Formulario de acceso protexido por Login Lockdown

4 SEPTIEMBRE, 2016

wilburys_email2

Ademais da súa imponente traxectoria como solista (puntualmente asociado con The Band), Bob Dylan formou parte do maior supergrupo na historia do rock, termo asociado a aquelas bandas xordidas da unión de figuras que xa gozan dun grande recoñecemento previo. De feito, e malia que o liderado oficioso do combo recaeu sobre George Harrison, aquela insólita aventura comezou no estudio doméstico de Dylan en Malibú, na primavera de 1988. Alí se xuntaran os dous con Roy Orbison e Jeff Lynne (membro da Electric Light Orchestra e produtor do máis recente traballo de Harrison, o exitoso Cloud Nine, de 1987). A idea era gravar entre todos un tema distendido e lixeiro, un divertimento entre vellos camaradas, para colocalo na cara B do novo sinxelo do ex Beatle, This Is Love. Chegado o momento de se poñer a traballar, Harrison decatouse de que esquecera a súa guitarra a noite anterior na casa de Tom Petty, que non vivía moi lonxe de alí. Así que cando se presentou na casa deste e o puxo ao día das súas intencións, Petty (que xa puxera os seus Heartbreakers ao servizo de Dylan durante os dous anos anteriores en senllas xiras polo mundo enteiro) naturalmente colleu as chaves, a súa propia guitarra, tirou da porta e converteuse de inmediato no quinto Wilbury. A lenda conta que entre os cinco deixaron lista Handle With Care en apenas cinco horas. O tema, que tiña un espírito mosqueteiro no que o traballo vocal se repartía entre todos, era tan bo que Harrison entendeu que non se podía desperdiciar nunha cara B. Así que os Traveling Wilburys limparon as súas axendas e volvéronse citar uns poucos días despois, desta volta na casa de Dave Stewart (tamén veciño, membro de The Eurythmics e colaborador nun dos últimos traballos que editara Dylan) para lle dar forma a unha das mellores noticias musicais do final da década dos oitenta.

 

The Traveling Wilburys vol. I

traveling-wilburys-volume-1-51f7593964e914

Publicado o 18 de outubro de 1988 por Warner Bros. Records, o primeiro traballo dos Traveling Wilburys foi recibido coa algarabía de quen a duras penas é quen de crer o que está vendo (os respectivos selos discográficos non se atreveron a poñer trabas a tan impactante reunión). Dylan, Petty, Harrison e Orbison xuntos na mesma banda (e Lynne, claro, pero ninguén semellaba moi entusiasmado ante a presenza do fundador da E.L.O., aínda que o seu papel na banda resultou fundamental). Os cinco cunha identidade falsa e compartindo o apelido Wilbury para facelo todo aínda máis entrañable. O álbum foi ben recibido pola prensa musical (que alabou a súa frescura e escasas pretensións) e, naturalmente, polo público: chegou ao número 3 nas listas de vendas dos Estados Unidos ao despachar dous millóns de copias en pouco máis de seis meses. Cunha carta de presentación espléndida, Handle With Care, os Wilburys vertebraron un traballo coral no que o timón ía cambiando de mans, e todos (salvo Orbison) exercían nalgún momento de patrón da nave.

Ademais de facer coros e tocar a guitarra ao longo de todo o disco, Dylan compuxo e lle puxo a voz solista a tres das dez cancións do álbum (aínda que nos créditos orixinais todas viñan asinadas en conxunto). A máis recoñecible no seu estilo é Tweeter And The Monkey Man, na que ao parecer contou coa colaboración de Petty (que xa en 2013 a incorporou ao seu repertorio cos Heartbreakers). É o tema máis longo do disco, e tamén o que achega unha letra máis densa e elaborada. O máis serio? Tan só en apariencia. En realidade estamos, ou cando menos esa é a conclusión á que chegaron case todos os críticos, ante unha homenaxe desenfadada a Bruce Springsteen. Dylan xoga con moitos títulos e lugares recorrentes na imaxinería do artista de Nova Jersey, para artellar a historia de dous narcotraficantes perseguidos por un policía que traballa infiltrado no crime organizado. Tamén destila humor negro Congratulations, unha sucesión de reproches a un amor perdido. É ademais a única canción do disco que Dylan chegou a interpretar algunha que outra vez en directo. Dirty World leva tamén a súa sinatura , aínda que neste caso contou coa axuda dos outros Wilburys á hora de escribir a coda final. Unha cuarta peza, Like A Ship (bastante máis frouxa que as anteriores) quedou fóra da selección final do álbum, pero recuperouse na reedición de 2007 en calidade de bonus track.

traveling1

A nivel de produción,o son do disco leva o selo FM rock inconfundible de Jeff Lynne. Desde a primeira escoita aprécianse as similitudes co Cloud Nine de Harrison, o Full Moon Fever de Petty ou o Mistery Girl de Roy Orbison (estes dous últimos, publicados en 1989). Ademais dos irmáns Nelson, Otis, Charlie T, Lefty e Lucky (Dylan) Wilbury, nos créditos deste Vol. 1 figuran tamén o seu curmán Buster Sidebury (Jim Keltner) á batería, Jim Horn ao saxo, Ray Cooper na percusión e Ian Wallace, que foi quen tocou os timbais en Handle With Care.

 

The Traveling Wilburys vol. III

ib583563

Publicado o 19 de outubro de 1990 de novo en Warner Bros. Records, xa sen Roy Orbison (a quen se lle rendía homenaxe no videoclip de End Of The Line, o derradeirosingle do disco anterior, rodado despois da súa morte), os Traveling Wilburys superviventes xogan ao despiste. Primeiro co título, que puxo cardíaco a máis dun coleccionista: onde estaba o segundo volume? En realidade é este! E despois cos seus nomes, que volven mudar. Dylan pasa a ser agora Boo Wilbury, e o seu protagonismo no álbum é sensiblemente maior, cando menos na parte vocal e de portas para fóra (porque o proxecto en si seguiu dirixido por Harrison e controlado por Lynne a nivel de produción). No contexto da súa súa carreira individual, entre as dúas entregas dos Wilburys atopamos un disco tan excepcional como Oh Mercy. A súa pegada neste Vol. III? Nula. Cero. Dylan recuperara a seriedade (e boa parte da inspiración), pero asuperbanda seguía sendo un pasatempo, unha reunión de amigos que trascendera do privado (por sorte para o resto do mundo), na que el tan só se deixou liar e levar. Si encaixa, por exemplo, con moito máis sentido na discografía de Tom Petty; en concreto entre os dous primeiros discos nos que o loiro de Florida colaborou con Jeff Lynne, Full Moon Fever e Into The Great Wide Open, ambos cunha estética sonora moi Wilbury (é dicir, moi Lynne).

En conxunto, esta segunda e derradeira entrega carece da espontaneidade e inmediatez da anterior. Pero escoitada sen prexuízos é, como mínimo, bastante digna. Dedicado á memoria de Lefty Wilbury (Orbison), o disco volve contar con Jim Keltner, Ray Cooper e Jim Horn como curmáns colaboradores, aos que se suma a guitarra de Gary Moore en She’s My Baby, tema de apertura e primeiro single do disco. A autoría de cada canción é moito máis complicada de establecer que no primeiro volume. Daquela, aínda que todas as cancións viñan asinadas por The Traveling Wilburys como colectivo (e na maioría dos casos eran froito da colaboración entre os cinco), a súa inscrición nas distintas empresas de royalties relacionadas con cada artista aclaraba quen levara a inciativa en cada caso. Aquí están todas rexistradas simultáneamente en todas estas compañías. Con todo, é obvio que Dylan leva a pluma, a harmónica e a voz cantante enIf You Belonged To Me, un medio tempo cunha melodía preciosa e unha letra tópica (en exceso) sobre o desencontro amoroso, que parece a medio escribir ou escrita en cinco minutos. Máis encanto ten a de Seven Deadly Sins, unha balada sobre sete novos pecados capitais amorosos, sustentada nunha estrutura ao máis puro estilo dos guateques dos anos cincuenta, rollo du-duá e demais. Un Dylan inédito ata ese momento. Tamén ten ese aire retro e naive When Were You last Night?, cantada a dúo con Harrison, e posiblemente composta a medias con el (a melodía non parece dylaniana pero algunhas das rimas, como a de “It’s getting to me” con “making me gloomy” resultan inequívocas). Inside Out é máis coral, con Petty e de novo Harrison cantando tamén algúns versos, pero con Dylan levando aínda a meirande parte do peso. A letra volve ser pueril, pero a canción ten unha forza extraordinaria e revélase como un dos mellores momentos de todo o disco e o que máis recorda ao desenfado natural do primeiro álbum dos Wilburys. Tamén semella evidente que Dylan tivo cando menos algo que ver na escritura de She’s My Baby, The Devil’s Been Busy ou Wilbury Twist, nas que cede protagonismo pero tamén se fai escoitar.

Wilburys1990_1