pouca masa as esquinas, e listo. Polo menos deixarlle un detalle que valla para ver. Mágoa que a el de pouco lle sirva. Merda de vida! Menos mal que sempre me quedarán os restos dos bos momentos vividos xuntos. Iso non hai martelo que o rache.

Axiña se pousan enriba miña os paxaros da noite. Xa me roen nos calcañares, coma ratos famentos. A idade, que a todos nos persegue, e que tampouco fai distincións, como a morte, e así debe ser. Non sabe un que cavilar.

Que che parece como vai quedando? Non hai queixa! Polo menos poñemos todo o noso empeño en que se asemelle o máis posible a un obra de arte, desas que fan os escultores. E aquí somos dous, coma nos vellos tempos. Ombro con ombro. E non digas que a túa axuda é pouca. Ó contrario. Os acompañamentos en instantes tristes coma este agradécense sempre. E grazas á túa compañía fíxoseme máis soportable o paso do tempo. Así a todo, se observas erros avísame. Se non nos esmeramos para os amigos da alma, para quen carallo o imos facer. E o Antón, estea onde estea, agradeceranos este detalle que temos con el. Ben nos entendemos, entre amigos sobran as palabras. E el na amizade adoitaba ser moi leal. E no carácter tamén enganaba moito. Parecía un home serio, e cando menos te esperabas saíalle de dentro algunha arroutada con graza. E facía rir, porque dicía as cousas con enxeño e algo de malicia, que ter diso nunca estivo de máis no xorne dunha persoa. Así a todo, ti que o coñecías tan ben coma min, sabes que o seu grao de malicia non chegaba a ferir nin ofender. Nese sentido foi sempre moi coidadoso. A súa lingua non adoitaba a luxarse co cheiro das liortas, sempre e cando non o provocasen, porque o seu xenio tamén o tiña. Home, deso sáenos a todos se nos quentan moito a cabeza. Emporiso era raro velo enfadado e xa non digamos metido no río das murmuracións. A profesión de marmulador é propia dos folgazáns, dicía el. E non andaba moi desatinado. Se cada un de nós ocupásemos o tempo nas nosas cousas non habería tantas envexas, nin tantos moumeiros a falar detrás das silveiras. Pero, Manuel, nesta parroquia éche tarefa difícil mudarlle os modos ós comenencias. Persoas como o Antón sonche contadas. Unha especie en extinción, ¡por boa! Que se fose ruín e cativo como os de Piñeiro habería Antóns a feixes, igual ca samargos nun leiro de trigo. Mais por non ter maldade veu a morte e levouno. E de qué xeito. Deus Santo! Canto daría por borrar do meu pensamento estes dous últimos días. Ollo estas mans, e no canto de velas enzoufadas de cemento, véxoas tristes e cubertas polo seu sangue. O mesmo que tinguía o foulo da maldita corredoira que leva ós Tarreos. Que confunda o demo ese maldito paso e mais ós Tarreos enteiros! A vida non ten o valor de dúas rodeiras de carro. Me cago na mala morte, que tivo que escoller dese xeito! Penso e reméxenseme as tripas… Pobre Antón! Despois de coñecelo, a min dáme coraxe que os seus días acabasen así. Un home de bo carácter; ó que a vida lle pagou con desgrazas. Inda non sei como non perdeu máis a paciencia dende que lle morreu a María. Tivo a mala sorte de perdela moi axiña. E por riba, para aumentar a foda, sen fillos en que ampararse. Xa antes de que ela falecese, os dous pasaron traballos: un para tentar curala e a outra para morrer. Ó primeiro dicíanlles que era cousa de andazo. Mala chispa os atravese! Gastaron os cartos e os días nos médicos, de aquí para alí. Total… para qué. Tes razón, para ficar só, coma a póla dun carballo que lle podan as irmás. Habería que ver cantos tiñan o aguante que tivo el para resistir as cornadas desta puta vida! Poucos. E despois, qué lle quedou. Nada. Si, home, uns sobriños e a axuda que lle prestamos algúns veciños. Aínda que, Manuel, cánsache a cabeza saber que o alleo non ten comparanza co propio. Dóeche máis. Se cadra por iso se aferrou á terra. Eu, falaba, nacín na terra, dela vivo e a ela hei de volver. Faltoulle dicir que ía morrer por ela. E a terra aí quedou, ¿para quen? Para os que realmente non a merecen. Que fixeron eses sobriños seus por gañala? Nada. Escasamente botaron unha ollada polo tío des que quedou viúvo. Xa mirarán agora, a ver se o Antón deixou unha presa de cartos agachada. Han cansar de remexer a casa enteira, que Deus me perdoe, pero se lles caese enriba mentres fozan coma ladróns. Traballar toda unha vida como un escravo, para que despois che rouben o froito do teu traballo catro desagradecidos. A cona que os botou! Manuel, prefiro calar, que se falo avinágraseme o sangue e non fago a miña tarefa con xeito. Mellor falar doutras cousas máis agradables. Ou lembrar cánta vida pasamos todos xuntos. Moita!

De mozos, acórdome, todo nos parecía máis doado. Eramos dunha quinta. El naceu en abril e eu en xuño. Nin sequera lle deixaron cumprir os setenta e catro. Como avanzan os anos! Semella que foi onte cando lle faciamos carantoñas a un carneiro mouro que tiñan en cas Silverio. Toleábamos nel. Pero dunha colleunos desprevidos e vingouse de tanta burla. Botou a correr tras de nós polo pasteiro adiante. Separámonos e o cabrón do año seguiume a min. Oes, deume unha turrada, que aínda me doe a cacha hoxe ó recordalo.

Se dese chorado as palabras, anegaría a esta aldea cun rego de historias sobre a nosa xuventude.

A cantas festiñas teremos ido, e andando, todos en grupo. Rapaces e rapazas, pareciamos unha roga que ía segar. Eramos tantos que ben enchiamos nosoutros sós o campo da festa. Lémbraste? Ou o que maquinamos facer na casa da vella Angustia, cando lle escapamos cun par de queixos que tiña a curar nunha fiestra do cuarto. O Antón agatuñou pola parede, parecía unha hedra. E nós os dous agardamos abaixo, vixiando que non aparecese a vella. Aquel serán fartamos o bandullo a base de queixo. Eu ben pensei de rebentar. Que tempos! Hoxe nada. Os novos de agora xa non saben ir a unha festa. Discotecas e outras trapalladas máis, así é como se divirten. Que lle imos facer. Como dicía o Antón: Na xuventude está o futuro. Deus queira que o camiño cara a ese porvir non estea cheo de tantas espiñas como o que andou a nosa mocidade, nin de malas horas coma a que lle caeu ó infeliz do Antón! Hostias, Manuel! Aínda me aterezo coa escena. Que non merecía que o matasen a fouciñadas. Eses Piñeiros foron uns criminais. Nun segundo quitáronlle a vida a un home por un maldito rego de terra. Hai que barrenar para entendelo. Mira que os vin pasar pola mañá cedo por diante da miña casa, ó Francisco e mais á nai. Ían buscar nabos ó leiro do Pichín. Así me dixeron, cando falei con eles por riba da porta. Nada estraño lles notei nin nas palabras nin nos xestos. Abofé que coñecía as súas teimas e que lles gustaba moito botar a lingua a pacer. Pero, dime ti quen carallo podería sospeitar o que ocorrería despois. Ninguén! Porque esta clase de feitos acontecen cando menos un sospeita.

E de cómo pasou aquilo tampouco me preguntes, porque todo o que sei aprendino de oídas; e das falacias da xente… Como dixo o outro, nestes casos andan os ladróns atrás dos que rouban. Segundo lareou o Secundino, que estaba anciñando na folla no curro do Castro, a liorta principiou no mesmo paso dos Tarreos. Alí puxéronse a farfullar. Disque ouveaban coma lobos, tirándose desafíos. Que se eu son un vello chocho, serei vello pero non un gatuñeiro coma ti e os da túa xinea. A Encarnación seica lle chamou comenencias ó Antón. Pódelo crer! Inda non sei como tivo vergonza, ou esquece que na casa deles faltoulles o tempo para especularen coa pobreza dos demais. E logo cómo se lle chama ó que facía o pai dela cando se dedicaba, terminada a guerra, a botar anónimos por baixo da porta nalgunhas casas. Deber patriótico! Ou cando lle daba ó matute. As verdades non se poden negar, ¡carallo! A cousa é que cuspiron aldraxes a moreas, ata que fartaron. Despois nun intre, contou o Secundino que se oíu un berro queixoso. Sen outra cousa… E a mediodía, cando viñan para a casa, os da Peteira atoparon o cadáver do Antón, estirado entre as rodeiras de carro, a entrada dos Tarreos. Na mesma postura que o encontrei eu no momento en que fun axudar a apañalo. Oes, parece que o estou vendo alí, lastrado no medio da corredoira, coma unha envorca de esterco que che cae do carro, co sangue que lle escorregara pola queixada seco, o outro pingáralle na lama. Unha fouciñada traidora atináralle na gorxa. Custa traballo maxinar un panorama así. Aquilo arrepiaríalle a calquera que tivese sentimentos humanos. Un amigo noso tirado igual ca un can. Mesmo o can que mataron a forquitadas os Piñeiros. Me cago no demo, Manuel, viñéronseme as bágoas ós ollos! En catro pasos, carretei coas cuncas das mans un fardel cheo de recordos. Foi coma se me arrincasen un bo cacho de carne. Por iso están cheas de mágoa e inquedas, aínda senten na pel a quentura do seu corpo morto O que che é esta vida! Érgueste dunha maneira, e non sabes se te vas deitar do mesmo xeito. Ou sequera, se te vas deitar. E eu que de cote pensaba que as brolladas que botaban uns e outros quedarían soamente en palabras. Se me cortan non sangro, do teso que quedei ó ver aquel corpo alí, aquela envorca de ósos e carne. Aniqueime ó lado do seu corpo. Quixen moverlle a cabeza para buscar a súa mirada, pero alguén me berrou que o deixase. Que fas, ho! Non toques nada senón despois cómo van realizar as investigacións os gardas. Mira ti, que me importaba a min naquel intre as investigacións e mais os gardas. O que de verdade quería era atopar un milagre, que o malpocado do Antón revivise. Con todo, non cheguei a tempo. Para estes acontecementos non sei porque pero sempre se chega tarde, Aínda que non estea na nosa vontade. Vén darriba e contra iso nada se pode.

Despois veu o circo do levantamento do cadáver. A Garda Civil e unhas cantas persoas máis presentáronse no lugar. Con maletíns e outras cantas trangalladas. No momento de veren o remuíño dos que estabamos a mirar decidiron ciscarnos e afastarnos do sitio, agás ós da Peteira por teren atopado o corpo morto do Antón, que os chamaron á parte. Falaron con eles uns minutos. E pouco máis. O asunto era doado de resolver. Dous contra un, e se o que está só é un vello, tocáballe perder. Aínda hoxe moitos se estrañan de que o Antón non tivese sacado o rebocador de zoqueiro que portaba sempre no peto. Para qué, penso eu. Se cadra de pouco lle ía servir. Tíñaa alí e acabouse, meu amigo. Acabouse…

Chora, canteiro, chora! Que iso é bo para cuspir a rabia que che consome a alma.

Arestora, un home, que xa nin iso é, repousa na choupela. Irá podrecendo neste fornelo frío, namentres lle fai compaña á muller, ata que fique comesto polos vermes. Como nos ha de pasar a todos. Levabas razón cando dicías que o home vaise e a terra permanece. Unha casa sen dono, e unha familia estragada pola cobiza. Todo por uns malditos metros de foulo e pedras! Que o demo o entenda! Todo remata, e o meu traballo tamén que o día vai adormecendo. Xa non precisa máis emendas. Ten dabondo. As mans cansaron de facer remendos na pedra, esgotóuselles o fío das lembranzas. Só resta que poida acougar co tempo a coita que lles produce a perda doutras mans irmás. Esta si que vai ser unha tarefa espiñenta. Como a de despedirme de ti, meu amigo. Marcho e non sei qué dicirche agás que descanses en paz. Afóganme as palabras na alma. E ti igual, Manuel. Que Deus coide das vosas almas! Ata que a súa vontade decida que nos xuntemos! Que non che ha de ser moi tarde, porque o paso dos anos vai aterecendo estes meus ósos. Igual que a xeada da noite endurece as corredoiras polas que eu agora teño que andar só coma un can vello e abandonado no medio do monte.

(Versión modificada do relato homónimo que resultou gañador no Certame Ourense de Contos para a Mocidade de 1999)